Queremos mulleres con corazóns cheos de vida: NON á violencia de xénero

Desta volta acabamos de realizar unha serie de actividades, nas que participou todo o alumnado do noso CPI, para conmemorar o 25 de novembro, Día internacional da eliminación da violencia contra a muller. Trátase dunha proposta coa que quixemos unirnos á campaña de ONU MULLERES “Pinta o teu mundo de laranxa- Deixa a túa pegada”.

 

ONU MULLERES é unha entidade de Nacións Unidas para a Igualdade de Xénero e o Empoderamento das Mulleres. Neste caso, a campaña demandaba que xerásemos conciencia pintando, adornando e desfilando por lugares coa cor laranxa. Así o quixemos facer. Para iso creamos o noso propio lema, que levamos a unha pancarta: “Queremos mulleres con corazóns cheos de vida: NON á violencia de xénero”. Con esta simboloxía aludimos non só á violencia física e ás mortes, senón tamén aos corazóns "tristes e sen vida" das mulleres que sofren violencia psicolóxica/económica/física/sexual... As actividades realizadas no noso centro dentro desta campaña foron as seguintes:

  • Cada alumno e alumna pensou unha frase ou idea que fixese referencia á loita contra a violencia de xénero, ou de amor e respecto cara ás mulleres, frases que posteriormente recollemos en corazóns de cartolina laranxa para expoñelos.
  • Todo o alumnado realizou un corazón laranxa con papiroflexia, con modelos moi variados e orixinais dependendo do nivel que cursan. O corazón levaba escrito a frase que pensara previamente.
  • O alumnado de 2º da ESO tamén confeccionou mans laranxas.
  • Ademáis, por niveis, elaborouse un corazón grande decorado de maneira personalizada polo alumnado con cores laranxas e violetas, e posteriormente colocáronse nel os corazóns pequenos realizados por cada alumna e alumno.
  • Por outra banda, o alumnado da ESO tamén realizou unha camiñada dende o concello ata o centro educativo, no que cada participante levaba o seu corazón laranxa enganchado no seu peito enriba do seu propio corazón. Algúns destes alumnos e alumnas portaban as pancartas e os corazóns grandes.
  • Posteriormente, realizouse unha exposición no corredor de primaria con todo o traballo realizado polo alumnado.
  • Adicionalmente, o alumnado de 4º da ESO engadiu nun dos lados do seu corazón grande os lazos violetas que estivo tecendo coa titora ao longo do trimestre, coa idea de “tecer pola igualdade”.
  • Todo este traballo entroncámolo coa exposición “Cartas de Amor”, que tamén fai referencia á violencia de xénero, e que se atopa nos nosos corredores dende o 28 de novembro ata o 10 de decembro.

    Para realizar todas estas actividades, contouse coa inestimable participación de case todo o profesorado, que estimulou e guiou o proceso co seu alumnado, do que resultaron propostas moi vistosas, orixinais e que crean conciencia. Como mostra das mesmas, deixámosvos aquí unhas fotos dos resultados. Próximamente achegarémosvos máis imaxes de todo o proceso. Esperamos que vos gusten!

 

 

Igualdade, Convivencia e Inclusión