.
-
Álvaro Cunqueiro
"Rosa Martiño", Álvaro Cunqueiro
Reloxeira ou nada
Rosa Martiño
Non me lembro se esta Rosa Martiño era de Betanzos ou de Noia. Diante da casa onde nacera [...], había unha reloxería. Como o reloxeiro era parente dela, un coxo moi bigotudo, Rosiña ía alí cada día, e afíxose a estar entre os reloxos, e pasaba as horas vendo o seu parente amañar os reloxos avariados. Cando chegou aos doce anos, dixo que quería aprender o oficio. Era entón unha mociña roiba, espigada, moi lucida de pernas, e sempre sorrindo. A nai quería que fose peiteadora de señoras, e o pai coidaba que tan lista como era, que seguro que podía estudar para mestra na Normal de Santiago. E Rosa terqueaba que ela sería reloxeira ou nada.
− Non se sabe que haxa reloxeiras en ningunha parte!, dicíalle a nai.
− Pois entón serei a primeira reloxeira do mundo!
L-Uhr_Wikimedia Commons_PD Consultado un amigo crego, dixo que a reloxería era un oficio moi decente, e que se a nena se daba maña e o parente aquel a ensiñaba, e a deixaba por herdeira da tenda, que non tiña fillos, Rosa tiña o porvir asegurado. A Rosa xa todos a coñecían pola Reloxeira. Pero a nai non cedía. Ía buscala á reloxería do parente, berraba con este, e que nada de facer herdeira á pequena. As cousas puxéronse tan mal para Rosa, que decidiu marchar para Buenos Aires, coa axuda do parente reloxeiro, que choraba ao perder aquela axudanta. [...] Ao fin, por amistades, tomouna a proba un reloxeiro suízo, viúvo. Rosa probou que sabía moi ben o oficio, e foi moi apreciada. Xa era entón toda unha moza, arroibada, metida en carnes, e seguía sorrindo, e namentres traballaba, tarareaba cantigas galegas. Todos os que traballaban ao seu carón, e aínda o suízo viúvo, querían casarse con ela. Rosa daba a todos moi boas palabras, e deixábase convidar ao Colón e a merendar patacas á inglesa.
Un día chegou á tenda un brigadier que se chamaba Borges [...]. Unha sociedade italiana agasallárao cun fermoso reloxo, pero cando o brigadier Borges quixo poñelo en hora e darlle corda, resultou que o reloxo non andaba. [...] E tras dúas horas de estudo do reloxo, Rosa díxolle ao patrón que aquel reloxo non estaba feito para andar, que non tiña as pezas precisas. O suízo viúvo estudou tamén o reloxo, e tiña razón a Rosa: eran catro pezas cuadradas e unha especie de mecha todo o que tiña dentro. Chegou o brigadier a buscar o reloxo, e déronlle a noticia de que era un reloxo de trampa, todo aparencia, e que tal como estaba a ciencia da reloxería, que non podía andar. Que quizais andara cando viñeran outros adiantos, pero que no día en que estabamos que non, e que máis parecía burla. O brigadier saíu a cabalo buscar os italiáns do agasallo, pero non os atopou. Ao día seguinte caeu do cabalo, cando saía a seguir a busca dos calabreses, e morreu dun ataque ao corazón. Co desgusto e a rabia.
Ninguén veu buscar o falso reloxo. Rosa seguía solteira, e de vez en cando tomaba unha hora para estudar a peza, que tiña unhas fermosas tapas, cunhas corzas en relevo. Unha mañá, co reloxo na man, cheiroulle a queimado. Abriu o reloxo e estaba ardendo aquela mecha amarela que tiña, e toda a maquinaria púxose ao roxo vivo. Rosa tirou o reloxo ao chan. O reloxo estoupou. Era un atentado contra o brigadier Borges, preparado polos italiáns, e que se produciu cun ano de atraso. Rosa saíu en xornais e revistas, e aparecéronlle moitos pretendentes. Ao fin, como sempre estaba pensando en volver a Noia ou a Betanzos, casou cun piloto mercante. Pero resultou que o piloto non quería seguir navegando, que o que quería era exercer o oficio de reloxeiro. O suízo viúvo meteuno na súa tenda. Así é a vida.
"Rosa Martiño", en Os outros feirantes (texto adaptado), Álvaro Cunqueiro
CONTIDOS QUE TRABALLARÁN A TRAVÉS DO TEXTO
- Vocabulario do texto.
- Acentuación de ditongos e hiatos.
- Acento diacrítico.
- Os tempos verbais.
- O Copretérito de Indicativo e o Presente de Subxuntivo dos verbos rematados en -aer, -oer, -uir e -oir.
- As funcións sintácticas.
- Os castelanismo e os hiperenxebrismos.
- Biografía de Álvaro Cunqueiro.
- O estilo narrativo de Cunqueiro.
- Obra narrativa principal de Cunqueiro.
- O tratamento das personaxes femininas na obra de Cunqueiro.
- Os pseudónimos.
Comprensión textual Análise lingüística Análise literaria Proxecto transversal Apartado destinado a traballar os textos de forma transversal co obxectivo de realizar un proxecto final, un mural interactivo ou en papel, cuxo fío condutor vai ser "O papel da muller na literatura: personaxes e narradoras".
Autoavaliación