Mariñeiros por un día

...


Terceiro Ciclo de Primaria

O venres, día 16 de maio, os alumnos de 5º e 6º de Primaria do noso cole e os do cole de Portomarín viaxamos a Celeiro (Viveiro) para participar no proxecto “Mariñeiros por un día”.

Nesta xornada ensináronnos a participar e coñecer de primeira man a profesión do home de mar e ó mesmo tempo saber valorala.

Durante toda a mañá visitamos todas as instalacións do porto pesqueiro. Ao chegar recibíronnos tres profesionais encargados de ensinarnos os distintos departamentos.

-Na lonxa, o xefe de Cancha explicounos todo o proceso de captura e preparación do peixe e marisco ( deixáronnos coller un crustáceo e facer fotos). Contounos como se fai a poxa, empezando nunha cantidade ata que alguén di: “é meu”. Tamén nos informou da preparación , conservación, traslado e distribución debidamente identificado e etiquetado en lotes para repartilo por toda España e polo Estranxeiro. Vimos atracar

un barco.

-Na Base de Salvamento Marítimo, (Heliporto): o capitán, o piloto e demais persoal explicáronos todo o funcionamento da base e do helicóptero ( podendo subirnos nel), mostráronnos os E.P.I.S: padiolas, inchables para inmobilizar, unha cesta na que cabían dúas persoas e arneses; tamén fixeron unhas demostracións de como atender a feridos nos rescates.

Despois fixemos un descanso breve, para tomar a merenda nunha praza.

-Na Confraría de Pescadores: Primeiro, vimos un vídeo sobre as diferentes técnicas de pesca. Despois, tivemos unha clase práctica: “o taller do pescador” onde nos transformamos en mariñeiros: vestimos as súas roupas de faena, manipulamos os distintos aparellos de pesca, e explicáronnos as artes e modalidades máis usadas nesta zona. Ao saír regaláronnos unha bolsa con agasallos.

-No Centro de Formación Marítimo Pesqueiro: un equipo de profesionais distribuínos en distintos departamentos para poder explicarnos o simulador do barco virtual, o radar, a telefonía, primeiros auxilios e a poñernos un guante de plástico sen contaminalo.

No restaurante Louzao, na praia de Area a uns 5 Km do Porto, degustamos unha comida típica mariñeira ( tortilla, empanada, croquetas de pescada, luras, chocos, peixe espada , todo elo con guarnición de patacas fritidas, zamburiñas , polbo e de sobremesa xeado).

Ao rematar a comida xogamos uns minutos no parque do restaurante e despois regresamos a Friol, no traxecto cantamos e berramos sen parar, animados polas profes.

Foi ben divertido!

 

Fin da viaxe.