Skip to Content

Proxecto VEDRA MEDRA

Mañá de xogos e magosto no CPI de Vedra

Coincidindo co día do San Martiño fixemos o magosto no centro e convocamos a toda a rapazada a xogar. 

Aquí van as imaxes da primeira actuación conxunta d’ O Camiño tamén dá xogo! na que os xogos e os xogadores foron os protagonistas. Deunos moito gusto poder contar no ‘terreo de xogo’ cos avós e avoas que viñeron compartir unha mañá de lecer con nós.

A permanencia e a continuidade dos xogos populares dependen de que se dea unha transmisión interxeracional efectiva. É por iso que desde Vedra medra propiciamos desde o comezo do proxecto a  interrelación entre maiores e rapaces tendo presente o gran valor educativo que nela se agocha.

Moitas grazas aos vedreses/as que nos acompañaron nesta cita ‘xogantina’: Ana Dacosta, Elvira Gestoso, Gerardo Albela, José Torres, Manuel Vilas, Luis Neira e Pilar González.

O agradecemento tamén para SororAs, empresa encargada do labor de dinamización para o que achegou  unha manchea de xogos populares e malabares (turra corda, xogo do aro, comba, tabas, goma, bólas, pratos chineses, buxainas, aros...), xogos tradicionais (a casiña, tira latas, tira aros, pesca a botella...) e de xogos de mesa (letra a letra, dominó, memory, cortex, jungle speed, xogos de inxenio de madeira, story cube...).

 

Xulia Marqués

Coordinadora do EDLG e de Vedra medra

Vedra medra no Pasabodeghas 2022

Outro ano máis, Vedra medra estivo presente no Espazo Activo da Ulla-Pasabodeghas representado polas súas mascotas, TOPO, NIMO e NIMIA, saídos das habilidosas mans da nosa compañeira Iolanda Neira, que converteu en mural  os nosos tres dragonciños.Grazas a toda a veciñanza de Sarandón por estar sempre presente e acompañándonos en Vedra medra.

Tamén estiveron expostas alí algunhas fotos do noso paso por esta parroquia de San Miguel de Sarandón nestes últimos sete anos: a visita á bodega e museo de Esperanza Lema, o traballo de “Bótame un capio” co mestre Antonio, a participación na concorrida Festa do Viño, nas cantarelas de Nadal ou no Serán das Letras.

Grazas a toda a veciñanza de Sarandón por estar sempre presente e acompañándonos en Vedra medra.

 

Xulia Marqués

Coordinadora do EDLG e de Vedra medra

A instalación interactiva Vía da Prata chega ao CPI de Vedra

A rapazada do noso centro puido completar coa instalación interactiva de forma virtual a peregrinación polo treito galego da Vía da Prata desde A Mezquita ata Santiago.

Esta instalación permaneceu no CPI do 6 ao 12 de outubro cun obxectivo, dar a coñecer o catálogo patrimonial da Vía da Prata dunha forma lúdica. 

O elemento central é un xogo de habilidade en que o/a rapaz/a debe, coa axuda de dúas cordas, manipular a un peregrino de madeira e lograr que traslade unha pelota desde A Canda ata Compostela, completando o trazado da Vía da Prata. 

Compleméntase cunha sorte de paneis en que se revisan algún puntos de interese más destacados do Camiño,  desde o triángulo máxico do Entroido ourensán, o mosteiro de Oseira ou O Pico Sacro.

Esta iniciativa forma parte do programa da Xunta “O Teu   Xacobeo”.

Xulia Marqués

Coordinadora do EDLG e de Vedra medra

Obradoiro de Radio

Entre o 4 e o 11 de outubro desenvolveuse un obradoiro de radio no que o alumnado de 3.º da ESO foi protagonista activo, desde a preprogramación ata a gravación dos podcast. Este taller chegou ao centro  baixo o amparo do concello de Vedra e da man de dous comunicadores e fotógrafos de Lume Cultura, Camila Pérez Senande e Tomás Dies Papagno. Nados en Bos Aires e residentes en Santiago, fixeron posible que as dúas liñas de traballo de O Camiño tamén dá xogo!  -a Vía da Prata e os xogos tradicionais e populares- se materializasen en dúas pezas divulgativas.

Aquí vai un repositorio que mostra en imaxes parte do realizado estes días.

Os podcast están incorporados xa no Facebook Vedra medra.

Xulia Marqués

Coordinadora do EDLG e de Vedra medra

O CAMIÑO TAMÉN DÁ XOGO!

Comezamos a andaina este 2022-23 repetindo camiñadas pola Vía da Prata aínda que esta vez traballaremos asociada a temática do xogo popular e tradicional galego.

A iso responde a escolla dun lema coma O Camiño tamén dá xogo! que nos identificará ao longo de todo o curso.

De todos é sabido que Galicia ten un patrimonio lúdico significativo en número e cun elevado nivel de conservación. E dende Vedra medra queremos aprender sobre o xogo, xogando, coas avoas e os avós da nosa rapazada e saber daqueles xoguetes que formaron parte da súa nenez.

O Camiño tamén dá xogo! está inscrito no programa de innovación educativa PROXECTA + “Vexo, veo Xacobeo” promovido desde a Vicepresidencia Primeira e a Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo Axencia de Turismo-S.A.de Xestión do Plan Xacobeo.

 

Entre as primeiras actuacións, que estamos xa a desenvolver, figuran un obradoiro de radio e a recepción da instalación interactiva Vía da Prata co seu xogo de habilidade sobre o roteiro. Agardamos tamén con ansia a mañá do 11 de novembro (celebración do Magosto) que virá con castañada pero chea de xogos para todas as idades e de tipoloxía diversa (populares e malabares, de mesa, tradicionais).

 E, claro está, seguimos programando saídas didácticas para achegar o noso alumnado á Vedra patrimonial.

 

Xulia Marqués

Coordinadora do EDLG e de Vedra medra

Hoxe puxemos o ramo! E fixémolo ao grande, subindo ao Pico Sacro

Así demos por rematado Vedra medra. O Camiño tamén dá xogo! que este curso desenvolvemos ao abeiro de PROXECTA +.

Os camiñantes elixidos foron os 42 rapaces e rapazas de 1. º da ESO cos que nos achegamos a Cachosenande (Lestedo) para visitar o Centro de Interpretación Raíña Lupa para despois, desde alí, dirixirnos ao Pico.

 O roteiro escolar incluíu un gran xogo de 2 horas e media de duración no que foron descubrindo as claves do mundo lendario que rodea o monte. Esta actividade naceu da colaboración co concello de Boqueixón  e o seu programa “ás Tantas e Pico” e desenvolveuse coa axuda de Anacos.

Pódense ver fotos da saída na seguinte ligazón: Saída ao Pico Sacro

 

Xulia Marqués

Coordinadora do EDLG e de Vedra medra

O CPI de Vedra coas LETRAS GALEGAS en Lourenzá

O Día das Letras Galegas dedícaselle este ano 2023 ao laurentino Francisco Fernández del Riego. Por este motivo, Vedra medra co alumnado de 3.º ESO desprazouse á Mariña lucense para visitar a vila natal do escritor, Vilanova de Lourenzá.  

Alí, da man do servizo de turismo do concello, realizamos unha visita cultural guiada.

Os centros de interese sobre os que xirou a visita foron: a exposición “110 anos de Del Riego”, Vilanova, o centro de Interpretación da Faba e a mostra de xoguetes tradicionais.

Máis información da visita e un album as fotos na revista Fiadeiro.

 

 

Xulia Marqués

Coordinadora do EDLG e de Vedra medra

Coas cantareliñas de Nadal e Reis por Vedra adiante

Con ocasión da próxima celebración das festas de Nadal e Reis quixemos revivir co noso alumnado a tradición das cantarelas na parroquia vedresa de San Miguel de Sarandón. Alí acudimos ao convite da Asociación Cultural San Campio coa rapazada de 1.º de educación primaria e as súas mestras Marta, Vanesa e Sol.

A xornada transcorreu, coa compañía do mestre Antonio e dos seus alumnos/as do CRA de Boqueixón-Vedra, que nos sorprenderon entre cantos de Nadal e Reices, charrascos e requintas e visitas ás casas de Luís de Zas, Marcelino de Muiñeiro e a de Crespo.

Rematou a mañá cun convite a chocolate con rosca, que soubo a gloria, e que moito lles agradecemos…

Aquí pódese ver unha selección fotográfica da actividade.

 

Xulia Marqués

Coordinadora Vedra medra

“Vexo, veo Xacobeo” pegadas audiovisuais do Camiño por Vedra

Ofrecémosvos aquí  dous vídeos correspondentes a actividades que se levaron a cabo en educación infantil nos meses de abril e maio pasados. 

O primeiro vídeo rexistra a actuación dos contacontos e o segundo, gravado o pasado 5 de maio, recolle o momento en que a cativada se botou a camiñar coas súas mestras, coidadoras e monitoras por Outeiro adiante na parroquia vedresa de San Pedro de Vilanova.

Xulia Marqués

Coordinadora do EDLG e de Vedra medra

Máis LETRAS para Florencio e otras actuacións do mes de maio

O CPI de Vedra continúa a sumar actividades de distintos cursos en honra de Florencio Delgado Gurriarán. 

Velaquí van os protagonistas e os testemuños fotográficos de cada actividade:

 

    1. LETRAS GALEGAS. Exposición de instrumentos musicais tradicionais (5º EP)

 

    2. LETRAS GALEGAS. A poza de Florencio (3ºEP)

 

    3. A festa tradicional dos maios (obra do alumnado de 3º EP) 

 

    4. A saída ao Pazo de Santa Cruz de Ribadulla (visita do alumnado de 5.º EP)

 

 

Xulia Marqués

 

Coordinadora do EDLG e de Vedra medra

 

Distribuir contido


by Dr. Radut