Festas, conmemoracións e saídas

Taller de educación parental afectivo-sexual

Comprácenos achegarvos esta información que nos enviaron dende o Concello de Vedra. Pola importancia da temática a tratar, animámosvos a participar na mesma!!

SAMAÍN 2024

Samaín 2024!

Nas escolas do Cra celebramos o Samaín presentando diferentes propostas divertidas e terroríficas. Fixemos actividades:na mesa de luz, na mesa sensorial, representamos contos ca luz negra, fixemos pócemas de bruxa fluorescentes, creamos monstruos, preparamos cabazas e disfrutamos de ricas merendas.

Disfrutade deste video onde se pode ver o ben que o pasamos!.

 

CALENDARIO PARA A CELEBRACIÓN DE ELECCIÓNS AO CONSELLO ESCOLAR

En documento adxunto recóllese o calendario para a celebración de eleccións de membros do Consello Escolar (Renovación-2024)

Unha vez constituída a Xunta Electoral, procedemos a informar deste calendario e que se precisan renovar dous pais/nais ou titores/as legais e un mestre/a.

Os censos de responsables de carácter provisional xa están nas escolas á vosa disposición ao igual que a presentación de candidatura.

Un saúdo

Vendima e Pasabodeghiñas!!

Un ano máis, levamos a cabo o proxecto da vendima, que tanto nos gusta. Xa sexa vendimando na clase, na viña dalgún veciño ou mesmo somos quen de que nos apareza unha viña con todas as súas partes, no patio da escola. Deste xeito vivimos unha tradición dos nosos antergos coa esperanza que nunca se perda. Como colofón, volvemos ás eiras dos veciños da aldea de Ximonde, en S. Miguel de Sarandón. Sempre é un pracer entrar na eira de González con uns anfitrións de dez ou na de Casimiro, onde xa nos tiñan preparada unha exposición en toda regra. Alí, o profe Antonio explicounos como se facía o augardente e puidemos ver de primeira man como se garda o viño. Este ano estreámonos na eira de Bouzón. Nestas tres ubicacións, gozamos da exposición dos tres centros educativos de Vedra: CEIP Ortigueira, CPI de Vedra e CRA Boqueixón Vedra. Unha exposición titulada o río das letras e coa que aprendimos sobre escritores e escritoras da zona ou que escribiron na zona da Ulla.

Unha vez que unha mestra de cada centro explicou o proceso e sentido da exposición, fixemos a subida ghaiteira, grazas ao grupo CARAPAUS, que nos deleitaron coa súa boa música.

Xa no campo da festa, agardábanos Luis Vallecillo, actuación subvencionada polo Concello de Vedra e que nos agasallou con un espéctaculo con cancións relacionadas con Rosalía de Castro e que tiña por título "Cantamos con Rosalía". 

Aproveitamos a carpa para merendar e degustar unhas castañas ben sabrosas, grazas ao bo facer da profe Yoli, o profe Antonio e o profe David.

Agardamos que vos guste o vídeo resumo que preparamos para toda a comunidade educativa e que podedes ver a continuación.

Exhibición solidaria da Garda Civil

Un ano máis o servizo da Garda Civil ofrécenos unha exhibición dos seus servizos. Si estes anos pasados ensináronnos a importancia do SEPRONA e o coidado do medioambiente, nesta ocasión, convidánnos a asistir a unha exhibición en Bertamiráns o martes 12 de novembro. Será unha exhibición solidaria, polo que colaboraremos levando entre todo o CRA algún producto non perecedeiro que o alumnado traerá das súas casas.

Nesta xornada, un bus percorrerá as escolas para levarnos ata Ames e para o que se mandará a información e autorización pertinente. 

CELEBRACIÓN DE ELECCIÓNS DE MEMBROS DO CONSELLO ESCOLAR

CONSTITUCIÓN DA XUNTA ELECTORAL

De conformidade co establecido na RESOLUCIÓN do 10 de setembro de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se establece o calendario para a realización de eleccións de membros dos consellos escolares de centros docentes sostidos con fondos públicos. (DOG 18 de setembro), realizarase proximamente neste Centro a renovación parcial do CONSELLO ESCOLAR que é o instrumento de participación na vida escolar de todos os sectores educativos do Centro.

A organización e a supervisión do procedemento de elección dos novos membros do Consello Escolar estará a cargo da Xunta Electoral que se constituirá ao efecto, e integrada por:

• Director do Centro.

• Unha mestra ou mestre.

• Unha nai ou un pai ou unha titora ou titor legal.

• Unha represente do persoal de administración e servizos.

Os tres últimos serán designados por sorteo segundo establece o artigo 30 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, redactado conforme ao establecido na disposición adicional primeira do Decreto 324/1996, do 26 de xullo (DOG do 9 de agosto). Dito sorteo, que será público e no que se preverá a designación de membros suplentes, celebrarase na escola de Sergude o próximo venres, día 18 de outubro, ás 12:30 horas.

Aqueles membros da comunidade educativa que desexen presentar a súa candidatura para formar parte do novo Consello Escolar, deberán seguir as instrucións que figurarán nas distintas convocatorias, que proximamente se farán públicas pola Xunta Electoral do centro.

Primeiros días de curso!

Ola familias!! Aquí estamos un curso máis para vivir miles de aventuras. Premendo na seguinte imaxe veredes un pequeniño resumo do que dou de si este primeiro mes de cole. Agardamos que vos guste  e sobre todo que o noso alumnado o desfrutara tanto coma nós!!

 

Certificados de matrícula

Estimadas familias pasamos a facilitarvos unha información que pode servos útil nalgún momento. 

No caso que necesitedes un certificado de matrícula do voso fillo/a, pasamos a explicarvos como descargalo de xeito moi doado.

Dende a aplicación abalar, tanto dende o móbil como dende o ordenador, pódese descargar este ceritificado xa asinado por quen corresponde.

Adxuntamos os arquivos adxuntos onde se explica como facelo e premendo sobre as letras que hai no final na publicación, de "Como descargar un certificado de matrícula", tamén podedes acceder ao mesmo documento.

Aínda así, para calquera dúbida, podedes poñervos en contacto con nós como mellor consideredes.

CALENDARIO ESCOLAR 24-25

Amosámosvos o calendario escolar para este curso 24-25, que botamos a andar. Tamén o podedes abrir na parte de arriba desta Páx Web, á dereita. Moita sorte e a empezar con alegría e ilusión este novo curso.

Período de adaptación

No seguinte documento presentamos como se levará a cabo o período de adaptación co alumnado de nova incorporación.

Estamos de volta!!

Xa estamos aquí preparando un novo curso que de seguro nos traerá moitas aventuras que compartir. Para comezar informarvos que a vindeira semana teremos unha xuntanza nas escolas de S Xián, Sarandón e Camporrapado, na que se lles informará ás familias de nova incorporación, das normas de centro, o funcionamento do mesmo e tamén se lles explicará como se  levará a cabo o período de adaptación. De seguido, estas mesmas escolas terán a xuntanza  todas as familias coas titorías, tanto infantil como primaria,  para coñecer os pormenores do curso en cada escola en concreto.

Deste xeito comunicámosvos que as xuntanzas e horario das mesmas será o seguinte:

S. XIÁN: Luns 9 ás 16 horas

SARANDÓN: Luns 9 ás 17 horas

CAMPORRAPADO: Luns 9 ás 18:30 horas

Nas demais escolas agardaremos a que empece a curso para concretar coa titora o día e hora da reunión informativa.

Un saúdo e agardámosvos cos brazos abertos!!

 

Os nenos e nenas do CRA neste curso 23-24

Chegamos a final de curso cos petos cheos de aventuras e bonitos moemntos vividos pero tamén con un sabor agrudoce xa que temos que despedir a alumando que leva moito ou pouc tempo con nós pero que xa levarán o noso cariño alá a onde vaian.

Só nos queda darlles as grazas ás familias por confiar en nós e desexarlles o mellor nesta nova andaina que a aprtir de setembro comezan noutro centro. Moita sorte!!

 

 

 

 

 

Revista Rukutrú 2023-2024

Un ano máis, amosámosvos a través da nosa revista, un anaco das actividades desenvolvidas ao longo deste curso.

Esperamos que as disfrutedes!!!  

MATERIAL E LIBROS PARA O VINDEIRO CURSO 24-25

Nos seguintes adxuntos poderedes ver os libros e materiais que se solicitan para cada escola do CRA.

As familias de Sergude teñen marcados solo os libros para primaria pois o material será proposto en setembro cando se incopore o titor/a correspondente.

As familias da escola de Sarandón de primaria teñen que falar co titor sobre os libros.

FALAN @S EXPERT@S

Coa intención de fomentar a práctica de actividade física e deportiva por parte do noso alumnado e de dar a coñecer a oferta de actividades da contorna, ao longo do curso fixemos diferentes xornadas nas que o alumnado participante nalgunha delas impartiu diferentes clases mestras de ximnasia rítmica (Club Squadra de Boqueixón), karate (Escola Deportiva do concello de Vedra), patinaxe (Club Ágora de patinaxe de Boqueixón), atletismo (Club Olímpico de Vedra) ou judo (Escola judo club de Boqueixón). Demostraron ser grandes expert@s en cada un deles, tanto na súa práctica coma á hora de transmitir os seus coñecementos e de dirixir a proposta ao resto do alumnado espertando ganas de seguir practicando todos eles.

 

 

Buscando invasoras con Amabul

Xa estamos rematando este curso e que mellor que facelo coas familias e descubrindo máis sobre as plantas invasoras, temática que traballamos nas escolas nos tres trimestres.

Mágoa non poder facer a ruta polo río Ulla para axudar na erradicación de prantas invasoras pero a choiva foi a encargada de facernos cambiar de plans.

Con todo iso, chegamos á nave da estación de Santa Cruz, en lugar de quedar cos nosos amigos de Amabul na área recreativa de Agronovo. Alí fixemos grupos para participar en distintos talleres. Un dos talleres consistía nun xogo no que tiñamos que adiviñar que plantas hai invasoras en Galicia e cales non. De seguido seguíamos a aprender mási dobre esta temática mentres xogamos á oca e as preguntas das casiñas eran sobre este tipo de prantas.

Outro dos talleres consistía nun conto no que coñecíamosun pouco máis sobe a fauna e flora do río Ulla e a importancia de saber arrancar as invasoras, en especial a Tradescantia Fluminensis. Antes de cambiar de taller, escollemos unha das prantas e decorámola con pinturas e texturas naturais.

De seguido pasamos a outro taller no que exercemos de detectives e identificamos as invasoras que nos agocharon. Tamén puidemos ver in situ, varios tipos de invasoras e deste xeito non favorecer a súa proliferación.

Xa para rematar a quenda dos talleres, ensináronnos a identificar diferentes sons de paxaros que podemos escoitar na zona. Traballamos en equipo para formar un puzzle con plantas invasoras especiais, moi coñecidas. Para poñer máis emoción ao xogo, quen conseguía levar uns ovos na culler, sen caer, cosneguía pezas para rematar o puzzle.

Deste xeito, rematamos as actividades programadas para a mañán. E así, chegou o momento de comer coas familias, un xantar organizado pola nosa querida ANPA e co que compartimos ata que os membros da asociación Amabul nos fixeron outro xogo, no que volvemos a facer equipos e neste xogo tamén puideron participar os papás, mamás, avós, avoas e quen quixera sumarse. Para rematar, que mellor xeito de facelo bailando,un xogo que propuxo a profe Andrea e que ven sendo unha danza rusa que ten por título A troika.

Foi un día no que convivimos, xogamos, corrimos, rimos e aprendemos a importancia da conservación do medio. Dado que o mal tempo non nos deixou percorrer a beira do río para extraer plantas invasoras, queda pendente esta actividade de cara ao vindeiro curso. Entrementres, convidamos a todas as familias a facer esta andaina e, cos expertos que tedes nas casas, arrincar algunha destas especies invasoras que tan ben coñece o noso alumnado.

Dende o claustro de profesores, agradecemos a vosa implicación e participación nestas actividades que organizamos, sempre pensando nos benestar dos/as máis peques e para que aprendan dun xeito lúdico, inculcándolles a importancia da contorna, do coidado da natureza e da relación entre iguais e co todos os membros da comunidade educativa.

Só nos queda agradecervos o voso apoio, desexarvos un feliz verán e mellor descanso. Moita sorte aos que abandonan o barco do noso CRA e para os que recibimos e mesmo quedan con nós de cara ao vindeiro curso, xa poñemos a maquinaria a funcionar con novas aventuras... AGARDÁMOSVOS!!

Encontro Interxeracional nas escolas de Vedra

Estamos moi agradecidos e felices, coa visita que nos fixeron José. Elvira e Ana que grazas o departamento de servizo sociais do Concello de Vedra, chegaron ás nosas escolas para facernos viaxar no tempo, co seu saber.

Comezamos o encontro nas tres escolas: S Xián, S Fins e Sarandón con unha canción que preparamos coa profe de música, Elena. Deste xeito, bailamos ao ritmo do xogo da carrasquiña e de seguido sentámonos para coñecer e ver todo o que nos trouxeron ata as nosas escolas.

Ensináronnos distintos xogos de cado eran máis novos, como o da "silla da reina", que algunha mestra ben recordaba. Tamén xogamos con unhas gomas a facer formas, según as colleras. Así, saía primeiro a serra de S Xosé, de seguido, o berce do neno Xesús e logo, según se collera a goma ou corda, saían distintos apeiros de lebranza. Nun segundo momento sentámonos en roda para ver monecas que facían coas súas mans, con carozos, mazorcas de millo e ata coas barbas do millo...iso si que é imaxinación!!!

Antes de rematar, Ana ensinounos as impresionantes flores que fai con medias e alambre. Con toda a paciencia, explicounos como se unían os pétalos, como se lle poñían os pistilos e en definitva, como se facían, tendo unha calse de coñecemento do medio sen contar.

Na escola de Sarandón, tamén tivemos unha visista moi especial: os bisavós de Luca e o avó de Blanca, Rivelino.

Entraron e dixémoslle "Bienvenidos", aplaudiron e presentámonos e dixémoslle de que familia éramos. O avó de Blanca contounos que o seu nome é Pepe pero que lle chamaban Rivelino porque cando era mozo xogaba ao fútbol e había un xogador con ese nome.

Lola e Luis contáronnos que cando ían á escola, as nenas estaba na Pedreira e os nenos en Ligarei. Había en cadansúa máis de 40. Rivelino contounos que xa veu á escola de Sarandón.

Moi atentos escoitamos como cando eran nenos e nena, tiñan poucos libros e escribían en pedra de pizarra cun pizarriño e borraban con cuspe. Ata Luis nos fixo unha demostración. Tamén escribían con pluma na libreta e mollaban en tinteiro.

Faláronnos de como xogaban Lola explicounos algún deles, como o xogo do pano, da mariola... Luis trouxo as pezas para xogar á estornela ou billarda e saimos ao campo da festa para probar de primeira man.

Grazas por agasallarnos co voso saber e estar. Por sorprendernos con tantos xogos e vivencias.

Agardamos que todos e todas marcharan das nosas escolas con gañas de volver porque a nós sóubonos a pouco e de cara ao vidneiro ano, voltaremos chamar á porta de Mamen para facer de estes intercambios unha cita fixada no tempo. Moita saúde a sorte!!

DURMIR FÓRA DA CASA

Desde fai uns anos, na escola de Sarandón, andivemos dándolle voltas á cabeza para ter un tempo máis para estar xuntos e viaxar. Así foi medrando a proposta de “Durmir fóra da casa”. Que as familias da escola viaxáramos xuntas dous días e quedarse unha noite a durmir nun albergue, os cartos non dan para máis. Coma quén non quere a cousa, xa van alá varios anos compartindo viaxes, paisaxes, xogos, xantares, ceas e almorzos, conversas e noites a “durmir fóra da casa” familias e escola.

Este curso 2023-24, decidimos viaxar cara o norte, e alá fomos a mañán de chuvia do sábado 8 de xuño cara a Mariña lucense. Despois de cruzar a Terra Chá e o Xistral baixamos o val do Landro e entramos en Viveiro.

A primeira visita, foi á igrexa de San Francisco e ó museo da Semana Santa, alí agardábanos Pipo, que foi o noso guía e mestre impartindo unha clase cas explicacións sobre o propio templo e abriu unha cofradía para contarnos as características e singularidades da Semana Santa en Viveiro.

Despois voltamos ó autobús para seguir estrada cara o Alberge Xuvenil Area, que ía ser a nosa residencia os dous días, sito na praia de Area en Viveiro. Alí asignamos habitacións por familias e procedemos a repartir o xantar que trouxeramos desde Sarandón. Primeiro xantar xuntos e conversas arredor do desexo que mellorase o tempo e tomamos a decisión de, despois de acomodar as habitacións e dun paseo de recoñecemento do entorno, subir ó autobús e ir cara o occidente.

Desta vez foi cara Estaca de Bares, fixemos parada e camiñamos á carón do faro ata a punta do cabo, contemplando fascinados a costa e admirando os acantilados mentres ondas, gaivotas e cativos mesturaban os sóns co horizonte. A continuación subimos ó autobús cara Ó Barqueiro, desde a altura do asento, e ca barreira dos eucaliptos, vimos a fermosura da ría, paramos e camiñamos polo pobo e polo porto.

A continuación, no autobús fixemos camiño de volta cara a vila de Viveiro, alí baixo a ollada fixa da estatua de Nicomedes Pastor Díaz, a pé paseamos as rúas e prazas coroadas de galerias, cruzamos a Porta de Carlos V e rematamos nun parque infantil, no que randieiras, tobogáns, escaleiras, pontes descubriron as nosas habilidades de equilibrio, salto e rapidez. Todo era pouco ata que Martiño caeu.

Un inchazón nunha perna dou a voz de alerta e Jose co seu coche levou a Martiño e seus pais, Belen e Fernando, o Centro Médico de Viveiro, mentras nós iamos no autobús para o Albergue a cear. Pouco despois soubemos que foran enviados ò Hospital da Mariña en Burela, e pola medianoite avísannos que son derivados ó Hospital de Santiago. Noite de tensión, nervos e preocupación por Martiño e seus pais. 

Nesta noite de “Durmir fóra da casa”, tódalas conversas tiñan como tema central a Martiño, e a conveniencia de levar sempre nunha excursión da escola un coche particular para poder atender o máis axiña posible as posibles incidencias da viaxe.

Amenceu nubrado e mentras almorzamos fomos dándolle voltas a que faciamos pola mañán e decidimos tomar rumbo cara o oriente. Subimos no autobús e emprendemos viaxe a visitar o complexo industrial de Sargadelos. Contemplamos admirados as construccións e a obra de Isaac Díaz Pardo e amigos, por ser domingo os edificios estaban pechados. Camiñamos pola beirarrúa ata as vellas edificacións do antigo complexo industrial de Ibañez, e andivemos o Paseo dos Namorados. Sargadelos integración de industria e paisaxe.

Voltamos no autobús ó Albergue ca esperanza de darnos un baño na praia de Area antes de xantar, e foi cando soubemos que Martiño xa estaba na casa e non quedara no Hospital. Houbo máis animados para o partido de fútbol que para o baño, pero algúns mollaron os pés e Mari e o mestre atrevéronse a darse un baño nas augas do Cantábrico.

Xantamos con calma, recollemos e lavamos entre todas e todos o que usamos no comedor e na cociña do Albergue, cadaquén recolleu a súa habitación e voltamos a encher as maletas porque había que iniciar o camiño de volta. Camiño de volta que ía ter unha parada. Despois de cargar tódolas equipaxes e viaxeiros fomos marchando de Area, cruzamos Viveiro e á carón do Landro fomos indo cara Chavín, baixamos do autobús e fixemos unha camiñata ata a Fraga da Retorta, e alí estaba “O Avó” un eucalipto de grandes dimensións rodeado de moitos máis que no desentoaban a súa par. Un entorno de auga e vexetación exuberante que falan da calidade da terra e o microclima das Terras do Landro.

Merendamos ó pé do autobús e, desta vez si, fixemos sen parar o camiño de volta a Sarandón. Chegamos ás 21,30 horas o campo da festa e xa había avós e familiares agardando por nós para que lles contaramos na casa como fora a viaxe a Viveiro.

Atrás foron quedando paisaxes, vivencias, xogos, sustos e conversas compartidas xuntos, familias e escola, nais, pais, nenas, nenos, chofer e mestre porque quixemos “Durmir fóra da casa”.

Xa estamos pensando, onde será a seguinte?

 

Antonio Vázquez Turnes, mestre de Sarandón. Xuño de 2024

 

 

Encontro Interxeracional cos maiores de Boqueixón

Si ben, os nenos e nenas de Camporrapado xa visitaran e tiveran un encontro cos maiores da residencia de Codeso e xa volo contamos nunha publicación, nesta ocasión e con motivo do día da familia, celebramos nas escolas unha xuntanza cos maiores do lugar. Foi a quenda das escolas de Boqueixón: Lestedo, Camporrapado e Sergude as cales tiveron a vista das casas do maior de Vigo e Loureda, dos participantes no Programa de prevención de dependencia do Concello de Boqueixón, que viñeron acompañadps de María de servizos sociais e tamén de algúns avo, avoa, bisavo e bisavoa do alumnado.

Na escola de Camporrapado, o alumnado fixo unha explicación sobre especies invasoras e ensináronlles a xogar cos xogos cooperativos de invasoras. Bailaron o xogo da carrasquiña traballado coa profe Elena. Debuxaron e ensináronlles a horta.

Na escola de Lestedo, escoitaron anécdotas da súa infancia, observaron fotografías e libros antigos e, en definitiva, o alumnado coñeceu como era a vida antes. 

En Sergude, recibiron aos participantes do encontro cun xogo na ruleta, cada número correspondía a cousas que fan habitualmente no cole ou cousas que os nenos pensaban que podían facer (ou non) nas escolas de antes, conversaron sobre os temas que saían na ruleta. Despois de aprender moitas cousas da escola de antes sairon ao patio a xogar á carrasquiña e outros xogos de roda tradicionais que nos ensinaron as señoras.

Foi un placer compartir o tempo con eles e elas, agardamos ter por diante, moitos máis encontros interxeracionais!!

No seguinte vídeo, poderedes ver un resumo do que dou deron de os encontros!!!

Para a vindeira semana poderemos contarvos o encontro interxeracional nas escolas de Vedra e que terán estos días.

 

CELEBRAMOS O DÍA DE EUROPA CO PROXECTO INTERCULTURAL

Outro ano máis, grazas ao voluntariado de Don Bosco en coordinación coa mestra Elena, puidemos levar a cabo novamente este proxecto tan interesante para o centro.

Desta volta acompañáronnos catro países: Grecia, Francia, Italia e Luxemburgo.

Aprendimos moitas cousas destes países e aínda que a fala é distinta, sempre atopamos un nexo de unión entre as diferentes culturas: A MÚSICA

PREVENCIÓN E DETECCIÓN DO ICTUS

Grazas a FEGADACE e Sarela (asociación do dano cerebral de Santiago) coñecemos aos FASTHEROES, uns amigos e amigas guiados que amosaban uns síntomas (perda de forza, perda da fala e perda de movilidade facial) provocados polo malvado COÁGULO; e aos que un superheroe chamado Toni experto en detectar ICTUS, tiña o poder de axudar chamando ao 112. (nº que para nós é doado aprender porque temos unha boca, un nariz e dous ollos).

Tamén comprendemos a importancia de levar unha vida sana e saudable, cunha alimentación equilibrada acompañada de exercicio físico.

PREMIOS NO SERÁN DAS LETRAS

Este ano, da man de Elena, a mestra de música, o alumnado do CRA presentouse ao concurso SERÁN DAS LETRAS. Participamos en dúas categorías e cal foi a nosa sorpresa que levamos 3 premios e un Accésit.

Por outra parte, dende ao organización deste Serán, a asociación San Campio, agasallou ás/os participantes con un bonito detalle, do que se lle fixo entrega nas escolas.

Moi ben feito rapaces e rapazas, sodes uns CRACS...e parabéns á organización!!

 

 

BECAS E AXUDAS PARA O ALUMANDO CON NECESIDADES ESPECÍFICAS DE APOIO EDUCATIVO. (ANEAE)

Desde o día 30 de abril, está aberto o prazo para solicitar as bolsas de axudas para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. NEAE.

O prazo de presentación remata o 13 de setembro.

Enlace á páxina do Ministerio:

https://www.becaseducacion.gob.es/becas-y-ayudas.html

Enlace ao servizo en liña:

https://www.becaseducacion.gob.es/becas-y-ayudas/ayudas-apoyo-educativo/...

 

FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO E AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR 2024-2025

ORDE do 7 de maio de 2024 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan as axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2024/25 (códigos de procedemento ED330B, ED330G e ED330H).

Prazo de solicitude: do 21/5/2024 a 21/6/2024, (ámbolos dous incluídos)

Forma de presentación:

Electrónica:  mediante a aplicación:

https://www.edu.xunta.gal/fondolibros e presente a solicitude na Sede Electrónica (inicie premendo na icona de botón na esquina superior dereita da pantalla)

NOTA: na presentación electrónica deberá presentar unha solicitude individual para cada un dos seus fillos       

Presencial con asistencia da aplicación: cubra os datos nesta aplicación, imprima os Anexos I e II producidos e presénteos no centro educativo (inicie premendo na icona de botón na esquina superior dereita da pantalla)      

Presencial manual: utilice os Anexo I e Anexo II da Orde da convocatoria e presénteos no centro educativo

O alumnado que non estea admitido nin coñeza en que centro vai estar escolarizado no curso escolar 2024-2025, deberá presentar a solicitude no centro no que está matriculado no curso 2023-2024.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar).

b) Copia do libro de familia ou documento equivalente, onde figure o/a alumno/a e os demais membros computables da unidade familiar.

En caso de separación ou divorcio, ademais deberán achegar a sentenza xudicial e/ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/da menor.

c) Certificado de discapacidade do/da alumno/a ou calquera membro da familia non expedido pola Administración autonómica.

d) Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero no ámbito familiar, en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, cando o agresor forme parte da unidade familiar.

e) Resolución xudicial constitutiva da curatela representativa ou resolución xudicial que estableza a patria potestade prorrogada ou rehabilitada mentres non se produza a revisión desta medida.

f) Resolución administrativa ou xudicial acreditativa da situación de acollemento ou certificado do centro de menores, para o alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia.

g) Certificado de convivencia, volante de convivencia ou informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia, no caso de que o pai e a nai ou o titor o titores carezan de DNI e NIE.

A CRACKRROZA no S. Cidre

A pasada fin de semana foron as festas de Oural, na honra a S Cidre, unha das parroquias á que pertence a escola de Camporrapado. Nesta ocasión conmemorábase o 50 aniversario desta festa e a celebración foi por todo o alto. 

Sempre nos enche de fachenda o noso profesorado e familias pero é que non pode ser doutro xeito, porque o que se implican na parroquia no seu día a día, só o saben as familias que comparten con ese mestre e mestras, as aventuras que non deixan de propoñer.

Nesta ocasión aplaudimos á profe Mónica e ás familias de este curso e de anteriores que quixeron participar na elaboración da carroza. Ata os residentes da residencia de Codeso, fixeron a súa aportación colaborando na elaboración dos portachuches... Parabéns a todos e todas en xeral e á profe Mónica en particular.

Os mestres e mestras do CRA, falan como ela fixo na presentación do documental que se proxectou o pasado venres, explicando que a escola tense que abrir á parroquia e a parroquia entrar na escola, o que ben sendo a esencia deste CRA. 

A mesma Mónica nos dixo emocionada que o domingo foi o día grande e os compañeiros e compañeiras das demáis carrozas, decidiron que a CRACRROZA era merecedora do primeiro premio por segundo ano consecutivo... o que lle eche de orgullo ser mestra nesta comunidade.

Por moitos anos de S Cidre, de CRACKRROZA e do CRA Boqueixón Vedra "Neira Vilas".

VIVA O S. CIDRE!!!!!

De seguido deixámosvos un resumo do que dou de si esta carroza:

 

 

 

OBRADOIRO DE MÚSICA E DANZA TRADICONAL CON MARINA VIDAL MÍGUEZ

Durante esta semana das Letras Galegas tivemos a sorte de contar coa colaboración de Marina Vidal Míguez, integrante do grupo Fillas de Casandra. Con ela realizamos un obradoiro de música e danza tradicional no que ensalzamos a riqueza da nosa cultura e folklore e desfrutamos moito aprendendo a tocar algún instrumento como a pandeireta, a gaita, o tambor, o pandeiro, a pandeira, a botella, a tixola, as castañolas... Ademais aprendemos diferentes danzas e pasos de muñeira e jota. Xa podemos ir a calquera foliada a poñelos en práctica!

Proxecta con FOGGA de merendas saudables

Un ano máis rematamos as dúas quendas de froita e leite na escola. A primeira tivémola no mes de xaneiro e a segunda rematamos a pasada semana, xa no mes de Maio. Este proxecto enmarcado dentro do FOGGA sobre vida saudable, convidamos ás familias a participar en dous períodos de leite e froita de, 10 días consecutivos no caso da froita e 20 de leite. Durante este tempo, o alumnado participante consumirá estos productos sen procesar, na hora do recreo. Deste xeito, para o vindeiro curso continuaremos con estas e outras iniciativas que favorecen hábitos de vida e que nos axuden a fortalecer a nosa saúde.

 

CAIXAS ROTATORIAS PRÉSTAMO LIBROS

Un ano máis, dende o equipo de biblioteca puxemos a disposición das escolas unha selección de libros repartidos en 6 caixas que rotan polas diferentes aulas unha vez ao trimestre. Cada unha das caixas conta cunha selección de aproximadamante 50-60 libros sobre temáticas diversas e distintos tipos de texto: expositivo, poético, literario, etc. Con estes fondos, as escolas realizan os préstamos semanais.

NOVIDADES BIBLIOTECA

Unha maneira de promocionar os novos fondos entre o profesorado é difundir as fotos coas últimas novidades adquiridas pola biblioteca de maneira periódica.

Distribuir contido

CALENDARIO

PLAMBE

EDLG

Robótica Educativa

Eventos

« Novembro 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
123
45678910
11121314151617
18192021222324
252627282930

Iniciar sesión