Esquema de temas
ABRIL
Este mes poremos as propostas máis recentes na parte superior, esperamos que así vos sexa máis cómodo.
Lembrarvos que estas propostas son voluntarias, queremos darvos ideas pero non que vos sintades apremiados para facelas ao día.
Cada neno e cada nena ten o seu ritmo, e entendemos que en cada casa as necesidades e circunstancias son diferentes. Todas as propostas van quedar publicadas para o momento que queirades.
Ánimo e saúde para tod@s!!
PD: como imaxinamos que tedes tantas ganas de vervos como nós, imos compartir as fotos e vídeos que nos ides mandando.
Especialmente nos gustaría que vírades os vídeo “Corazóns” e "Eu fico na casa"
BENVID@S AO TERCEIRO TRIMESTRE!!
Ola a todos e todas de novo! Como estades? Agardamos que moi ben e que xa falte pouquiño para voltar a vernos! Mentres, seguimos convosco desde este lado e imos a continuar facéndovos propostas que esperamos que vos gusten moito! Grazas por compartir tantas cousiñas! É unha forma de vernos e sentirnos máis preto. Bicazos!!!
MINIMUNDOS
Nas últimas semanas puidemos comprobar as vosas habilidades creativas, creando xardíns, elaborando preciosas máscaras ou mesmo facendo macetas coas vosas facianas. Pois ben, de novo gustaríanos poñer a proba esa creatividade coa seguinte proposta, mediante a creación de “Minimundos”.
Para isto, que mellor que basearnos nas ideas de Hervé Tullet, vos lembrades del?
Podedes crear os vosos “minimundos” con aquelas cousas que teñades na casa e que vos gusten: playmóbil, animais, figuriñas de madeira, pero con moita cor!!!
Deixámosvos algún exemplo para inspirarvos! Agardamos ansiosos as vosas produccións!
Podedes atopar máis exemplos no blogue de Hervé Tullet,
no seu instagram,
https://instagram.com/hervetullet?igshid=jyily2kp7vk8
e no seu Facebook.
FLORES, FLORES E MÁIS FLORES!!
Aínda que esta é una situación atípica… segue sendo Primavera!! Que vos parece se enchemos as nosas casas de flores?? Propoñémosvos que fagades os vosos propios deseños, cos materiais que se vos ocorran e que teñades na casa; cartulina, papel, cartón, botellas, garfos, pintura… Xa sabemos que imaxinación non vos falta. Aquí podedes ver algúns exemplos para inspirarvos:
Tamén, se vos apetece, podedes tomar como inspiración para alguna das vosas flores o estilo das que fai Yayoi Kusama. Recordades?
Para conseguir este efecto escultura de Yayoi, podedes facelo cun material moi sinxelo de elaborar, a pasta de sal. Deixámosvos un vídeo no que Valentina, da clase dos elefantes, explica moi ben como preparalo (Pinchade na imaxe para velo):
Agardamos ver as vosas flores, para encher todo de cor!!! Para os que non as teñades naturais, podedes empregar estas para celebrar a festa dos Maios!!
PROPOSTAS LECTO-ESCRITURA
LECTO ESCRITURA
VERMES DE SEDA
VERMES DE SEDA
Ola nenos e nenas!
Lembrades que en xuño deixamos uns oviños diminutos nun sobre?
Pois coa chegada da primavera mirade o que pasou.
Os vermes de seda empezaron a saír dos ovos, non vos olvidedes de que só comen follas de moreira. Seguiremos dándolles de comer e a ver que pasa.
Ata pronto!
FACEMOS MAXIA?
Hoxe vos traemos un truco de maxia moi sinxelo que nos vai deixar abraiad@s!
Para facelo precisades:
-
Dous anacos de papel de cociña
-
Rotuladores de cores
-
Unha bandexa ou recipiente cun pouquiño de auga e con espazo suficiente para meter o papel
Agora que xa temos todo o necesario poñémonos mans á obra!
Primeiro temos que facer un debuxo, o que nos queiramos, nun dos papeis, que será o que situemos enriba. Este debuxo ten que ser sinxelo, sen cores.
A continuación, no outro papel facemos o mesmo debuxo pero cheo de cor cos detalles que queiramos. Este anaco de papel será o que vaia debaixo.
Finalmente, unimos eses papeis colocándoos como dixemos e metémolos na auga e…
MAXIA!
Que pasou?
Deixámosvos uns exemplos que xa fixeron algúns e algunhas compis:
-
23-ABRIL. DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO
Con motivo da celebración do Día Internacional do Libro, propoñémosvos un reto: imitar a portada do voso conto preferido.
É moi sinxelo.
1) Escollede un libro que vos guste moito.
2) Analizade ben a súa portada: qué elementos ten, cómo están vestidos as súas personaxes, cores…
3) Busca pola túa casa ou elabora, en compañía da túa familia, o atrezzo que necesitarás para emular a súa portada. Poñede a vosa creatividade e imaxinación a funcionar…!
4) Xa o tes? Estupendo! Agora colle a cámara ou o móvil e saca unha fotografía.
5) Compártea coa túa mestra e compañeiros/as. De seguro que descubriredes moitos, moitísimos contos que non coñecíades. Anotádeos ben e, cando isto remate, animámosvos a que vaiades á biblioteca ou a unha librería e gocedes coa súa lectura.
Velaquí deixámosvos algún exemplos para que vos poidades inspirar.
Nós os profes tamén estamos a pensar xa nos nosos…
DÍA DA ARTE 2020
Onte, 15 de Abril, foi o día da arte e para conmemoralo propoñémosvos un reto de super artistas! Que vos parece se reproducides a vosa habitación? Como fixo o pintor Vicent Van Gogh no ano 1888, neste cadro:
Deixade voar a vosa imaxinación e collede o material que máis vos guste para facelo! Pinturas, ceras, acuarelas, rotuladores, plastilina, cartolina... Desta maneira compartiredes unha parte tan persoal das vosas casas e estaremos máis xuntos e unidos neste tempo de estar na casiña.
Animádesvos??
EN PRIMAVERA...PLANTAMOS!
Ola nenos e nenas!
Durante o outono e o inverno, moitas plantas perderon as súas follas e flores. Como sabedes estiveron esperando á chegada da primavera para
volver a nacer e brotar.
Neste vídeo podedes aprender moitas cousas sobre as
plantas.
Despois se queredes, poderedes experimentar se o que
nos contan sobre como nacen e medran é verdade.
Espero que vos gustara e aprenderades moito!
Pois agora podemos comezar nós a experimentar. Que vos parece esta idea?
Podemos facer este bonito experimento na casa usando unha maceta, vasiño ou recipiente cunha fotografía dos nenos pegados na parte dianteira.
Os máis pequenos verán que o pelo verde crece aos poucos, o que parecerá moi divertido!
Para o resultado perfecto, usa unha fotografía tomada desde a parte frontal e grande, que ocupe toda a parte dianteira do recipiente. Corta a parte
do pelo, para que pareza que as mudas que medran son o pelo dos nenos.
Como sementes poderíamos empregar alpiste ou céspede, pero tamén con fabas, lentellas ou calquera semente que teñades a man.
En canto os pasos a seguir para plantar podemos ver a Samuel e Adrián que nolo van a explicar.
PREME NAS IMAXES.
PASO 1 PASO 2 PASO 3 PASO 4 Que ben! pero cantas cousas nos estades aprendendo!!
En pouco tempo é moi posible que nas vosas plantas comecen a agromar pequenas follas.
Fixádevos nos nomes das partes das follas e escribide nas fichas de abaixo todo o que sabedes.
PLANTAS EN CÁSCARA DE OVO
Que chulos estes bonitos ovos!
Podemos poñer un anaco de algodón dentro das cunchas, colocar as sementes encima e manter o algodón húmido ata que as plantas medren.
Na imaxe de arriba podedes ver unha pequena guía mostrando paso a paso como facer estas plantas dentro de ovos tan orixinais e divertidas.
Como sabes podes cubrir a folla de observación deste experimento. Preme na imaxe para descargarla.
Te animamos a cubrir este modelo ou deseñar o teu!
Bos días!
Xa comezou o mes de abril!!
Deixámosvos os calendarios para que poidades seguir rexistrando diariamente o día e o tempo.
Que vos parece se buscades ou preguntedes ás vosas familias, sobre algún refrán, canción, adiviña ou retahila relacionados co mes de abril ou coa primavera??
Logo nos podedes mandar un vídeo recitándoos, e se queredes facer tamén un debuxo encantaríanos velo!!
O ARCO DA VELLA
O arco da vellano ceo subido
co seu colorín
co seu colorido.
O arco da vella
con sete colores
que teñen, no ceo,
beleza de flores.
O arco da vella
no ceo chantado
co seu colorín,
co seu colorado.
O arco da vella
é un arco triunfal
con sete guerreiros
que a ninguén fan mal.
O arco da vella
de luz feito é.
¡Resulta un milagre
que siga de pé!
Manuel María: «Os soños na gaiola»ESPERO QUE VOS GUSTARA O POEMA, E O DEBUXO DA PROFE MARÍA.
EXPERIMENTAMOS
AGORA DÉIXOVOS COA NOSA
CIENTÍFICA PREFERIDA, QUE VOLVE A TER
UN RETO PARA VÓS.
Preme na foto
DEBUXANDO SOMBRAS
Ola a todos/as!!! Como xa sabedes, comezou a Primavera, e con ela chegan algúns raíños de sol. Que vos parece se os empregamos para facer debuxos? Como? Moi sinxelo! Poñede algúns dos vosos bonecos favoritos ao carón dun papel no que estea a reflexarse o sol. Veredes as sombras destes bonecos no papel. Seguídeas para debuxalos e teredes os animais ou bonecos que escollades plasmados no papel, para corealos como máis vos guste e se vos animades poñédelle nome ao debuxado!! Agardamos ver as vosas creacións pequenos artistas!! Elisa, da clase dos gatos e Rubén, das xirafas, xa probaron. Aquí vedes todo o proceso:
OVO SALTARÍN (2ª PARTE)
OLA A TODOS E TODAS!
NA SECCIÓN DE MARZO #EUFICONACASA XA ESTÁ PUBLICADO O VÍDEO CO RESULTADO DO EXPERIMENTO DO OVO SALTARÍN.
A PARTIR DE AGORA, PARA O MES DE ABRIL, PUBLICAREMOS AS NOVAS ENTRADAS NESTAS SECCIÓN FLORES E CORES.
MAÑÁ SERÁ O DERRADEIRO DÍA DE PUBLICACIÓNS ATA O REMATE DA SEMANA SANTA, PERO AÍNDA QUEDA ALGUNHA SORPRESA
ATA LOGO!
CALENDARIO
OLA FAMILIAS!
AQUI PODEDES DESCARGAR OS CALENDARIOS DE ABRIL.
POR SUPOSTO, SE NON PODEDES IMPRIMIR OU QUEREDES FACER OS VOSOS PROPIOS CALENDARIOS TAMÉN SERÍA PERFECTO.
MOOOITO ÁNIMO CO CONFINAMENTO!
CO BEN QUE OS ESTADES FACENDO EN MOI POUQUIÑO VOLVEREMOS A VERNOS.
APERTAS DE SARA, ALBA, MARÍA, NURIA, CARMEN, VANESA, LIDIA E IAGO!!