Skip to Content

Que é a proba de clasificación?

A proba de clasificación está pensada para o alumnado que se quere matricular nos estudos oficiais (presenciais) das escolas oficiais de idioma e que xa ten coñecementos previos. Consiste nunha proba que diagnostica o seu nivel de idioma e lle dá acceso a un curso determinado.

Debe saber que:

  • a proba de clasificación NON CERTIFICA un nivel de lingua, soamente fixa un nivel de acceso para estudar na modalidade oficial (presencial);
  • non outorga automaticamente unha praza. Unha vez teña o resultado da proba de clasificación, o alumnado debe seguir o procedemento establecido de preinscrición, adxudicación de prazas e matrícula;
  • terán dereito a realizar as probas de clasificación de cada idioma aquelas persoas que non teñan estado matriculadas no idioma que se pretende estudar na modalidade oficial (alumnado presencial) nos DOUS ÚLTIMOS CURSOS;
  • a proba dará acceso a un curso e nivel específicos e soamente a ese curso e nivel (non poderá matricularse nun curso nin superior nin inferior ao que indique o resultado da proba). É posible facer unha recolocación de nivel nas dúas primeiras semanas de curso se o nivel asignado non se corresponde co grao de coñecementos do alumno.
  • se a proba lle dese acceso a un nivel xa superado anteriormente, esta quedaría sen efecto;
  • para realizar a proba de clasificación o alumnado deberá cumprir o requisito de idade das escolas oficiais de idiomas (cumprir 16 anos antes do 31 de decembro do ano no que se matricula na proba, se se trata da lingua que cursa como primeira lingua estranxeira na ESO, ou cumprir 14 anos, se desexa facer a proba dun idioma diferente ao que cursa como primeira lingua estranxeira na ESO);
  • a matrícula e a realización das probas de clasificación teñen lugar unicamente na sede central da EOI de Vigo, sita na avenida Martínez Garrido n.º 17 en Vigo;
  • a estrutura da proba poderá variar segundo o idioma escollido;
  • o resultado da proba de clasificación terá validez para acceder ás escolas oficiais de idiomas durante dous cursos académicos;
  • é necesario ter DNI ou NIE en vigor.

TAXA DA PROBA DE CLASIFICACIÓN

A taxa da proba de clasificación é de 17 € por cada idioma.

Exceptúanse:

  • Familia numerosa categoría xeral: 8,5 €
  • Familia numerosa categoría especial: 0 €
  • Persoas con minusvalía igual ou superior a 33%: 0 €
  • Persoal funcionario docente: 0 €

Consulte a información sobre o pagamento de taxas.

DOCUMENTACIÓN QUE DEBE ENTREGAR

Para formalizar a súa matrícula na proba de clasificación deberá:

  1. descargar o formulario de matrícula (un por cada idioma) e enchelo,
  2. aboar a taxa correspondente dunha das seguintes maneiras (os procedementos e códigos son os mesmos que para as taxas de matrícula e están explicados aquí),
  3. presentar na secretaría do centro, no horario de atención ao público e dentro do prazo establecido os seguintes documentos:
    • o formulario de matrícula para a proba de clasificación
    • o impreso de pagamento de taxas
    • unha copia do seu DNI/NIE

Deberá entregar a documentación presencialmente na sede central dentro do prazo establecido.



page | by Dr. Radut