BASES DO 1º CONCURSO DE BANDA DESEÑADA DA EXTENSIÓN DA ESCOLA OFICIAL DE IDIOMAS DE LUGO EN SARRIA. ABRIL-MAIO 2023.
O concurso está aberto a todo o alumnado da Extensión de Sarria e da EOI de Lugo, e máis ao alumnado maior de 14 anos de todos os centros educativos públicos, concertados e privados dos concellos de Bóveda, Láncara, O Incio, O Páramo, Paradela, Samos, Sarria e Triacastela, incluidas as escolas musicais e doutras artes.
A persoa autora da obra premiada recibirá un vale de compra nunha libraría local por valor de 30 euros, e máis un diploma que a acredite como gañadora. O xurado estará constituido polo profesorado da Extensión da EOI de Sarria. Darase a coñecer a persoa gañadora antes do 10 de xuño de 2023 na sección da Extensión de Sarria da páxina web da EOI de Lugo e posteriormente nos medios dixitais da prensa local e dos centros que desexen colaborar.
1. A temática das obras será as vantaxes e beneficios de ser quen de comunicarse en inglés e/ou da aprendizaxe de linguas no mundo de hoxe. Tanto as imaxes coma os textos deberán ser orixinais e inéditos. Os textos poderán estar en inglés e/ou galego.
2. A técnica artística da banda deseñada poderá ser calquera executada por medios manuais, en branco e negro ou en cores. Exclúense os traballos feitos mediante procedementos dixitais.
3. O formato deberá ser DIN A-4 ou DIN A-3, e a extensión de 1 ou 2 páxinas, cun mínimo de catro viñetas.
4. Cada participante poderá presentar un máximo de dúas obras.
5. Cada obra deberá levar ao dorso o seu título e o nome das persoas autoras, indicando o centro educativo ao que asisten e o seu curso.
6. As persoas participantes deberán enviar unha fotografía dixital da(s) súa(s) obra(s) ao enderezo eoi.lugo.sarria@edu.xunta.gal entre o 24 de abril e o 22 de maio de 2023 e entregar o orixinal de cada obra en sobre pechado ou debidamente protexida, en man ou por correo postal, á atención da Extensión da Escola Oficial de Idiomas en Sarria, sita no IES Gregorio Fernández, dentro do mesmo prazo. No correo electrónico farán constar o nome completo da persoa autora, o centro educativo ao que asiste e o seu número de teléfono (tamén o correo e teléfono do pai/nai/persoa titora no caso de menores de idade).
7. As obras participantes ou unha escolma delas poderán ser expostas na sede e medios da Extensión da EOI de Lugo en Sarria e doutros centros educativos e sociais interesados.
8. A Extensión de Sarria da EOI de Lugo non se responsabiliza de posibles extravíos ou danos nas obras.
9. Finalizado o curso, os orixinais devolveranse a aquelas persoas participantes que o soliciten.
10. A participación no concurso supón a aceptación destas bases.