Oferta semipresencial na EOI Vilagarcía
Este próximo curso 2024-2025 mantemos a oferta educativa en semipresencial cos cursos B2.1 2 B2.2 e ampliámola co curso C1.1
Que supón a ensinanza semipresencial?
Nun curso semipresencial, que equivale á totalidade de horas do curso presencial (120), a metade da docencia impártese nunha única sesión semanal de dúas horas, onde se traballa un enfoque comunicativo orientado principalmente ás destrezas de produción e mediación orais. A outra metade da carga lectiva desenvólvese na aula virtual, onde o alumnado traballa e prepara as diferentes actividades de lingua de xeito autónomo, co apoio e orientación do profesorado. Para esta modalidade non é necesario libro de texto pois o material de aula foi creado especificamente para estes cursos por profesorado da EOI.
Como sei se a modalidade semipresencial é para min?
Esta modalidade de docencia require por parte do alumnado un alto grao de autonomía como aprendiz de lingua, un alto grao de motivación para poder facer de xeito autónomo as actividades propostas pola persoa titora para cada semana, así como coñecementos de informática, para poder desenvolverse no ensino virtual. Hai que ter en conta que nesta modalidade, o tempo de interación coas persoas compañeiras de grupo redúcese á metade no cara a cara, e será necesario invertir moito tempo na parte virtual, para poder consolidar os contidos e tamén fomentar as interacións na aula virtual, xa que o ensino presencial e o virtual nesta modalidade son interdependentes.
Se accedes ou promocionas ao nivel, e estás interesado/a nesta nova modalidade de ensino, animámoste a que consultes os Consellos para ter éxito no ensino semipresencial.
Se tes dúbidas contacta coa eoi.vilagarcia@edu.xunta.gal.