CHARLAS SOBRE COIDADO MEDIOAMBIENTAL

Hoxe tivemos entre nós a Beiras, a Tito e a Samuel, tres axentes medioambientais que viñeron para falarnos da natureza. 

 

Trouxéronnos follas de diferentes árbores e arbustos da nosa contorna, para aprender a diferencialos e coidalos. Follas de loureiro, carballo, sanguiño, fiuncho, bieiteiro,... Explicáronnos que non debemos cortar nin arrancar herbas pois moitas delas serven como alimento ou refuxio para moitos animais.

Faláronnos tamén dos habitantes do río: lontras, lampreas, garzas,... e dos problemas que acarrean os vertidos, a contaminación e as especies invasoras tanto vexetais (herba da pampa, mimosa,...) como animais (visón, tartaruga,...). 

 

Puidemos escoitar o canto de aves en perigo de extinción como a escribenta das canaveiras, da que só quedan 1 ou 2 parellas en toda a braña.

Tamén nos falaron sobre o seu traballo como axentes medioambientais, que velan polo benestar animal, realizan repoboacións, controlan obras e vertidos ao río ou na súa contorna, manteñen o Centro de Recuperación de fauna silvestre,...

Precisamente deste centro proviña o miñato que ceibamos no noso patio, un exemplar que foi capturado no aeroporto e xa vai coa 3ª vez que se recolle e se solta de novo. Podedes velo no vídeo da galería, a ver se colle parella e se queda connosco aquí en Dodro!

 

 

Pero,sen dúbida, unha das tarefas máis importantes é o labor de concienciación de coidado da natureza, tanto nas escolas como a toda a poboción en xeral. Moitas grazas a estes tres axentes que nos acompañaron.

Mañá 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, se o tempo nolo permite, poremos  en práctica os seus consellos no roteiro que imos realizar polas Brañas de Dodro.

Xa vos contaremos!

GALERÍA DE FOTOS

VíDEO

Powered by Drupal - Design by artinet