Esquema de temas

  • GUÍA PARA A DIVERSIFICACIÓN DE ESPAZOS EDUCATIVOS NA ESO DENDE UNHA PERSPECTIVA INCLUSIVA, IGUALITARIA E INTERDISCIPLINARIA

  • Antes de entrar en materia cómpre entender que pretende ser este documento e cales son as súas bases. Sen esa composición de lugar previa, o resto do traballo perdería sentido. Como docentes, parece fundamental coñecer en que se basea esta proposta e cara onde se dirixe.

    Así, este bloque servirá como un primeiro achegamento e como xerme da motivación e do interese. Presentaranse os obxectivos perseguidos, as posibilidades e os fundamentos nos que se sustenta a proposta. Polo tanto, axudaranos a tomar conciencia sobre a situación actual.


    Etiquetas: 4 Páxinas: 4 Glosario: 1
  • “Rompamos, pois, os muros da clase. Levemos o neno ao campo, ao taller, ao museo… Ensinémoslle a realidade na realidade antes que nos libros e entren na clase só para reflexionar e para escribir o que no seu espírito permaneza ou nel brotase…”

    Con esta reflexión, Manuel Bartolomé Cossío (1857-1935), pedagogo e unha das figuras fundamentais da Institución Libre de Ensinanza anunciaba a necesaria ruptura co modelo de transmisión de coñecementos a prol da autonomía do alumnado, construtor da súa propia aprendizaxe e inmerso en diferentes escenarios que o conecten coa realidade e promovan o pensamento crítico.

    Semella que, por fin, máis dun século despois os organismos competentes en materia de educación a nivel europeo, impulsados polo complexo avance da sociedade, comprometéronse a impulsar o cambio nos países membros. Os centros educativos deben estar preparados para asumilo enfrontándose a novas metodoloxías que empurren a docentes e alumnado a romper para sempre os muros das aulas.

    Etiquetas: 4 Páxinas: 4 Leccións: 2
  • "O simple movemento das ás dunha bolboreta pódese sentir no outro lado do mundo"

    Este proverbio chinés foi empregado polo matemático e meteorólogo Edward Lorenz para explicar a teoría do caos, segundo a cal, un pequeno cambio pode provocar un efecto considerable e imprevisible.

    Dentro da sociedade actual, cada vez máis complexa, dinámica e interconectada, accións desenvolvidas no plano local terán un impacto a nivel global. Nese sentido, a competencia global representa o necesario instrumento que permite a toma de conciencia e a busca de solucións a problemas relacionados co desenvolvemento sostible e coas desigualdades e inxustizas sociais que afectan á comunidade global.

    Este novo bloque vai permitir afondar en diferentes mecanismos para a adopción de perspectivas diversas e interaccións en diferentes espazos ao abeiro de valores de respecto, tolerancia, igualdade e inclusión que contribúen a propiciar a inmersión do alumnado no mundo que o rodea.

    Etiquetas: 4 Páxinas: 2 Leccións: 3
  • “O fundamental cometido da arquitectura é o aloxamento e a integración. A arquitectura articula as experiencias do ser-no-mundo e fortalece o noso sentido da realidade e do eu”. Así definía o arquitecto finés, Juhani Pallasmaa, a razón de ser da arquitectura. E Steven Holl, arquitecto estadounidense, tamén falaba de que “a arquitectura ten o poder de inspirar e transformar a nosa experiencia do día a día”.

    E pese a que como docentes non somos en si profesionais da arquitectura ou da construción, si que temos a capacidade de modificar os espazos, de vivilos e, sobre todo, de xerar experiencias neles a través da construción de contornas de aprendizaxe.

    Neste bloque achegarémonos á inclusión e ao respecto pola diversidade na ocupación do espazo, a aquelas ferramentas que permitan introducir cambios para lograr espazos amables a acolledores para o alumnado e animarémosvos a romper os límites da aula como contedor único de aprendizaxes e saberes.


    Etiquetas: 4 Páxinas: 4 Leccións: 2
  • “A imaxinación é a facultade de descubrir, de xeito preeminente. É aquelo que penetra nos mundos invisibles que nos rodean, os mundos da ciencia.”

    A autora desta fermosa cita e Ada Lovelace, considerada hoxe en día a primeira persoa programadora da historia; pero tiveron que pasar innumerables anos dende o seu falecemento para que se lle recoñecera dito prestixio. Sendo, así, un de tantos exemplos de aportacións de mulleres ao campo STEAM que quedaron esquecidos ou apartados.

    A través deste módulo, achegarémonos a importancia do enfoque STEAM na aproximación do alumnado á resolución de problemas da vida real, non perdendo de vista o enfoque de xénero que permita ás estudantes fomentar o seu interese, así como, poñer en relación e materializar a ciencia coa vida cotiá na procura de solucións que incidan na calidade de vida e no benestar.


    Etiquetas: 4 Páxinas: 2 Leccións: 4 Escollas: 2
  • "A mensaxe central é simple: todo o alumnado conta e conta por igual."

    Con esta frase, a UNESCO (2017) destaca como os principios de inclusión e equidade deben, non só asegurar o acceso á educación, senón garantir que existan espazos de aprendizaxe e pedagoxías de calidade que permitan a todo o alumnado progresar, comprender as súas realidades e traballar por unha sociedade máis xusta.

    Así, este bloque achegaranos a estratexias metodolóxicas para canalizar o traballo creativo do alumnado e a estratexias de expresión artística, tecnolóxica e de resolución de problemas reais nun contexto de traballo cooperativo onde o obxectivo sexa a realización dun proxecto compartido.

    Etiquetas: 4 Páxinas: 3 Leccións: 5
  • O patio escolar é un espazo de especial relevancia para a socialización e a aprendizaxe. O espazo xoga un papel clave no desenvolvemento integral do alumnado podendo limitalo ou favorecelo. É o patio un lugar onde se reproducen roles de xénero tradicionalmente masculinos ou femininos. Habitualmente observamos que se produce unha distribución diferente e desequilibrada do uso dese espazo.

    Este traballo pretende aportar ferramentas para detectar e analizar as barreiras que están impedindo unha distribución equitativa e igualitaria nos espazos de lecer dos centros educativos.

    Etiquetas: 4 Páxinas: 2 Leccións: 3
  • Ficheiro: 1
  • Créditos de imaxes e vectores alleos


    Licencia de Creative Commons

    "Guía para a diversificación de espazos educativos na eso dende unha perspectiva inclusiva, igualitaria e interdisciplinaria"
    por Rosa María González Iglesias e Elisa Moreira García
    publícase baixo unha licenza
    Creative Commons Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 4.0 Internacional

    Recurso creado durante unha licenza retribuída pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia

    Ficheiro: 1