O pasado venres, 3 de decembro de 2021, a directora da Fundación Xapón en Madrid, Keiko Morito, foi recibida polo profesorado do departamento de xaponés e pola directora da EOI de Vigo, Laura Torrado.
Tras as primeiras presentacións, Keiko Morito realizou unha visita á escola, quedando moi sorprendida tanto polas diferentes decoracións que se están a realizar co gallo do Nadal como pola escola en si mesma, usando a expresión xaponesa 「rippana gakkou りっぱな学校」, unha escola espléndida.
A continuación visitou o obradoiro de Kanji e preguntou aos alumnos cal era o seu motivo para estudar xaponés, surxindo respostas como “para vivir no Xapón”, “polo manga e o anime”, entre outras. Os alumnos alegráronse moito pola visita e, aínda que eran a maioría deles do nivel A1, trataron de falar en xaponés todo o posible.
Por último, realizouse unha entrevista entre a directora da Fundación Xapón e o profesorado do departamento de xaponés, para coñecer cal foi o desencadeante de que nos convertisemos en profesores de xaponés.
Agardamos volver recibir a visita de Morito-san moi pronto!
ありがとうございました!