No día de hoxe catro alumnas e alumnos de 5º de Educación Primaria (Adrián Fernández, Alma Penabad, Diana Pita e Jaime Rodríguez) acompañados polos mestres Mar e Iván, participaron nesta actividade organizada pola Consellería de Educación.
Esta reunión de traballo englóbase dentro das actividades do programa "Introdución á robotica educativa en Primaria", programa no que o noso centro está a tomar parte durante este curso.
O alumnado realizou unha demostración en vivo de como traballamos nas clases de Robótica que se imparten en 4º de Educación Primaria, durante a cal recibiron a visita de Román Rodríguez, Conselleiro de Educación. Segundo fontes da Consellería, o curso pasado fomos o único centro público de Galicia que impartiu Robótica coma área de libre configuración na etapa de Educación Primaria.
Así mesmo, o profe Iván participou coma poñente na mesa redonda que levaba por título "Experiencias robótica primaria". Na mesma, falou do procedemento que seguiu o noso centro para obter a aprobación da administración educativa para impartir Robótica coma área de libre configuración, así coma de aspectos relacionados coa posta en práctica e desenvolvemento desta área.
Xa para rematar, aí tedes uns vídeos nos que podedes apreciar o ambiente vivido durante a actividade, así coma o tan bo desempeño do alumnado, feito polo que recibimos multitude de felicitacións. E mil grazas á profe Mar polas imaxes e os vídeos!