As laranxas do xitano

As laranxas do xitano

Sara quedou soa na casa. Era a primeira vez que lle acontecía, aínda que cumprira xa os nove anos. Cando a nena regresara do colexio, a súa nai anunciáralle que ía quedar soa porque ela debía mercar froita para que puidese merendar.

—Fixen as compras da mañá ás présas e esquecín a froita. Debes comela todos os días, así que vou baixar ao supermercado para comprala —explicara a mamá—. Vai facendo os deberes, que volvo decontado —ordenou sinalando os libros que quedaban enriba da mesa da cociña.

Pero Sara desobedeceu e, en canto a nai marchou, foi á sala para acender a televisión. Os deberes agardaban por ela, pero atopaba moito máis divertido mirar o Shin Chan.

Ao cabo de vinte minutos, sentiu que a súa nai abría a porta e correu ata a cociña para sentarse diante dos libros.

—Estiveches estudando? —interesouse a nai.

—Estiven, mamá.

—Mira —dixo a nai amosándolle unha bolsa chea de laranxas—. Son moito máis grandes do normal. Compreillas a un xitano ben curioso. Levaba un traxe negro e zapatos negros. Vestía unha capa tamén negra por riba do traxe e tamén era negro o seu chapeu. Parecía un mago deses que quita Gayoso no Luar. Vouche dar unha laranxa destas para merendares.

A nai de Sara colleu un prato e máis un coitelo para pousalos sobre do mantel verde. Quitou unha laranxa para darlla á nena. Sara non podía con ela de tanto que pesaba e tivo que pousala.

—O xitano advertiume de que tivésemos coidado de non tragar as pebidas -dixo a nai.

—E por que, mamá?

—Pois non o sei, Sara. Levaba présa para volver canto antes e non llo preguntei. Supoño que para evitar atragoármonos.

—Terei coidado logo, mamá.

A nai de Sara pelou a laranxa, que era grande coma un melón, e separou os cuarteiróns. Tivo que cortar cada un deles en tres partes para que a nena puidese comelos.

—Vouche facer un bocadillo de Nocilla para despois —anunciou a nai dirixíndose á paneira. Pero a paneira estaba baleira.

—Ai, que cabeza teño! —laiouse a muller—. Esquecín tamén o pan! E mira que veño de estar no súper! Deixeite unha vez soa e portácheste ben —comentou a nai de Sara acariñando o pelo louro da súa cativa—, así que vou outra vez ao mercado. Vai comendo a laranxa, pero lembra levar coidado coas pebidas.

—Levareino, mamá. Vai tranquila.

Jaureguízar

Proba de comprensión e algúns xogos.