1. O peixe que quería voar (Agustín Fernández Paz)


Catarina ten nove anos e vive con seus pais en Pontebranca, unha pequena vila da beiramar.
Se lle mandasen facer unha listaxe coas cousas que lle gustan, a nena escribiría un caderno enteiro: os xeados de turrón, a roupa de cores vivas, os libros de Roald Dahl, mirar as estrelas pola noite, as albóndegas que fai súa nai... Pero quizais o que máis lle gusta de todo é ir de visita á casa de seu avó, pois pásao moi ben con el e encántanlle as historias que lle conta.
O avó de Catarina vive nunha rúa estreita que nace na praza e baixa ata o peirao. Agora xa vai maior, pero nos seus anos mozos foi mariñeiro e navegou por todos os mares do mundo. Como xa está retirado, dedícase a pintar cadros con paisaxes exóticas que asegura ter visto nas súas viaxes. E sempre anda a contar as historias máis bonitas, historias que lle ocorreron en países afastados ou en cidades de nome misterioso. Desde que deixou o mar, o avó só navega polas augas da ría, nunha pequena chalana que sempre ten amarrada no peirao. A chalana é de cor vermella e na parte de diante ten pintada a palabra «Lola». Chámase así porque ese era o nome da avoa, que Catarina nunca coñeceu, pois finou antes de nacer ela.
Moitas tardes, cando sae da escola, o que máis lle gusta á nena é achegarse deica a casa de seu avó. Catarina merenda con el e mira con abraio os cadros que enchen o cuarto. Algúns días, se vai boa tarde, o avó pregúntalle se quere dar un paseo na barca. Ela sempre di que si, que como non ha querer, se non hai nada máis bonito ca subir na chalana e navegar co avó polas augas tranquilas da ría.
Un sábado pola mañá, o avó telefonou á casa de Catarina. Ía saír pescar e, se a nena quería, encantaríalle levala. Catarina aceptou entusiasmada. Vestiuse axiña e almorzou ás présas; pouco despois, xa corría polas rúas en dirección ao peirao.
O avó chegou pouco despois, cos aparellos na man. Subiu á chalana e logo manobrou para que Catarina tamén puidese subir.
Cando estiveron acomodados, colleu os remos e vogou con ímpeto ata que estiveron ben afastados da beira.
Entón o avó deixou os remos e púxose a preparar os anzois. Catarina xa llo vira facer outras veces, pero sempre a fascinaba aquel labor minucioso. Logo, o avó botou os fíos á auga e puxéronse a agardar.
—Tardarán moito en picar os peixes? —preguntou a nena, despois duns minutos de silencio.
—Xa te aburres, Catuxa? —contestou o avó, cun sorriso—. Para isto da pesca haiche que ter moita paciencia, ben o sabes. Temos que agardar a que algún peixe despistado repare no cebo e se decida a comelo co anzol dentro. E iso aínda pode levar ben tempo.
—E por que non me contas un conto mentres agardamos? —pediu Catarina.
—E contareicho, logo. Só que este non é un conto; quen mo aprendeu a min díxome que fora verdade. Sabes a historia do peixe que quería voar?
—Non! Anda, veña, cóntama.
—Tranquila, nena, que xa vai. Atende:

(Continuará)

Actividades