Club de lectura 23-24

Club de lectura - xuño 2024

Bo día, estimad@s lectores e lectoras,

O Club de lectura do CPI Poeta Uxío Novoneyra despedirase (por este curso) o próximo martes 18 de xuño coa visita da escritora Berta Dávila. Á mañá vaise reunir co alumnado de Primaria para comentar o seu libro “O Concurso dos mellores inventos”.

Xa pola tarde, arredor das 16 h., teremos sesión co profesorado, familias e calquera outro membro da comunidade educativa que se anime, para comentar a súa última obra, “A ferida imaxinaria”. Contamos, como nas outras ocasións, con exemplares no centro por se alguén o precisa.

Desde a directiva do centro animamos a tod@s a ler este último libro do curso, co desexo de que as ganas de ler sigan durante o verán e, se pode ser, tamén durante os vindeiros anos.

Unha aperta chea de letras!

Club de lectura: mes de maio

ADIADO

Por motivos imprevistos, a autora finalmente virá o día 29 de maio

Queridas/os lectores,

O próximo mércores 15 29 de maio imos ter unha visita especial: a escritora Olga Novo vainos acompañar na seguinte sesión do Club, na que imos comentar algunhas das súas obras. Unha de poesía, “Feliz Idade” (do cal mercaremos algúns exemplares para o colexio e poderedes facer uso del proximamente); e uns relatos en prosa relacionados coa súa infancia, que podemos atopar en internet. Os enlaces son os seguintes:

https://luzes.gal/25/04/2019/autores-web/olga/novo/a-bisavoa-descalza/

https://luzes.gal/09/01/2019/autores-web/olga/novo/a-medida-do-amor/

https://luzes.gal/22/08/2022/temas/feminismos/todo-o-cosmos-nun-cabelo-da-marilyn-de-vilarmao-olga-novo/

https://luzes.gal/10/07/2020/temas/inmigracion/o-pequeno-petrucio-e-a-naicina-nena/

https://luzes.gal/06/02/2020/autores-web/olga/novo/os-ollos-da-mina-nai/

Recordade tamén que é o mes no que imos comentar 2-3 letras de cancións, podendo falar de por que nos gustan, relacionar co seu contexto histórico, os seus significados, ou calquera outra cousa que consideredes relevante. É unha actividade nova, ningún temos experiencia, e a ver como sae! (seguro que moi interesante, xa veredes ;) )

Dado que temos convidada especial e ben disposta a colaborar (ademais na semana das Letras Galegas!), estaría moi ben que vos animarades a participar, cantas/os máis mellor, para facer un evento o máis bonito posible.

Unha aperta!

Sesión do club de lectura, 13 de marzo

Estimados/as lectores/as,

Informamos sobre unha nova proposta de lectura para a próxima sesión do Club, que terá lugar o mércores 13 de marzo, sobre as 16:45. A obra escollida é o libro "As malas mulleres", de Marilar Aleixandre, que nos levará ata finais do século XIX para recuperar a memoria de mulleres marxinadas desta época.

Se alguén se anima a facer de "guía" durante a sesión, por favor, comentádenos. Nós animamos a realizar esta función, e así colaborar entre tod@s para que o Club sexa o máis interactivo posible!

A próxima semana haberá exemplares no colexio, que posteriormente quedarán na biblioteca escolar.

Ánimo coa lectura!

Unha aperta

Club de Lectura - Febreiro

Estimados membros da comunidade educativa: informamos de que o próximo 15 de febeiro pola tarde terá lugar a siguiente reunión do Club de lectura 2023/2024.

O libro escollido foi "La vida contada por un Sapiens a un Neandethal", de Juan José Millás.

Xa contamos no centro con varios exemplares do libro que poderán vir buscar en calquera momento para levalos prestados.

E recordamos que é posible unirse ó Club de lectura en calquera momento.

Un saúdo cordial.

Horario Club de lectura no mes de xaneiro

Queridas familias,

Botamos a andar no Club de lectura! Este mes, en lugar do primeiro xoves, tivemos que pospoñer a reunión para o próximo, día 18. En principio, o horario vai ser o mesmo, despois das clases (16:45), aínda que podemos acordar un que lle vaia mellor a todo o mundo.

Para este xoves 18 imos decidir a primeira das lecturas, e para todos/as aqueles/as que non puidestes asistir á reunión de decembro, explicaremos novamente as actividades previstas.

Animádevos a asistir e participar! Ler é unha das mellores actividades que se poden facer nun centro educativo, tanto para o alumnado como para as súas familias. Tede en conta, ademais, que calquera veciño/a é tamén máis que benvido a participar.

Graciñas e vémonos o vindeiro xoves 18!

 

CPI POETA UXÍO NOVONEYRA

Distribuir contido


Feito con Drupal (ver. 6.28)

 


Proxecto Webs dinámicas

Xunta de Galicia - Consellería de Educación, 2013
- Designed by EZwpthemes Drupalized by Azri Design