Actividade 4.5. O suicidio como caída
ACTIVIDADE 4.5: O suicidio como caída
Segundo datos de 2013, o suicidio é a primeira causa de morte non natural en España, por riba xa dos accidentes de tráfico. Con todo, segue a ser un tema tabú en moitos ámbitos da nosa sociedade, o que dificulta moito que se leven adiante medidas preventivas.
As razóns que poden levar a unha persoa a tomar o camiño do suicidio soen ser múltiples e complexas, vense afectadas por factores de distinto tipo e son moi difíciles de prever. En definitiva, o suicidio é unha situación extrema derivada dunha complexa interacción de moitos factores (abuso de drogas, problemas estresantes, conflitos interpersoais, enfemidade física ou mesmo enfermidade mental).
Na película, Vítor sofre un intento de suicidio para rematar co seu sufrimento. Na construción deste personaxe vese claramente unha evolución que o leva do vitalismo (dous anos atrás) cara ao declive. Fíxate ben en todas as circunstancias que rodean a súa vida e analiza cales puideron ser os factores que contribuíron a encamiñalo cara ao desexo de morrer.
Por que pensas que o protagonista non atopa ningunha saída ao seu malestar e remata na autodestrucción? Tendo en conta isto, cales deberían ser as medidas que habería que adoptar para previr a conduta suicida? Como reacciona o seu círculo máis próximo ante o intento de suicidio?