4. Partes ollo/ FUNCIONAMENTO / ENFERMIDADES

4.1. ANOMALÍAS DA VISIÓN/ COIDADOS

O ollo pode sufrir diferentes enfermidades e alteracións da visión. Algunhas delas poden ser tratadas con lentes correctivas, é dicir, con lentes ou lentes de contacto. Por exemplo:

  • A miopía: é unha deformación do globo ocular que provoca unha dificultade para enfocar os obxectos afastados. Así, a miopía fai que se vexan borrosos os obxectos afastados. Débese a que o ollo é demasiado longo ou a que a córnea está demasiado curvada. A imaxe fórmase diante da retina.
  • A hipermetropía: é unha deformación do globo ocular que provoca unha dificultade para enfocar obxectos próximos. A hipermetropía fai que se vexan borrosos os obxectos próximos. Débese a que o ollo é máis curto do normal ou a que a córnea está pouco curvada. A imaxe fórmase detrás da retina.
  • O astigmatismo: é unha deformación do globo ocular que provoca que os obxectos se vexan distorsionados. Débese a unha curvatura irregular da córnea.

Ademais das enfermidades que poden corrixirse con lentes, os ollos tamén poden desenvolver outras patoloxías como o glaucoma, que é un aumento da presión intraocular debido a unha mal drenaxe do humor acuoso; as cataratas, que se deben a unha perda da transparencia do cristalino; e a conxuntivite, que consiste nunha inflamación da mucosa que recobre a córnea e o interior das pálpebras, e se debe, polo xeral, a unha infección.

Os ollos son uns órganos moi delicados. Por iso, necesitan uns coidados especiais para funcionar de maneira correcta. Para manter o ollo en perfectas condicións e evitar danos innecesarios, recoméndanse estes consellos:

  • Usar lentes de sol homologadas para evitar que os raios ultravioleta solares danen a retina. Unhas lentes de sol inadecuadas poden facer máis dano que non levar lentes.
  • Evitar tocar a córnea cos dedos ou fregarse os ollos cando piquen ou exista algunha molestia. É máis adecuado lavalos con abundante auga.
  • Non mirar nunca de maneira directa ao sol.
  • Non forzar a vista. Hai que ler sempre en condicións de boa iluminación e deixar descansar os ollos cando se estea moito tempo diante dunha pantalla.