Actividades

OBRADOIRO DE PANDEIRETA E BAILE TRADICIONAL

 

Hoxe recibimos a visita de Ana Belén Fernández que nos explicou en que consistirían as clases de  pandeireta, baile tradicional e canto que ela desenvolve con grupos de rapaces e rapazas de primaria e secundaria en concellos limítrofes a Dodro. A pretensión con este obradoiro foi achegar este tipo de actividades ao alumnado do noso centro. Foi unha experiencia enriquecedora e divertida da que esperamos saian bailaríns,  cantantes e pandereiteiros que leven a nos cultura musical alá onde vaian.

 

 

 GRAZAS  ANA!!!

SIMULACRO DE EVACUACIÓN

  

Hoxe realizamos un simulacro de  evacuación no centro. Resultou bastante ben. Tivemos a sorte de contar con persoal do GES de Padrón que controlaron a nosa actuación e nos deron consellos ao recpesto. tamén contestaron ás cuestións e  dúbidas do profesorado e alumnado.

Agradecémoslles enormemente que nos acompañen e aconsellen nesta actividade!!!

 

LETRAS GALEGAS 18-19

Comezamos hoxe, sempre a carón da nosa porta violeta,  a celebración do Día das Letras Galegas recibindo a visita dos nosos maiores que se trasladaron dende o Centro de Día do Concello de Dodro para compartir este día con nós. Comezou a xornada co grupo de  2º de Primaria contándonos cousas moi interesantes sobre a vida de obra de Antón Fraguas. A continuación, o alumnado de  1º de Primaria recitou citas do noso refraneiro.

 

A  seguir, 3º de Primaria, leunos a Cantiga de Santo André e, seguidamente, pasaron a ilustrarnos os alumnos e alumnas de 6º de Primaria coa súa presentación sobre "Os hórreos" e de 4º de Primaria coa presentación "Os muíños", seguindo un pouco a vertente do traballo de Antón Fraguas sobre o patrimonio.

 




 

Tras interesante intervención do alumnado, demos paso ás anciás e anciáns para que nos contasen o que saben e o que viviron en relación cos hórreos e muíños. Houbo preguntas e respostas de grande interese..

 

 

Tamén houbo parte musical. Actuou un grupo de 3 alumnos de 4º que interpreton dúas pezas tradicionais e, a partir de aí os maiores coa axuda do alumnado de 5º e de todo o público cantaron cantigas de labor.

 

Rematado o acto, os maiores marcaharone nós continuamos, xa no patio de herba,  coa representación por parte de 2º de primaria do   "O casamento da pulga", unha obra preciosa que nos encantou a todos..


Por último, xa como remate, fixemos un obradoiro de baile tradicional no que participou todo o centro, profes e alumnos/as e que foi dirixido por un grupo de alumnado de ambas etapas que son bastante destros nesto da "Muiñeira"..foi unha chulada!

 

Os "profes de baile"

 

Momento do obradoiro

 

Un que quedou derreado

Pola tarde o alumnado de ESO realizou unha visita a un muíño que aínda se mantén en traballando en Teaio. Tivemos a colaboración de Isabel Sóñora e familia que nos explicaron marabillosamente todo o que hai que saber do funcionamento dos muíños hidráulicos.


Unha xornada para lembrar, na que tivemos en conta o noso patrimonio arquitectónico, as cantigas, o baile, os contos, ... entrañable a visita dos nosos maiores, e rematada con éxito coa fantástica explicación de Isabel e a posta en funcionamento do muiño de Teaio. Chapeau por tod@s.

 GALERÍA DE FOTOS E VÍDEOS ACTIVIDADE NO CENTRO

GALERÍA DE FOTOS SAÍDA AOS MUÍÑOS

SAÍDA DIDÁCTICA DE 3º e 4º DE PRIMARIA PONTEVEDRA

O alumnado de 3º e 4º de primaria visitou a cidade de Pontevedra para ver a obra de teatro Bon appetit, unha comedia onde tres chefs amosan os segredos da cociña galega.

Tamén deron un pequeno paseo polo casco histórico desta bonita cidade..

 

DE NOVO "ARDEN" O NOSO PAÍS

 
 

 

O martes día 26 de marzo, con motivo do incendio que se iniciou onte no concello de Dodro  e que arrasou o concello de Rianxo, o alumnado e profesorado do centro reuniuse no exterior do recinto dende onde se podía ver a columna de fume e o monte ardendo, para colocar unha pancarta como rexeitamento ao problema dos incendios. Ao remate do acto, versos escritos polo alumnado relacionados co tema dos incendios forestais que elaboramos o curso pasado co motivo do Proxecto de Centro sobre o monte, foron lidos. Tamén colocamos eses mesmos  versos na fachada principal do edificio. Mostramos a nosa repulsa, impotencia, rabia e tristura  contra estes actos que asolan ano tras ano os montes do noso país e pedimos ás autoridades competentes que tomen medidas para que non teñamos que realizar máis actos coma este.
 

Arden as altas árbores, atardecer.

Botan berros de bruma e brasas.

Campías comestas cubertas de cinza,

Chans chorosos, cheiro a charamusca.

Días destruídos: dor, desesperanza.

Eucaliptos esfollados espallan esterilidade.

Fume funesto fumiga a fraga,

Gritos grises nas gorxas dos gorrións.

Hecatombe de hectáreas, herdo histórico.

Impotencia infestada, inútil ilusión.

Lume letal, loito da lúa,

Medo e morte manifestándose no monte.

Noite negra, neboenta e nostálxica,

Outro outono de odioso ocaso.

Piñeiros pedindo perdón polos pecados,

Queixumes queimados, queixándose quedos.

Rumorosos de ramas roídas, rabia.

Salvaxe sacrilexio sen sentido.

Tolemia, traxedia, tempo de tristura;

Utopía ultraxada ao unísono.

Vergoña. Vida que se vai co vento.

Xenocidio. Xente xemendo xustiza.

Zume zugado. Zona zero.

 

 

 

CONMEMORACIÓN DÍA DA MULLER

Para conmemorar o 8 de marzo, celebramos un acto no que colocamos as estrelas do noso propio Corredor da Fama. Nomes de mulleres que destacaron en diferentes ámbitos e épocas foron escritos nas "baldosas" elaboradas polo alumnado de 4º de ESO na materia de tecnoloxía, e traballados nas diferentes áreas educativas. Para lembrar o papel da muller na ciencia, música, tecnoloxía, deporte..... A todas elas, ás que xa foron, ás que son e ás que virán, NORABOA, BO TRABALLO MULLERES !!!!.

 

Ao final do acto o alumnado de 5º de primaria recitou uns versos ao ritmo da "Macarena"

Tamén o alumnado de primaria colocou unha exposición temporal cos traballos realizados para conmemorar este día tan especial. Aquí vos deixamos unha mostra:



 

 

GALERÍA DE FOTOS

 

ENTROIDO 18-19

Coma todos os cursos por estas datas celebramos o Entroido. Este ano o tema foi o cine así que houbo moita variedade de disfraces relacionados co tema: tartarugas ninja, dálmatas, personaxes de Toy Story, Xogo de Tronos, Os Incríbles,  O Señor dor Aneis, Harryt Potter e algún que outro Freddie Mercury....

 

 

 

Fixemos o pasarúas ata o Centro de Día onde tocamos e cantamos para os maiores.

Tamén nos acompañaron os pequechos do CRA, aínda que a súa temática era diferente. Eles ían de países do mundo..todos preciosos, por certo!!...e cantaron unha canción maravillosa..

Nais, pais e profes tamén se animaron cos disfraces..

 

 

 

De volta a o centro queimamos, como é tradición, o noso meco que este ano foi o Ollo de Sauron..

Ao final da mañán degustamos os exquisitos doces ( e non tan doces, que seique había boliños preñados tamén..) típicos que as familias tiveron o ánimo e a paciencia de  elaborar para nós... GRAZAS FAMILIAS!!!!!!!

 

GALERÍA DE FOTOS

 

CELEBRAMOS O DÍA INTERNACIONAL DA LINGUA MATERNA E DÍA DE ROSALÍA

Hoxe celebramos o Día Internacional da Lingua Materna e o Día de Rosalía co recitado de versos, colocación de camisetas de cor violeta e visionado de vídeo.

O panel sobre o que se colocaron as camisetas foi elaborado polo alumnado de 4º de ESO e pretende darlle continuidade á nosa porta violeta. Foron instaladas dúas ventás desta mesma cor tras as cales pódese ver a sombra de Rosalía e, no frontal, un tendal no que colgamos as nosas camisetas, tamén de cor violeta, con palabras fermosas na nosa lingua nai.

Alumnado de cada curso recitou versos diante do mural e colgáronse as camisetas, previamente elaboradas por cada titoría, no tendal que abre a lingua á ventá de Rosalía.

 

Despois o alumnado subiu á biblioteca para ver o marabilloso vídeo que elaboraron os cursos de 1º e 2º de primaria e que podedes ver no enlace, un chisco máis baixo.

O acto rematou cun "photocall" de todo o alumnado diante do tendal...

 

 GALERÍA DE FOTOS

ENLACE AO VÍDEO

DÍA DA PAZ


Hoxe, mércores 21 de xaneiro, conmemoramos o Día da Paz coa obra de teatro  " Os Cinco Dedos" de Calo Iglesias representada polo alumnado de 5º de primaria ( máis abaixo, no enlace, podedes acceder ao vídeo da mesma) e unha canción de Fuxan Os Ventos que leva por título "Irmaus".

 A celebración foi presentada por Marta de 4º de ESO e Daniel Collazo de 1º de ESO e a canción foi cantada por todos, profes e alumnos,e con Xiao á guitarra e Álvaro de 4º de ESO recitando a Celso Emilio Ferreiro.

 

Un bo xeito de lembrar unha nova petición para un mundo mellor.

Grazas a todos!!

GALERÍA DE FOTOS

VÍDEO DA OBRA DE TEATRO

NADAL 2018-2019

O venres 21 de decembro celebramos o festival de Nadal. Presentado por Nerea e Borja, deleitounos con panxoliñas, espectáculo de mimo, flauta e pandeiretas. Tamén música máis "roqueira" da man do alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO. Non podía faltar o tradicional "Petit Papa Noel" en francés e "I wish you a Merry Christmas" in English.


 

 

 

 

GALERÍA DE FOTOS FESTIVAL

Tamén se realizaron actividades navideñas de elaboración de menús típicos destas datas. O curso encargado desta bonita tarefa foi 4º de primaria.

 

GALERÍA DE FOTOS MENÚS

Powered by Drupal - Design by artinet