ANM 1. A música tradicional

Que é? I

Vexamos uns cantos termos que ás veces poden levar a confusión.

Folklore (ou folclore)  é unha palabra de orixe inglesa, que combina 'folk' (pobo) e 'lore' (saber, coñecemento). É o  conxunto de tradicións, costumes, manifestacións artísticas e demais saberes dun pobo. Inclúe tamén a música propia de cada pobo.

folclore

Así naceu o termo 'folklore musical' ou música folclórica para tratar a tradición musical que foi evoluíndo e transmitíndose oralmente.

As músicas novas escoitábanse nas feiras, nas viaxes, traíana xentes de fóra... e adaptábanse ás veces á nosa lingua, aos instrumentos musicais dos que dispoñían ou ao xeito de cantar propio.

Antes da aparición dos mass media ou medios de comunicación masiva (basicamente os de transmisión sonora: discos, radio, televisión, internet), a música folclórica era a propia do pobo, entón era a 'música popular', mais isto mudará máis adiante. Tamén se fala de música étnica, música rexional ou música típica.

música folclórica

Nalgúns contextos, a palabra 'folclore' ou 'folclórico' adquiriu un valor pexorativo, como sinónimo de algo rancio ou reseso.

Por iso, hoxe emprégase o termo 'música de tradición oral' ou música tradicional, que é o que utilizamos aquí.

A través do repertorio das bandas, dos orfeóns e do fonógrafo empezaron a escoitarse e popularizarse pezas novas con ritmos novidosos, algúns dos cales se adaptou perfectamente, coma a rumba ou a mazurca, é dicir, a nosa cultura asimilounos.

música popular 2

A comezos dos anos 30 do século pasado, co comezo das emisións de radio en Galicia e súa popularización, entran cancións e ritmos alleos. A partir de aquí falamos de música popular para o conxunto de pezas que se introducen a través dos mass media, vinculados á sociedade industrial e urbana. Esta música xa ten autores ou autoras determinados, escríbese e grávase para que perdure e xa non ten máis función cá de entreter ou acompañar a escoita ou os momentos de lecer.

música folc

Dende mediados do s.XX, empezaron a aparecer grupos musicais que renovaban e modernizaban as pezas da música tradicional. Naceu así a música folk ou folc, que non debemos confundir. Se ben parte da música tradicional, está máis preto da música popular, pois difúndese polos medios de comunicación e entra nas regras da industria musical e os dereitos de autoría. Outra etiqueta que se emprega moito é world music, ou música(s) do mundo, para as músicas tradicionais dende unha perspectiva globalizadora a nivel mundial e xa cun certo matiz comercial e de mestizaxe entre culturas.

etnomusicoloxía (etno: pobo + música + logos: estudo de) é a disciplina que estuda a música tradicional como feito cultural no seu contexto social, non dun xeito illado.

etnomusicoloxía