Actividades
I CONCURSO DE CARTAS DE AMOR E DE AMIZADE
O EDLG convoca este ano o I Concurso de Cartas de Amor e de Amizade, para conmemorar o Día da Candeloria ou, segundo a tradición popular, o día no que casan os paxariños.
Pode participar todo o alumnado do centro, ademais do profesorado e persoal non docente, e valoraranse aquelas cartas que sexan orixinais, divertidas, emocionantes e nunca vistas!
Animádevos a participar, porque, ademais dos premios, é posible que recibades unha carta do voso admirador ou admiradora, amigo ou amiga, namorado ou namorada...
Xa está o alumnado decorando o cartel:
Estas son as cartas que enviastes nestas dúas semanas que había de prazo. A morea máis grande corresponde ao alumnado de Secundaria, pero as demais tamén quedaron bastante cumpridas.
Estade atentos/as porque nos próximos días serán entregadas aos destinatarios/as!
Hoxe, 1 de febreiro, véspera da Candeloria, entregamos as cartas de amor e amizade do alumnado de Secundaria. Moitas grazas a todos e todas os que escribistes as cartas demostrando a vosa especial estima a eses compañeiros e compañeiras cos que compartides tantas vivencias no centro.
Por fin chegou o día de entregar os premios! Coincidindo coa colebración do Entroido, o 9 de febreiro, soubéronse os gañadores e gañadoras.
Na categoría de Infantil, toda a clase foi premiada e recibiu un diploma e un agasallo. Na categoría de Primaria e Secundaria, as gañadoras foron dúas alumnas e recibiron cadanseu diploma e cadanseu vale para gastar en libros e/ou material escolar na libraría; e na cateoría de Profesorado e persoal non docente, a gañadora foi a nosa compañeira Fe. Moitos parabéns a todas!
ENTREGA DE PREMIOS DE EXPOSICIÓN ORAL
O día 23 de novembro entregamos os premios de exposición oral, nos que resultaron gañadores 5 alumnos e alumnas de Secundaria.
O acto celebrouse na entrada do edificio de Secundaria e os diplomas e os premios foron entregados polo director do centro a cada un dos premiados e premiada.
Moitos parabéns!
MAGOSTO 2023
Estamos a piques de celebrarmos o Magosto no CPI dos Dices e comezamos facendo unha pequena exposición con refráns e coplas sobre o San Martiño e o Magosto.
CONTACONTOS CON CELSO F. SANMARTÍN
O luns 6 de novembro o alumnado de secundaria tivo unha saída ao edificio Multiúsos do noso Concello. Nel estivemos acompañados por Celso Sanmartín, un contador de contos que nos dixo que é contador do que hai, é dicir, conta o que é e de onde é.
Desta maneira, aprendemos a contar historias ou anécdotas a través da naturalidade e sendo espontáneos.
Relatounos varias historias que nos axudaron a poder desenvolvernos e facelo nós. Foi todo un pracer poder telo con nós en Rois!
(Carmen, Cristina e Noela)