Fotografías

DE BOMBEIROS, MAGOSTOS, MÚSICAS, BIBLIOTECAS E ALMORZOS SAUDABLES

QUE TEÑEN EN COMÚN UN MAGOSTO E UNHA VISITA DE BOMBEIROS?

EN QUE SE PARECEN UNHA SESIÓN DE MÚSICA E UNHA DE BIBLIOTECA?

QUE RELACIÓN HAI ENTRE UN ALMORZO SAUDABLE, UN MAGOSTO, UNHA VISITA DE BOMBEIROS, UNHA SESIÓN DE BIBLIOTECA E OUTRA  DE MÚSICA?

SODES QUEN DE DARNOS ALGUNHA RESPOSTA?

MENTRES PENSADES IDE MIRANDO ESTAS FOTOS...

 

 
 
 
 
   
 
 
   
   
   
   

AS FIGURAS XEOMÉTRICAS : O TRIÁNGULO. CONTO : "O TRIÁNGULO DA IMAXINACIÓN... PARA DARVOS A SOLUCIÓN"

Na nosa aula, na aula de Educación Infantil hai unha caixa de madeira na que viven unhas figuras tamén de madeira que se chaman "os bloques lóxicos".

     Un día no que estaba eu contando o conto de "CIRCULIÑO NA NEVE" e outro día no que estaba contando o conto de "AZULÍN, O CADRADO AZUL", aquela caixa non quedara ben cerrada, tiña unha fendiña así é que un dos personaxes que alí vivía e que non era nin o círculo nin o cadrado estaba moi entretido, moi atento escoitando o conto, e cando os nenos marcharon para casa, saíu da caixa e con cara de poucos amigos miroume e dixo :

     - SEI QUE EU NON TEÑO UN CONTO!

     Eu quedeime mirándoo un pouco abraiada porque non o tiña pero a verdade  é que comprendía a súa inquedanza e lle dixen :

     - NON TE ENFADES HOME, QUE PENSAREI UN CONTO PARA TI.

     Así foi como escribín este conto que se titula : "O TRIÁNGULO DA IMAXINACIÓN... PARA DARVOS A SOLUCIÓN".

          Carlota despois de escoitalo e lembrando que na pancarta das Letras Galegas fixeramos recomendacións dixo :

     "PROFE, EU VOU RECOMENDAR ESTE CONTO". Para min foi unha satisfacción enorme e díxenlle que este conto non estaba nas librerías porque o fixera eu, pero mira ti por donde que Internet nos proporciona a posibilidade de acceder a el sen ter que mercalo. Ogallá vos guste e vos dea solución a algún problema que teñades como llela deu aos personaxes do conto e tamén a nós: andabamos na procura de facer unha escola moi grande que albergara a todos os nenos e nenas do mundo así é que os triángulos que coloraron os nenos e nenas convertéronse no tellado desa escola.

     A fachada estámola facendo con ladrillos que son como pezas dun crebacabezas cheas de color e de palabras bonitas :

     

     Os nenos e nenas de todas as cores, negros, brancos, marróns, estaban colocados nun taboleiro de porixpán esperando por esa escola. Tiñámolos feito hai xa un tempo, cando traballamos  na  "Semana pola acción mundial pola educación" así que fóronnos collendo e levando a ela.

     Aínda non  a rematamos porque é unha escola moi grande pero o triángulo portouse.

     A ver se son capaz de enviarvos o conto en arquivo adxunto para que poidades velo e escoitalo. Ogallá vos guste.

   Non me deixa envialo neste envío porque excede o tamaño así que intentarei envialo noutro envío co título "O TRIÁNGULO DA IMAXINACIÓN... PARA DARVOS A SOLUCIÓN" ARQUIVO ADXUNTO .

DÍA DAS LETRAS GALEGAS : A CARREIRA E OS MAIOS

Como o venres 16 choveu,  tivémos que aprazar acelebración para onte, xoves 22 de maio. Participaban con nós os nenos e nenas de 1º de Primaria do colexio Brea Segade que formaron parte do alumnado do noso C.R.A. 

CHEGAMOS COAS NOSAS PANCARTAS

 

ACOMODÁMONOS NO MONTE XUNTO ÁS OUTRAS ESCOLAS PARA VER AS CARREIRAS DOS DISTINTOS NIVEIS.

A

 

FIXEMOS A CARREIRA MOI REQUETEBÉN.

 

CANTAMOS AS COPLAS E ADORNAMOS O MAIO COAS GRILANDAS.

 

RECIBIMOS AS MERECIDAS MEDALLAS, TAN BONITAS...,FEITAS POLOS NOSOS COMPAÑEIROS E COMPAÑEIRAS.

 

ALGUNHAS FAMILIAS E ALGUNHAS PROFES TAMÉN PARTICIPAMOS NA CARREIRA E POR ISO RECIBIMOS UN MERECIDO DIPLOMA.

MIÑA NAICIÑA, QUE FAME TIÑAMOS!

POR FIN COMEMOS: FIAMBRE CON PAN E UNHAS DELICIOSAS TORTILLAS E BISCOITOS FEITOS CON OVOS DA CASA COAS QUE NOS AGASALLARON AS FAMILIAS. ESTABA TODO RIQUÍSIMO.

PASAMOS UN DÍA MOI BONITO.

 

 

LETRAS GALEGAS : MAIOS; COPLAS E GRILANDAS

    Ademáis de celebrar os maios poñendo os ramos nas portas das casas falamos de que tamén o iamos celebrar todo o C.R.A. facendo un maio grande en Campomaneiro. Todas as escolas fariamos unha grilanda e o día da carreira adornariámolo ao mesmo tempo que camtabamos as coplas feitas nas escolas. A música sería a da saia da Carolina.

     Todas as escolas cantarían dúas coplas unha común e outra propia.

     Estivemos pensando en algo moi bonito que nos pasara e que nos gustaría compartir e así quedou a nosa cantadela :

EIQUÍ VEN O MAIO

DISPOSTO A CONTAR

AS COUSAS QUE PASAN

E AS QUE HAN DE PASAR

E AS QUE HAN DE PASAR

E AS QUE HAN DE PASAR

EIQUÍ VEN O MAIO

DISPOSTO A CONTAR 

    A ESCOLA DE CUVIDE

    ESTÁ MOI MOI MOI CONTENTA

    PORQUE HABÍA UNHA FLOR

    NA PECHADURA DA PORTA 

 

O ano pasado fixemos unhas grilandas moi bonitas con pampillos ; axudáronnos as familias pero este ano como sempre estaba chovendo pensei que non ía ser posible facelas con flores naturais e Sol a profe de Cruceiro díxome unha forma moi bonita de facelas, con plásticos de cores e palliñas de refresco, así que puxémonos mans á obra 

   

 

Quedounos moi bonita. Graciñas Sol por darnos a idea.

LETRAS GALEGAS : OS MAIOS; "O MAIO DURMIÑÓN"

    Este mes levamos falando, xogando e facendo moitas cousas relacionadas cos maios. Vimos que era unha festa que celebraba o espertar da Natureza, a chegada da primavera e das flores. Falamos de que aquí en Taragoña e Rianxo celebrábase poñendo un ramo nas portas das casas para que non entraran as bruxas.

-"Pero iso son tonterías,  non é certo, verdá profe ?"dixo Anxo

- "Tampouco é certo a bruxa regañadentes", dixo Carlota

-"Claro, son contos,  non vai entrar ningunha bruxa na nosa casa se non poñemos o ramo pero é bonito conservar esa tradición e xogar con ela, non?

     As flores utilízanse para moitas cousas fermosas :

  • para regalar
  • para casar
  • para adornar....

     Tamén podemos facer un xogo que se chama "O MAIO DURMIÑÓN":

Un neno cunha flor na fronte é o maio; está anicado no medio do corro durmindo e o resto cantámoslle:

ÉRGUETE MAIO

QUE TANTO DURMICHES

PASOU O INVERNO

E TI NON O VICHES 

             ÉRGUETE MAIO

      QUE TANTO DURMICHES,

      QUE XA SOMOS MENOS

      E TI NON SENTICHES.          

   

 

     Mentres cantamos as coplas unha persoa do corro ten que se agochar e ao rematar de cantar o maio ten que descubrir quen falta. Se o descubre pasa a ser O MAIO DURMIÑÓN.

VISITA DE PROTECCIÓN CIVIL Á ESCOLA

   Hoxe estiveron os membros de Protección Civil na nosa escola. Dani e Manuel aprendéronos cousas moi importantes para que saibamos como temos que comportarnos en caso de que houbera un incencio: saír sen nada nas mans, amodiño, en fila e agachadiños para poder respirar mellor porque o fume vai para arriba, a profe diante e ao chegar a fóra tennos que contar por se quedou algún dentro e hai que chamar a un número moi importante : o 112

 

 

Tamén puxemos os cascos : os de apagar o lume na cidade o os de apagar o lume no monte; os primeiros son máis pesados.

Mirade que guapos e guapas estamos. Jorge estaba un pouquiño temeroso e non quixo probalos.

     
     

Logo saímos anicadiños e fomos apagar un lume "de mentira", é o que se chama un "simulacro" de incendio.

     
     

Aprendemos moitas cousas e pasámolos moi ben.

COLORÍN E O GALO PEDRÉS

Hai uns días Jorge falounos de que os seus avós tiñan un galo que era moi malo porque pitucaba a todo o mundo. Pregunteille como se chamaba e dixo que era o galo Pedrés. Póñoo con maiúscula porque pensei que ese era o seu nome; despois entereime de que pedrés é un tipo de galo moi elegante, de plumas brancas e negras.

      Andabamos aqueles días lendo poemas de Xosé Mª Alvarez Blázquez e un falaba dos medos de Colorín, a súa filla, que a espertaban chorando : o vento, os paxaros...

     Moitos dos poemas que Xosé Mª fixo para a súa filla falan de animais : o año pitaño, a cabuxa luxa, o gato cegato, o coello vello, o galo ralo, a galiña Tiña, o vilorico de longo pico....

     De seguro que a Colorín malia terlles medo gustábanlle moito os animaliños así que aproveitando a intervención de Jorge dixen :

     Seguramente a Colorín gustaríalle visitar ao galo pedrés pero como Jorge di que é tan malo... que pensades que lle diría o seu pai cando ela quixera ir  velo ? E aquí foi nacendo o seguinte poema :

 

COLORÍN  E  O  GALO  PEDRÉS

COLORÍN,

NON VAIAS

ONDA O GALO

PEDRÉS,

QUE CHE PITUCA

NO CÚ

E NOS PÉS.

Bonito, verdade?

Para que vexades o elegante que é o galo pedrés de Jorge a súa mamá fíxolle unhas fotos que aquí vos mando e a ver se noutro momento tamén ilustramos este poema.

   
   

DÍA É DAS LETRAS GALEGAS : XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ : "POLO LARANXAL..."

   Hoxe xogamos cun poema de Xosé María Álvarez Blázquez recollido nos libros "ROSEIRA DO TEU MENCER", da editorial Xerais, e "O QUE BEN CHE QUER", da editorial OQO, ámbolos dous adicados a súa primeira filla de alcume, "Colorín"

POLO LARANXAL

TRES AVELAÍÑAS ANDAN A VOAR.

UNHA, DÚAS, TRES,

DE PRÉSA QUE VOAN, VENSE E NON SE VEN.

POLO LARANXAL

TRES AVELAÍÑAS ANDAN A CHUCHAR.

UNHA, DÚAS, TRES,

DE TANTO QUE CHUCHAN, BORRACHAS DE MEL.

CAÍDAS NO CHAN,

TRES AVELAÍÑAS POLO LARANXAL!

     Fixemoso unha pequena dramatización, un xogo de roda e máis tarde comezamos a ilustrar o poema.

POLO LARANXAL TRES AVELAÍÑAS ANDAN A VOAR

 

 

 

TRES AVELAÍÑAS ANDAN A CHUCHAR

 

BORRACHAS DE MEL, CAÍDAS NOS CHAN

 

 

Tamén sabemos polos poemas do seu pai que Colorín tiña moitos medos : a algúns animais, ao vento...., e hoxe Jorge contounos unhas historias  do "GALO PEDRÉS", que é un galo tremendo, así que entre todos e todas, xogando cos medos e con este personaxe fixemos un poema que xa volo escribiremos no libro web titulado  "O GATO CEGATO"; ademáis precisamos unha foto do galo así que mañá dareivos a máquina de fotos e a ver se lle podedes facer unhas fotiños ben xeitosas para acompañar ao poema.

 

UN FERMOSO POEMA VISUAL

     Era moi cedo hoxe cando cheguei á escola; tiña cousas pendientes que facer antes de que chegaran os nenos e nenas. Había moito silencio. Como ven sucedendo todos estes días, disfruto moito nada máis chegar observando o pequeno xardín e a fachada da escola. Está tan bonito...!

     Pero hoxe sentín como unha descarga eléctrica, un intenso calafrío percorreu o meu corpo e unha profunda emoción embargoume cando subindo as escaleiras do porche vexo unha flor colocada con coidado na pechadura da porta.

      Todo un fermoso poema visual; non habería mellor forma de reiniciar ese soño cargado de esperanza.

     Inmediatamente agolpáronseme imaxes e sensacións : 24 de abril, case 25 de abril data moi sinalada; o 25 de abril de 1974, Portugal viviu unha revolución incruenta : "A revolución dos caraveis", onde os militares colocaron nos canóns dos seus fusiles esta flor, un feito simbólico, as flores contra a violencia fascista  e o fin da dictadura.

     Logo , mesturado co anterior viñéronme a mente eses versos tan significativos dun  poema de Antonio Machado :

 "Caminante no hay camino

se hace camino al andar.

Al andar se hace camino

y al volver la vista atrás

se ve la senda que nunca

se ha de volver a pisar".

     Inmediatamente quixen recoller ese instante para eternizalo cunha foto e ofrecela no portal para disfrute de todos e de todas.

     Subinme a unha nube e compartín a alegría coas familias, cos nenos e nenas e tamén con Tobías que achegouse á escola a media mañá.

     Tiñamos tantas cousas que facer hoxe :

    - Contacontos

    - Representación plástica

    - Unha salina,

pero este acontecemento estivo presente en todo momento. Falámolo ao principio e pregunteilles se lles parecía bonito que nos puxeran unha flor na pechadura da porta e dixeron que sí e que seguramente os que fixeran mal  lerían os seus carteis. Díxenlles que sí  e que ao mellor tamén visitaran a páxina que temos en Internet e alí verían o seu traballo e o das súas familias e pensarían que así estaba mellor todo, que era máis bonito respectar e coidar que destrozar.

     Inviteilles a facer un cartel de agradecemento e na hora da merenda, mentres estaban sentados comendo, eu ía anotando ideas no encerado.

     Ao final quedaron reducidas a tres :  

     - QUERÉMOSVOS MOITO POR POÑER A FLOR

        NA PECHADURA DA PORTA (ALBA)         

    - COIDADE A NATUREZA CON NÓS (TODOS)

     - INVITÁMOSVOS A NOSA ESCOLA A PLANTAR 

        ÁRBORES (MOTIVADA POR MIN)

     A medida que ían rematando de  merendar, recollían, lavaban os dentes e viñan a facer o cartel.

  

      A media mañá chegou Tobías a facerlles unha proba de linguaxe aos máis pequenos e o cartel e os artiluxos de pintar pasaron ao porche.

 

     Ao final fixemos unha foto de grupo con Tobías, aínda que non están todos porque algúns preferían estar xogando .

     Logo Tobías sacoume outra a min co grupo

     Mirade, temos unhas pequenas árbores nunhas xardiñeiras nacidas das sementes que plantaron os nenos e nenas alá por novembro e que xa están pedindo monte.

     Non sei se leredes esta páxina pero se o facedes, de corazón vos invito a que nos axudedes a buscar e limpar un anaquiño de monte preto da escola e a vir con nós a plantalas.

     De verdade que non hai nin odio nin rencor; hai unha inmensa alegría que nos gustaría compartir con vós.

 

 

 

 

 

 

 

AS NOSAS PLANTAS ESTÁN CADA DÍA MÁIS BONITAS

    As plantas do noso xardín, das macetas e xardiñeiras, malia non parar de chover, están cada día máis bonitas, agradecen o respecto do que están sendo obxecto para alegría de todos e de todas.

     Hoxe os nenos fixeron algún comentario ao respecto e fíxenlles crer que seguramente as persoas que fxeran mal o pensaron mellor, leron os seus carteis e ao mellor viron todo o traballo realizado  coas familias, que foi moito,na páxina web do centro, e daríanse conta de que así estaba moito máis bonito todo.

     Hai uns días Anxo, seguindo o exemplo de Xaime, o protagonista dese conto titulado "Xaime e as landras"  personaxe perseverante onde os haxa nas accións que considera positivas encamiñadas á consecución dun mundo máis habitable a pesar das adversidades,  chegou moi cargado con dúas macetas da súa casa para repoñer as que romperan.

     Onte pintáronas el e Raúl e hoxe trouxo un par de plantas, unha begonia e unha alegría , terra e cortiza para o xardín, así que aproveitamos un momentiño no que parou de chover para plantalas e regaron tamén as do porche. As do xardín xa as regan as nubes.

     Como me gusta dar estas boas noticias!.

Distribuir contido