O acceso á preinscrición en liña realizarase, nos prazos establecidos,desde o enderezo: https://www.eoidigital.com/preinsxunta
A persoa que desexe solicitar unha praza nas escolas oficiais de idiomas deberá darse de alta no sistema. Para iso deberá indicar a súa data de nacemento e o seu número de DNI ou NIE. O formato destes campos indicarase na pantalla:
• Data de nacemento: dd-mm-aaaa.
• DNI: 8 díxitos seguidos dunha letra.
• NIE: comezará por X, Y ou Z, seguido de 7 díxitos e finalizado pola letra correspondente.
(O alumnado que non estea en posesión dun DNI ou NIE e queira matricularse co seu pasaporte, debe achegarse presencialmente na oficina administrativa do centro.)
Unha vez que se acceda coa data de nacemento e o número identificativo, terase acceso a unha pantalla para introducir os datos persoais. Será obrigatorio cubrir unha serie de campos para seguir co proceso de solicitude. Os datos que se solicitan son de nacemento e de residencia. Igualmente, terase que introducir un contrasinal que permitirá con posterioridade acceder ao proceso de preinscrición en liña. Para os casos de perda de contrasinal pedirase tamén unha pregunta/resposta secreta que permita recuperar o contrasinal. Os datos introducidos poderán ser modificados con posterioridade, sempre e cando a/o usuaria/o posúa os datos de acceso.
Unha vez cubertos todos os campos de datos persoais, e a continuación das pantallas de confirmación, accédese á solicitude de prazas. Na pantalla aparecen, en primeiro lugar, dous cadros despregables de datos nos cales hai que indicar o idioma que se solicita e o curso. A oferta é conxunta entre todas as escolas oficiais de idiomas de Galicia, polo que no despregable aparecerá a oferta de todas as EOI. A orde para solicitar unha praza é a seguinte:
Elección do idioma.
Elección do curso entre os ofertados para o idioma seleccionado anteriormente.
Elección do centro en que se desexe a praza.
Elección do grupo segundo os ofertados.
Os puntos III e IV poden ser repetidos varias veces nunha mesma solicitude.
A solicitude é única por idioma, é dicir, unha mesma persoa solicitante non poderá realizar máis dunha preinscrición para un mesmo idioma. Dentro da preinscrición poderanse realizar varias opcións para unha mesma solicitude. O sistema poderá emitir xustificantes como garantía da solicitude da praza.
A solicitude realizada poderá ser consultada, modificada e incluso eliminada en calquera momento e sempre que o proceso non estea pechado, segundo os prazos establecidos. Poderanse engadir novas preinscricións, modificar opcións dentro dunha preinscrición e mesmo eliminar preinscricións existentes. O acceso a partir da segunda vez realizarase coa data de nacemento, o DNI/NIE e o contrasinal indicado no momento da alta.
A adxudicación de prazas realizarase da seguinte maneira:
No momento da preinscrición, a aplicación asignaralle un número a cada solicitude.
Seguindo o procedemento establecido nesta resolución obterase, en sorteo público, un número de corte por idioma. Este número obterase de entre todos os números que a aplicación lle asignou a ese idioma. Tomarase como primeira solicitude a que teña o número obtido no sorteo.
Comprobaranse as peticións efectuadas pola/o solicitante e, se hai dispoñibilidade no primeiro grupo que solicitou, asignaráselle praza inmediatamente, descartando o resto de peticións feitas para ese mesmo idioma por esta persoa.
Se non hai prazas dispoñibles na primeira opción, terase en conta a súa segunda opción e así sucesivamente. En caso de que en ningunha das opcións solicitadas existan prazas vacantes, descartarase esta solicitude e continuarase coa solicitude que teña o seguinte número, en orde ascendente.
Unha vez comprobadas as peticións de todas as persoas solicitantes, xerarase unha lista de reservas, que terá en conta unicamente a primeira opción solicitada e comezará pola primeira persoa solicitante que non obtivese praza.
Unha vez realizada a adxudicación de vacantes, na consulta de preinscricións↩ poderase ver se se obtivo praza ou non.
No caso do alumnado que proveña da preinscrición, o grupo xa estará fixado (de acordo co resultado da adxudicación de vacantes) e a/o solicitante só poderá confirmar ou rexeitar a súa matrícula no grupo correspondente. Ao confirmar a matrícula, o sistema xerará un xustificante onde se indicará o idioma, curso e grupo seleccionado, así como o día e hora en que se grava a súa solicitude. A/o alumna/o recibirá información dos prezos públicos correspondentes para que poida efectuar o correspondente pagamento na entidade bancaria ou polos procedementos establecidos nesta resolución. Nas páxinas da preinscrición haberá unha ligazón directa á zona de matriculación. Ata ese momento a praza estará reservada e pendente de formalización.
A formalización de matrícula realizarase desde a mesma aplicación que se utiliza na matriculación oficial, segundo se dispón a continuación.
O alumnado de novo acceso a que se lle adxudicou praza, terán que formalizar a matrícula aboando os prezos públicos e presentando a documentación precisa, como se indica na resolución de matrícula.
A documentación presentarase desde o enderezo https://www.informaticacentros.com/ xunta, dentro dos prazos establecidos. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As escolas poderanlle solicitar ao alumnado a presentación dos documentos orixinais para o cotexo da copia electrónica presentada.
Como pagar as taxas en liña ↩ | |||||||||||||||||||||||
Códigos de pagamento ↩ |
Unha vez efectuado o pagamento dos prezos públicos, a/o solicitante deberá presentar o xustificante da reserva de matrícula e o xustificante de que efectuou o pagamento dos prezos públicos correspondentes na entidade bancaria (ou do pagamento telemático, de ser o caso), ademais do resto da documentación requirida nesta resolución. Despois de que a/o alumna/o presente a documentación, recibirá un correo electrónico do centro coa confirmación da súa matrícula.
O pagamento da matrícula deberá efectuarse nos prazos establecidos, e calquera pagamento efectuado fóra de prazo implicará a anulación da praza reservada, sen que a/o alumna/o teña dereito á devolución dos importes aboados. A/o alumna/o deberá presentar o xustificante do pagamento dentro do prazo de matrícula indicado. De ter pagado os prezos públicos pero non ter presentado o xustificante, a reserva de praza tamén quedará anulada.
Tras finalizar cada prazo de matrícula, as prazas non confirmadas pola secretaría do centro quedarán anuladas e, polo tanto, liberadas para o seguinte prazo de matriculación ou listaxe de espera, e a/o solicitante perderá calquera dereito sobre a reserva da súa praza. Se a/o solicitante se atopa nalgunha situación que requira a presentación de documentación adicional, deberá facelo a través da aplicación de matrícula, dentro dos prazos establecidos resolución de matrícula.
Importante: Debe saber que a posta en marcha do grupo da súa elección dependerá do número mínimo de persoas inscritas que o xustifique
Volver a Preinscrición e matrícula