Actividade 4.3. Choque de forzas
ACTIVIDADE 4.3. Choque de forzas
Cando se produce un impacto ocorre un choque de forzas que actúan sobre o corpo humano poñendo en risco o seu funcionamento normal. A causa disto o organismo pode non ser quen de manter axeitadamente as súas funcións vitais e entrar nun proceso irreversible se non se atende con rapidez.
Para coñecer ben o que lle sucede ao noso corpo cando sofre un impacto, imos comezar por analizar a relación que existe entre a masa (# peso), a forza e a velocidade e as lesións físicas nun corpo humano tras o impacto dun accidente de tráfico. Analiza as leis de Newton para comprobar os efectos dunha colisión entre dous elementos (vehículo de motor, peón, ciclista). Fai un bosquexo dun choque frontal e debuxa as forzas que interveñen para logo expoñelo diante dos compañeiros. Analiza o resultado desa colisión sen esquecer identificar os prexuízos causados sobre os elementos que teñen menos masa.
Intenta aclarar estes puntos para poder abordalos se xorden na rolda de preguntas:
- en que parte do corpo recibimos a maior parte dos golpes?
- por que a fractura de cúbito é tan frecuente nunha colisión frontal?
- por que está o airbag máis importante do coche no volante do condutor?
- que tipo de lesións se producen nunha colisión lateral e nunha colisión por alcance?
- onde están colocados os airbags nun vehículo moderno?
- por que hai que cambiar o cinto de seguridade tras un impacto?
- por que se producen abrasións por causa do uso dos elementos de seguridade pasiva (cinto e airbag)?
- como actúan a velocidade, a forza e a presión na contundencia dunha colisión?
- en que contribúe a freada ABS á redución dos impactos?
- non se pode facer que o volante sexa máis brandiño para reducir o efecto dun impacto?
- en que tipo de innovacións se centra a empresa automobilística para mellorar a seguridade?
- fóra da industria do automóbil, que tipo de medidas se están a desenvolver para mellorar a seguridade?