Curso: Castro Caldelas 2.0, Section: FESTAS | AVR

Main course page
  • General

    CASTRO CALDELAS 2.0


    A través das unidades deste curso afondaremos no coñecemento da riqueza que encerran as terras da comarca de Caldelas.

FESTAS

  • FESTAS

    FESTA DOS FACHÓS DE Castro Caldelas


    • DESCRICIÓN

    A Festa dos Fachós de Castro Caldelas celébrase o 19 de xaneiro na véspera do día de san Sebastián. Comeza coa caída do sol e prolóngase durante a noite. Esta celebración converteuse nunha das tradicións de culto ó lume máis representativas de Galicia.




    • HISTORIA

    A festa consiste nunha procesión na que se portan centos de fachos arredor do castelo de Castro Caldelas, partindo da igrexa dos Remedios e facendo un percorrido en plena escuridade tralo facho principal (manoxos ou feixes de palla de forma cilíndrica amarrados nuns atados feitos da mesma palla con  varios metros de longo), que precede a imaxe do santo, feita de palla ó igual que os fachós.

    Finaliza a procesión no adro da igrexa onde se queiman os fachos nunha gran fogueira, culminando o rito do lume purificador no medio do repenicar das campás.

    A Festa dos Fachós é unha tradición ancestral, sendo unha das celebracións máis antigas de Galicia.

    Sobre as orixes da Festa dos Fachós de Castro Caldelas hai escritos que falan das tradicións celtas relacionadas co lume.

    Unha vez rematada a procesión, poderánse degustar chourizos asados, pan feito en forno de leña e viño con denominación de orixe Ribeira Sacra.


    • ELABORACIÓN

    Antigamente a elaboración dos fachós facíase coa palla da malla, que se obtiña despois de sementar o centeo e segar. Actualmente esta práctica foise perdendo ata quedar en desuso, polo que un dos inconvintes para seguir mantendo esta tradición é a falta de palla para facer os fachós.


    No presente é o consistorio de Castro Caldelas o que se encarga de sementar cada catro anos o centeo, de segar e mallar como se facía tradicionalmente, preparando a palla e gardándoa no palleiro para as celebracións dos vindeiros anos.


    "O IRRIO"



    Chámaselle  Irrio  peliqueiro porque porta unha pel,  pelica, de ovella que azouta  simbólicamente aos veciños, pois é un dos seus dereitos.

    O  Irrio sae acompañado por  gaiteiros na procesión e o pobo respétao.

    Vicente Risco dinos que esta máscara derivou do entroido á festa da patroa da vila, por tanto pasou dunha festa pagá a outra relixiosa. Para o investigador Enrique Bande é posible que o  Irrio fose no seu momento a máscara dun personaxe grotesco dos que saían na procesión do Corpus, antes de que a propia Igrexa eliminase desta procesión todo elemento profano e  carnavalesco. Hai mesmo quen quixo ver nesta máscara  caldelá unha representación da nobreza e os seus administradores ou recadadores. Para outros é un defensor do pobo.