Themen dieses Kurses
-
Benvidas e benvidos Ao Son Da Nosa Música.
Un proxecto colaborativo e expansivo que ten como obxectivo a creación e desenvolvemento dun proceso innovador de participación da Comunidade Educativa no coñecemento, valoración e difusión da música en galego entre a xuventude como ferramenta impulsora de dinamización lingüística, social e cultural.
A motivación deste proxecto está baseada nunha análise realizada no presente curso sobre os hábitos musicais do alumnado galego, da que se desprende un alarmante grao de descoñecemento da música en lingua galega. Ao mesmo tempo, partindo tamén dunha serie de entrevistas previas con artistas galegas e galegos, chegamos á conclusión de que é preciso tecer pontes reais entre o mundo artístico e o educativo. (ArtEscola)
Por isto consideramos tan importante crear recursos didácticos dixitais e propostas metodolóxicas activas para implementar na aula dun xeito transversal, coa Arte como ferramenta facilitadora (STEAM).
Máis de 1.000 enquisas realizadas en 24 centros educativos, 20 videos interactivos con artistas e divulgadoras, 6 secuencias didácticas con cadanseu proxecto de investigación (ABP), 2 programas de radio , 2 sintonías propias, vídeo-titoriais, infografías ...
Achegádevos ás nosas-vosas redes, se vos presta, para asubiar con nós e saber máis do proxecto.Comeza as actividades desta AV premendo o botón de Guía-T para coñecer como se organizan. -
Benvidas e benvidos á primeira actividade de Ao Son da Nosa Música.
Imos comezar coñecendo a opinión da aula sobre diferentes aspectos relacionados coa música: que música escoitas? A través de que medios? Que estilos? En que idioma? En que ámbito se escoita música no teu centro educativo?...
A proposta é tecer un mapa sonoro do voso centro e poder comparalo con outros de toda Galiza.
Seguide as secuencias dos botóns para avanzar nas propostas e seguir asubiando!!!
-
Na actualidade, na nosa contorna próxima, podemos atopar un grande número de creadores e credoras de música. Queres coñecelas?
Con "Ao Son dos Encontros dialóxicos" poderás coñecer máis sobre quen son, como é a súa música ou cales eran os seus gostos cando eran da vosa idade. Tamén imos coñecer que opinan sobre os hábitos de consumo musical da mocidade. E, por que non, lanzamos un convite a colaborar cos nosos centros. Gustaríache que fose ao teu? Gravando xuntos un videoclip? Convídalos a participar no voso programa de radio escolar?...Mergúllate entre os botóns para seguir asubiando!!!
-
No teu centro hai radio escolar? Se aínda non tedes unha animámosvos a botar unha ollada aos videotitoriais da Rede Espora.
E se xa a tedes podemos asubiar xuntas nunha serie de programas de radio escolar expansivos chamados Ao Son da Nosa Radio.
Para isto comezamos por escoller entre toda a aula o proxecto artístico que máis nos interesa. Pode ser algún dos músicos ou músicas que están a traballar con Ao Son da Nosa Música ou outros da vosa contorna. Aquí tendes un exemplo dunha entrevista realizada polo alumnado do IES do Milladoiro a Guadi Galego.
Animádevos a seguir avanzando polos camiños do vento!!!
-
É o momento de ir pensando en que somos quen de crear as nosas cancións orixinais ou versións dos temas que estamos a ver. Para comezar, Informa-T con estes vídeos onde o músico Ico (O Sonoro Maxín) comparte con nós cal é o seu xeito de crear música: como se inspira, como o recolle, como o escribe e o comparte coa súa banda. Tamén poderemos ver como fai o recoñecido You Tuber Cousxs os seus videos divulgativos.
Que tal se agora creamos nós? Imos espallar a creatividade na aula. Atentas e atentos aos nosos consellos e seguide os asubíos.
-
A nosa cultura popular é moi diversa e rica de cara a creación e transmisión de letras, que se conservan como pingas poéticas da sabiduría colectiva en diversos cancioneiros que conforman un interesante mapa sonoro de Galiza. Entre estes cancioneiros podemos atopar, entre outros, o interesante traballo realizado por Dorothé Shubarth e Antón Santamarina no Cancioneiro Popular Galego.
Agora ben, no panorama musical galego actual existe moita música con letra de autoría que merece ser tratada como un espazo poético contemporáneo que pode aportar moita riqueza ás aulas.
Así pois, nesta sección asubiaremos letras populares e letras actuais para tentar achegarvos un repositorio poético co que poder gozar dende unha visión inclusiva.
A maiores, tamén aprenderemos a lexendar videoclips.
-
Un espazo pensado para a comunidade educativa onde atoparedes recursos ordeados para poder empregar na aula. Experiencias didácticas moi interesantes que merecen ser proxectadas de xeito expansivo, webs de interese, artigos de prensa, tendencias de YouTube, listas de reprodución de Spotify ... Asubíanos se consideras que podemos incluír algunha máis. Agradecerémolo ao son da nosa música!!! -
IMPORTANTE:
Os seguintes temas deberán permanecer ocultos para o alumnado, posto que son repositorios das actividades que se propoñen nas secuencias da AV.
Preme na seguinte etiqueta de DESCÁRGA-T para acceder a todo o material que desexes descargar.
-
-
-
E aquí temos agora o segundo video interactivo que realizamos. Queres coñecer a esta grande artista polifacética? Pois avante video Ao Son de Laura Romero!!!
-
Este é o primeiro video interactivo dunha serie de encontros dialóxicos con artistas que están a crear música en galego.
Deixámosvos Ao Son de Xabier Díaz!!! -
Aquí tendes un video imprescindíbel da última entrevista de Sés coa súa querida e admirada Luz Fandiño.
-
-
Hai moitos e bos recursos en galego na rede para traballar a radio escolar. Aquí vai unha pequena escolma que consideramos moi interesante.
-