XEOGRAFÍA

  O relevo é ondulado, alcanzando a súa máxima altura na ermida de Santa Marta de Babío e  no Castro de Armuño. Na costa, predominantemente baixa e areosa, ten lugar un acentuado proceso de sedimentación, derivado do transporte de materiais dos ríos Mandeo e Mendo, que constitúen as Marismas, zona moi influenciada pola acción das mareas, de xeito que se establecen nelas zonas húmidas de importante valor ecolóxico. A ría alberga nas súas augas ameixa, berberecho, mexilón, así coma robalizas, muxo, faneca, sarda, sollo e congro entre outros peixes.

   As características climatolóxicas son as xerais das Mariñas. Clima oceánico-atlántico, con precipitacións relativamente abundantes. Unha peculiaridade do clima de Bergondo é a súa suavidade e pouca oscilación térmica.

   O Concello ten unha superficie de 32´2 Km cadrados, cunha poboación de 6.683 persoas (dato de 2008) distribuídas nas nove parroquias, sendo as de maior ocupación as de Guísamo, Bergondo e Ouces.

   Bergondo carece dun perfil socioeconómico claramente definible, xa que participa das características da periferia semiurbana e dos modos de vida rural nalgunhas parroquias.

   Conta co importante centro de investigación e control sanitario (O laboratorio interprofesional Galego de Análise do Leite en Guísamo). Salientar tamén a finca (20 hectáreas) no lugar de Bos, "Unidade de transferencia embrionaria" tamén en Guísamo, que traballa dentro do programa de Mellora Gandeira de Galicia, laboura de prestixio internacional co fin de poñer recursos a disposición dos gandeiros galegos.

   No sector secundario e no que traballa a meirande parte da poboación ocupada. Destacando en primeiro lugar unha clara especialización na actividade das xoias, herdanza dalgunhas familias artesáns do século XVIII, e a esto súmase unha gran diversidade de instalacións entorno á Nacional VI.

   O sector servicios ten a súa base nas numerosas instalacións industriais no mencionado Polígono de Bergondo.

   Un dos principais intereses turísticos de Bergondo radica nas praias, moi concurridas durante o verán. A principal é a de Gandarío, tranquila, segura, con bós servicios turísticos, duchas, campings, restaurantes, cafeterías,...

   Na pasaxe do Pedrido, baixo a ponte que une as dúas ribeiras da Ría de Betanzos, desprégase outro amplo areal con espazos recreativos e servicios turísticos moi completos.

   Outra riqueza son os innumerables lugares onde se divisan paisaxes inmemorables coma: O Alto de Santa María de Babío; a Ponte do Pedrido, na que se ve a praia do Pedrido e a desembocadura da Ría de Betanzos no mar; Miodelo; Guísamo, onde pode divisarse o encoro de Cecebre; os bosques de Lubre,...

   No que respecta ó patrimonio histórico-artístico, cabe destacar o Mosteiro de San Salvador de Bergondo (declarado Monumento histórico-nacional), o Pazo de Mariñán, o Pazo do Casal, o Pazo de Armuño, o de Baldomir, o de Corton,...; as igrexas e capelas nas distintas parroquias; os cruceiros, fontes e outras construccións de interese que están espalladas por toda a xeografía de Bergondo.