Diagrama de temas
-
MÓDULO 1. Previsionado. Presentamos a película
As actividades de previsionado propostas aquí parten do cartel da película, avanzan polas pistas ofrecidas no trailer e compleméntanse con información como a das fichas técnica e artística.
Nelas o alumnado vai poder explorar como chega individual e colectivamente a un visionado completo ou fragmentado do filme. Deste xeito, deixará constancia dos seus coñecementos e actitudes previas nunha enquisa individual e anónima que pode servir de plataforma de reflexión global inicial á que se pode volver para comprobar os avances nos obxectivos establecidos ao principio.
Visionado da película
A continuación pódese ver a película desde o inicio premendo no botón Play, situado no centro do reprodutor.
Ademais, se se fracciona o visionado do filme en diferentes sesións, pódese acceder a 3 partes de pouco máis de 20 minutos pulsando os botóns situados na parte inferior (Primeira, Segunda e Terceira Parte).
Finalmente, para ver o filme a pantalla completa hai que pulsar o botón correspondente situado na parte inferior dereita do reprodutor en funcionamento:
-
MÓDULO 2. Previmos os accidentes de tráfico
Durante o visionado da película tivemos a oportunidade de observar as circunstancias en que se pode producir un accidente. Trátase sempre dunha situación complexa onde inflúen factores de distinta índole (factor humano, vehículo e vía); de todos eles, o factor humano adoita ser o desencadeante da maior parte dos sinistros. O habitual é que os accidentes estean orixinados por unha infracción ou unha distracción.
Imos revisar a conduta, o comportamento e mais a actitude dos personaxes respecto das normas de circulación e tránsito para logo poder valorar que medidas se poderían adoptar para reducir o número de sinistros.
Logo podemos valorar o tratamento informativo que se lles dá aos sucesos de tráfico en distintos medios de comunicación e como nos inflúe a repercusión que ten en nós como espectadores. -
MÓDULO 3. Xestionamos as nosas emocións
A compoñente emocional está moi presente ao longo da película e constitúe un ingrediente central da trama. Durante o tempo que dure o visionado desenvolveremos actividades de instrospección emocional para coñecer mellor as nosas emocións e reaccións co fin de aprender a controlalas mellor. Durante o visionado podemos reflexionar sobre as emocións que desencadee en nós a película.
Como recursos ofrécense neste módulo un documento para a descrición das emocións e mais o guión da película.
-
MÓDULO 4. Miramos pola nosa saúde
Os accidentes de tráfico son un problema de saúde pública de primeira magnitude. Os datos de sinistralidade que ofrece a Dirección Xeral de Tráfico dan boa conta desta afirmación:
- cada ano morren en España 54 persoas por cada millón de habitantes.
- os accidentes de tráfico constitúen a primeira causa de morte entre os máis novos.
- cada ano morren arredor de 120 persoas en Galicia por causa dun sinistro.
- a atención sanitaria das vítimas supón o 25 % dos orzamentos da sanidade pública.
Á marxe da fría visión dos datos, cómpre facer fincapé en que un accidente grave trastorna seriamente a vida de quen o sofre e mais do seu círculo familiar; pode producir secuelas físicas nos accidentados e psicolóxicas e emocionais en todos eles. Estas secuelas en moitos casos son cuantificables e noutros moitos, non.
-
MÓDULO 5. Coñecemos o cine
A análise dos elementos cinematógraficos pode contribuír dunha maneira decisiva á nosa educación audiovisual co obxectivo de entender en toda a súa amplitude os significados rectos e simbólicos dos produtos cinematográficos. O cine é unha construción artística que está moi presente nas nosas vidas, ao alcance de todo mundo grazas á difusión televisiva. A visión que ofrece do mundo en que vivimos pode ofrecer un punto de vista que nos axude a comprender a realidade que nos rodea. Alén disto, o cine contribúe á construción dun mundo de ficción a través do uso de elementos cinematográficos máis ou menos complexos que constrúen para o espectador unha atmosfera arredor da historia.
-
Recursos
Neste espazo pódense consultar recursos de distinto tipo cos que apoiar a realización das distintas actividades.
-
Ampliación: Proxecto de centro de educación viaria
Ao final do traballo da unidade didáctica seguramente teremos espertado interese do alumnado e do profesorado sobre a importancia de construír un espazo común máis democrático para as persoas e os vehículos e mais de inculcar unha nova visión do uso dos espazos públicos onde todos poidamos gozar, independentemente da idade, do sexo ou do nivel de mobilidade.
Partindo dos intereses do noso alumnado, podemos desenvolver un proxecto de centro que consiga obxectivos en materia de educación viaria no contorno educativo máis alá do que ata agora viñamos realizando arredor da aprendizaxe dunhas normas básicas de tráfico.
-
Autoría, créditos e fontes
Neste apartado pódese acceder tanto aos datos de autoría e créditos da unidade didáctica como ás fontes do curso para exportalo ás aulas virtuais dos centros educativos.