Skip to Content

Avisos e novas

Últimas novas

Obradoiro Convivimos coas TIC

Obradoiro para as familias "Convivimos coas TIC".

Obradoiro organizado pola ANPA en colaboración coa Fundación Ayuda en Acción sobre o uso seguro dos medios e recursos dixitais.

Será o próximo xoves, día 25 de abril en horario de 16.45 a 18.15h.

A mesma contará con servizo de ludoteca para o alumnado do centro. 

Nos arquivos adxuntos concrétanse as formas de inscrición.

 

 

Punto Laranxa

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publicou recentemente o Plan Integral contra o acoso e ciberacoso escolar, así como a actualización do Protocolo educativo para a prevención, detección e tratamento do acoso e ciberacoso escolar co fin de dar resposta a este tipo de situacións nos centros educativos da nosa comunidade autónoma.

Unha das medidas establecidas nestes documentos é a instalación do denominado Punto Laranxa en cada un dos centros de ensino. Trátase dun espazo físico onde calquera persoa poderá denunciar de xeito anónimo unha situación de posible acoso ou ciberacoso escolar.

No centro contamos co Punto Laranxa no corredor que leva cara a Biblioteca escolar desde o acceso á etapa da ESO.

Este punto consta dunha caixa onde calquera persoa pode depositar información relativa a unha posible situación de acoso ou ciberacoso escolar e, ademais, dun pequeno espazo onde o centro será quen de incorporar información adicional relacionada con esta temática.

Ademais, constituíuse o denominado Equipo ACAE (Actuación Contra o Acoso Escolar), un equipo docente encargado de levar adiante as medidas establecidas no devandito protocolo con relación á detección e á intervención ante posibles casos de acoso e ciberacoso escolar. Este equipo está formado por:

    • A dirección do centro: Mª del Camino Pereiro González
    • Xefatura do departamento de orientación e coordinadora de benestar e convivencia: Lara Real Lema
    • Un/unha docente nomeado/a pola dirección do centro para cada caso en función do alumnado implicado, que será a persoa instrutora do procedemento corrector, de ser necesario.

As persoas  que desde casa queiran enviar unha mensaxe denunciando un posible caso de acoso escolar ou ciberacoso poden facelo a través da páxina web.

Premendo no botón punto laranxa, situado na parte superior dereita da páxina web do centro, ábrese unha caixa na que se pode escribir a mensaxe. Esta chegará ás integrantes do equipo ACAE, quenes revisarán diariamente  as posibles denuncias.

Bono deporte

O alumnado de 2º da Ed. Primaria a 4º da ESO por estar inscrito no programa Xogade (en colaboración co Concello) pode acollerse ao Bono deporte ofertado pola Xunta.  

Dentro do Bono entra a compra de material e equipamento deportivo para o menor ou contratación de servizos relacionados coa práctica da actividade deportiva. Cada bono terá un valor de 120 e terá a consideración de bono desconto do 80 % da compra ou servizo adquirido.

Os bonos estarán dispoñibles na web www.bonodeporte.gal así, como toda a información da convocatoría.

A descarga polas persoas beneficiarias será desde o 8 de xaneiro de 2024 ao 29 de febreiro de 2024.

 

 

CLUB DE LECTURA LARPACONTOS

Comezo das clases

 

Queremos dar a benvida a toda a comunidade educativa para o novo curso escolar 2023-2024 que arrinca para todo o alumnado o día 11 de setembro de 2023.

 Imos aló!!

 

Deixámosvos a continuación información importante para o inicio de curso:

 

Reunión informativa coas familias de infantil:terá lugar o xoves 7 de setembro ás 11:30 horas na Aula de Usos Múltiples do edificio de secundaria.

 

Entrega dos libros do fondo solidario: venres 8 de setembro no seguinte horario:

  • 3º e 4º Educación Primaria: 11:30 – 12:00 horas
  • 1º e 2º Educación Secundaria: 12:00 – 12:30 horas
  • 3º e 4º Educación Secundaria: 12:30 – 13:00 horas

 

Inicio das clases: O luns 11 de setembro comezan as clases co horario habitual de setembro (entradas ás 9:45 horas e saída ás 15:30 horas, agás os martes que será ás 16:30 horas).

 

Os horarios dos grupos da ESO os colgaremos o xoves 7 na web do centro.

Os servizos complementarios de transporte e comedor comezarán o mesmo día como é habitual.

Impreso de solicitude de comedor escolar (ANEXO II. Modelo de autodeclaración)

O día 3 de xullo de 2023 publicouse a Intrucción 2/2023, da secretaría xeral técnica da consellería de cultura, educación, formación profesional e universidades, do 1 de xuño, sobre funcionamento dos comedores escolares de xestión directa no curso escolar 2023-2024.

Está aberto o prazo para o precedemento de autodeclaración dos prezos públicos pola utilización do comedor. Deberán de achegar o Anexo II (documento adxunto) cumprimentado antes do 8 de agosto de 2023.

Observa_Acción

O profesorado do centro que participa na convocatoria do programa Observa_Acción.  Con el, xerou novas formas e  relacións de cooperación, colaboración e construción conxunta de aprendizaxe.  Docentes do mesmo nivel, de distintas etapas e tamén o equipo directivo participaron desta experiencia que desenvolvemos no segundo trimestre do curso escolar.

A súa finalidade: a mellora da práctica docente.

Este programa esta deseñado para levarse a cabo durante  dous cursos académicos e consta de catro fases (dúas en cada ano lectivo):

1. Observa_Acción. Fase Intracentros (Comparte) entre docentes do mesmo centro educativo.

2. Observa_Acción. Fase Intercentros (Acolle) dirixida a equipos de docentes de varios centros de todo o ámbito da                 

3. Observa_Acción. Fase Estatal (Conecta)  colaboración entre diferentes comunidades autónomas adheridas ao plan

4. Observa_Acción. Fase Europea (Internacionaliza)   experiencia de Observa_Acción visitando un centro educativo dun dos países socios europeos.

Nesta primeira fase do programa Observa_Acción, a que se desenvolve no segundo trimestre, o profesorado realizou observacións entre parellas docentes no centro educativo. Son observacións holísticas – a nivel xeral- e observacións focalizadas.

Nas primeiras, as holísticas, cada parella docente realizar unha reunión ou práctica reflexiva antes de realizala para concretar: 

·         momento, o espazo e a situación na aula da persoa observadora.

·         papel, tanto da persoa observadora como da persoa observada.

·         Os aspectos a analizar (ambiente de aula, explicacións, metodoloxía, actividades, organización, …)

·         Os instrumentos a empregar durante a observación para a recollida de información. 

·         Despois, realizase unha nova reunión de análise para comentar aqueles aspectos observados para xerar unha retroalimentación positiva.

Despois, as observación son focalizadas, seguindo a mesma secuencia que as holísticas, pero en esta ocasión consensuando aspectos concretos a observar.

  

Educar en positivo dende as emocións

O vindeiro 25 de abril de 16 a 17.30h contaremos cunha actividade para as familias baixo o titulo “Educar en positivo dende as emocións” da man de Educabonito (https://educabonito.com/).
Organizada desde la Fundación Ayuda en Acción en colaboración coa ANPA e o centro educativo queremos que crear un espazo onde compartir inquedanzas e aprendizaxes a partir da Disciplina positiva.

Contamos coa vosa presenza!!!!!

Durante a actividade teremos un servizo de ludoteca para as nenas e nenos en función da demanda. Para inscribirse na actividade pode ser a través do formulario ou por teléfono, como indica o cartel:
 

Obradoiro con Antonio Rial Boubeta

TECNOLOXÍAS: Claves para educar

RESUMO

A loita contra as chamadas adiccións sen substancia constitúe un dos grandes desafíos da sociedade actual, non só a nivel educativo e sociosanitario, senón mesmo a nivel vital. Nas últimas décadas a sociedade tentou ir adaptándose progresivamente ao universo de oportunidades que o vertixinoso desenvolvemento tecnolóxico puxo ao seu alcance. Dotar tecnolóxicamente aos centros educativos e integrar a tecnoloxía na actividade docente supuxo un reto no que, en maior ou menor medida, fomos capaces de avanzar, pero integrar a tecnoloxía na vida cotiá de nenas e nenos é un obxectivo que está lonxe ainda de se acadar. Máis ben o uso das TRIC (Tecnoloxías das Relacións, a Información e a Comunicación), trouxo consigo serios problemas a nivel emocional e de convivencia, especialmente nun período vital tan crítico como é a adolescencia. Tal e como veñen advertindo organismos como a OMS, a UNESCO ou mesmo UNICEF, o uso intensivo e sen supervisión das redes sociais ou os videoxogos pode ter graves consecuencias, derivando en maiores taxas de ansiedade e depresión, hábitos de vida menos saudables, un aumento das taxas de acoso escolar e ciberacoso, ou mesmo de violencia filioparental. Desgraciadamente a evidencia científica disponible non leva a que sexamos neutrais. O uso da tecnoloxía non é inocuo na adolescencia. Cando implica novos patróns de interacción e novas formas de relacionarse (a miudo tóxicas e superficiais), novos modelos aspiracionais e novas formas de entender a vida, chega a converterse nun serio serio problema, un problema de saúde pública. A tiranía do selfie e o imperio de Instagram, o boom dos gamers, youtubers e influencers dificulta ser quen de inculcarlles aos nosos fillos a cultura do esforzo e unha serie de valores básicos para o seu desenvolvemento como persoas. Adquirir conciencia, tomar partido, empoderar e orientar a nais e pais é unha tarefa obrigada, ao igual que tamén o é sensibilizar e corresponsabilizar ás institucións. Na charla-coloquio do vindeiro día 9 de marzo o profesor Antonio Rial Boubeta (da Universidade de Santiago) exporá datos reveladores a este respecto e reflexionará cos asistentes sobre este non tan novo problema. Asemade, propondrá algunhas claves e ferramentas para poder afrontalo no día a día.

 ANTONIO RIAL BOUBETA

Nado en Cangas do Morrazo en 1970, é doutor en Psicoloxía dende o ano 1998 e Profesor Titular da Universidade de Santiago de Compostela dende 2003. Director técnico da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e experto en metodoloxía de investigación en ciencias sociais e da saúde. Autor de mais de 140 artigos en revistas científicas de impacto internacional, director de 20 teses de doutoramento e responsable de numerosos proxectos de investigación do eido da mocidade, dende o Uso problemático de Internet, as redes sociais o ciberbullying, ao consumo de alcohol. En 2010 foi coordinador do primeiro estudo de “Adolescentes e Internet en Galicia”, realizado polo Valedor do Pobo e a Consellería de Educación, que continuou en 2014 co estudio “Mocidade On Line”, cuios resultados foron publicados en revistas de internacionais de máximo nivel, como Cyberpsychology ou Computers in Human Behavior. Dirixíu en 2019 un dos maiores estudios realizados en España sobre o problema do Xogo en menores, publicado no prestisioxo  Journal of Gambling Studies. É coautor do libro “Adolescentes y Nuevas Tecnologías: una responsabilidad compartida”, así como do libro “Entre selfies y whatsapps. Oportunidades y riesgos para la infancia y la adolescencia conectada”, elaborado xunto a expertos europeos do proxecto EU Kids Online. É colaborador habitual de diferentes medios de comunicación, tanto prensa, como radio e TV. Foi o encargado de elaborar o material docente do curso de formación que actualmente ten o Consejo General de la Psicología de España sobre o Uso Problemático de Internet na adolescencia; docente tamén no curso de Adiccións Tecnolóxicas, da Consellería de Sanidade, no que cada ano se forman psiquiatras, pediatras e psicólogos; no Curso de Prevención, Detección e tratamento do Acoso Escolar e o Ciberacoso, da Consellería de Educación, para mestres e orientadores de toda Galicia; así como de diferentes cursos que actualmente se imparten na Academia Galega de Seguridade Pública, para as Forzas e Corpos de Seguridade. É tamén investigador do Anti-Bullying Research and Resource Centre (da Dublin City University) e membro do Alto Comisionado da UNESCO para a loita contra o acoso escolar e o ciberacoso. Ven de dirixir un proxecto de investigación do Plan Nacional sobre Drogas para a detección e intervención precoz nas adiccións con e sen substancia en adolescentes e, paralelamente, o Estudio sobre o impacto da tecnoloxía na adolescencia, levado a cabo por UNICEF-España cunha mostra de mais de 50.000 estudantes de secundaria, que é a día de hoxe un dos traballos científicos de maior envergadura feitos en Europa sobre o tema. O pasado ano foi galardoado coa Nécora de Ouro da Fundación Galega contra o Narcotráfico (polo seu labor e compromiso en favor da prevención das adiccións na mocidade) e fai só unhas semanas co Premio Iacobus da Educación.

Entroido no Virxe da Cela

Celebramos o Entroido o venres 17 de febreiro, e nesta ocasión centrámonos na temática do cómic. Foi un festival multicolor, no que os alumnos/as e profesores/as exhibiron os seus fantásticos disfraces. Iniciamos o acto cun desfile de todos os grupos . Pola pista desfilaron os Simpsons,  os Pokemon, os Minions, Doraemon, Bop Esponja, Os picapedra, os Pitufos e pitufiñas, Panteiras Rosas, Mikies e moitos máis. Acto seguido contamos coa presenza dunha representación do Entroido tradicional de Samede (Paderne)  que nos acompañaron coas súas danzas e bailes aos cales nos unimos.

Rematamos a xornada coa queima do meco.

 Parte I  (Desfile)

 

Parte 2 (Entroido Samede e queima do meco)

 
 
 
Parte 3 (Galería de imaxes)
 
 
 
Sobre o Entroido tradicional de Samede
Samede é unha parroquia dentro do Concello de Paderne, que se atopa situado ao carón do Concello de Monfero. Nesta pequena aldea, a veciñanza realizaba fai moitos anos unha festa de Entroido cun baile moi particular chamado “Muiñeira Cruzada” e mesmo aparecían diversas personaxes con traxes moi peculiares. Un grupo de veciñas e veciños comezaron a recompilar información, pois esta festa tradicional perderase no tempo, para conseguir recuperala e poder celebrar de novo, a día de hoxe, o Entroido en Samede.
Distribuir contido


by Dr. Radut