Premio á Embaixada da amizade galego-lusófona

O xurado do certame aRi[t]mar da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela decidiu conceder o Premio aRi[t]mar especial do xurado “Embaixada da amizade galego-lusófona” ao escritor madeirense residente no Porto José Viale Moutinho.

A resolución do xurado, dada a coñecer nás vésperas do simbólico 25 de abril portugués, pretende pór en destaque, dentro do proxecto aRi[t]mar galiza e portugal, aquela persoa, grupo de persoas, institución ou iniciativa que teñan contribuído a tender pontes de amizade e colaboración entre a Galiza e a Lusofonía ben como a traballar pola cultura e a lingua comúns o recoñecemento mutuo entre Galiza e a Lusofonía ou cun labor de reinserción da cultura galega nese seu verdadeiro espazo natural.

A proposta avalada polo xurado, pon o foco no labor de Viale Moutinho como ponte entre Galiza e Portugal, como impulsor dese continuo lingüístico e cultural que representa a Lusofonía, e como verdadeiro embaixador da Galiza en Portugal e de Portugal na Galiza.

Alén dos seus méritos como xornalista en medios como o Jornal de Notícias, o República ou o Diário de Notícias, José Viale Moutinho é narrador, poeta, dramaturgo e ensaísta, con obra traducida a varios idiomas, tamén ao galego. Está tamén moi ligado ao Festival da Poesía no Condado desde o seu inicio en 1981,organizado pola Sociedade Deportiva do Condado (SDC) con Sede en Salvaterra do Miño. Como director da Associacão Portuguesa de Escritores, da Associacão de Jornalistas e Homens de Letras do Porto e do Teatro Experimental do Porto posibilitou a visibilidade da literatura galega en Portugal, e a el se debe a presenza da escritora Xela Arias, de Mantecón e da directiva da SDC para presentar o Festival da Poesía no Condado ao mundo lusófono.

Pioneiro en divulgar a literatura galega contemporánea, nomeadamente a de Neira Vilas, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Méndez Ferrín é o seu primeiro tradutor ao portugués. Tamén traduciu a Castelao e a Lamas Carvajal e é autor de Fouce erguida. Antologia de poesía galega de combate.

Viale Moutinho foi tamén investigador da represión franquista e dos campos de exterminio nazi, autor dunha biografía sobre Zeca Afonso e impulsor da Asociación que en Vigo leva o seu nome. Relacionada coa temática galega escribiu o libro pioneiro  Introdução ao nacionalismo galego.

Foi elixido académico de honra electo da RAG renunciou en solidariedade con Méndez Ferrín cando este deixou a presidencia.

En anteriores edicións do certame, resultaron galardoados con este premio o desparecido músico galego Fran Pérez Narf, as Convergências Portugal Galiza organizadas polo grupo bracarense Canto D’aquí, a cantora galega Uxía e a ex diretora da Comunidade de Países de Língua Portuguesa e ex ministra de Comercio e Turismo de Cabo Verde, Georgina Benrós de Mello.