Estimados nais e pais,
Desde o centro educativo, animámosvos a presenciar o desfile de Entroido que temos programado facer con todos os nosos alumnos/as e coa Asociación AVANTE de Niveiro. Realizarase o vindeiro 24 de febreiro ás 11:30 horas e discorrerá pola rúa Arcai de Bembibre, concretamente desde a estatua do Emigrante ata o cruce coa rúa Corredoiras. Despois dirixirémonos ao pavillón polideportivo do Concello, onde remataremos a xornada cunha chocolatada para todo o alumnado participante.
É importante recordar que se o desfile discorre con normalidade pola rúa, non se permitirá o acceso do público ao pavillón, xa que dentro só faremos a chocolatada cos alumnos/as. En caso de choiva, suspenderiamos o desfile pola rúa Arcai e realizariámolo á mesma hora no interior do pavillón, permitindo neste caso a asistencia do público.
Se algunha familia non desexa que o seu fillo/a participe no desfile, terá que deixalo na casa, xa que ese día non haberá clases lectivas. Desta forma, entenderemos que todos os alumnos/as que asistan ese día ao colexio, están autorizados polas súas familias a participar no desfile.
Debido a esta celebración, o horario escolar de saída modifícase para ese día, rematando a xornada lectiva ás 13:00 horas, o que implica a suspensión do servizo de comedor. O transporte escolar funcionará con normalidade, coa particularidade que os autobuses sairán directamente desde o pavillón á hora indicada.
As familias que desexen recoller aos seus fillos/as no pavillón, poderán facelo a partir das 12:50 horas ata as 13:00 horas. A partir dese momento, todo alumno/a con dereito a transporte terá que subir ao autobús que lle corresponda.