Opcións de matriculación

A área de Proxecto Competencial diríxese ao desenvolvemento das competencias transversais a través da realización de proxectos significativos para o alumnado e da resolución colaborativa de problemas, reforzando a autoestima, a autonomía, a reflexión e a responsabilidade.
As competencias poden entenderse como unha combinación de coñecementos, capacidades e actitudes, nas que os coñecementos se compoñen de feitos e cifras, conceptos, ideas e teorías que xa están establecidos e apoian a comprensión dunha temática concreta. As capacidades enténdense como a habilidade para realizar procesos e utilizar os coñecementos existentes para obter resultados. As actitudes describen a mentalidade e a disposición para actuar ou reaccionar ante as ideas, as persoas ou as situacións.
Nese sentido, as competencias son aquelas que as persoas precisan para o seu desenvolvemento persoal, para resolver situacións e problemas en distintos ámbitos da vida, para crear novas oportunidades de mellora, así como para desenvolver a súa socialización, lograr a continuidade do seu itinerario formativo, e inserirse e participar activamente na sociedade na que vivirán e no coidado da contorna natural e do planeta. Estas competencias desenvólvense cunha perspectiva de aprendizaxe permanente, desde a primeira infancia ata a vida adulta, e mediante a aprendizaxe formal, a non formal e a informal en todos os contextos, incluídos a familia, o centro educativo, o lugar de traballo, a contorna e outras comunidades.
As competencias poden aplicarse en contextos moi distintos e en diversas combinacións, nas que se solapan e entrelazan, xa que determinados aspectos esenciais nun ámbito apoian a competencia noutro. Entre estas competencias intégranse capacidades como o pensamento crítico, a resolución de problemas, o traballo en equipo, as capacidades de comunicación e negociación, as capacidades analíticas, a creatividade e as capacidades interculturais.
Deste xeito, a área de Proxecto Competencial pode configurarse como un traballo monográfico ou un proxecto interdisciplinario ou de colaboración cun servizo á comunidade, e as actividades que se propoñan reforzarán os aspectos máis transversais do currículo, favorecendo a interdisciplinariedade e a conexión entre os diferentes saberes.
Para facilitar a concreción curricular desta área establécense tres bloques. No primeiro bloque, o propósito é que cada alumna e cada alumno adquiran as competencias necesarias para prever un plan de traballo de cara á realización de proxectos ou a resolución de problemas.
No segundo bloque, unha vez previsto un plan de traballo, o alumnado terá que mobilizar conxuntamente as competencias transversais e os seus coñecementos para, segundo as pautas establecidas, resolver os problemas ou executar os proxectos planificados.
No terceiro bloque, abórdase a presentación do proxecto competencial por parte do alumnado. Cómpre reforzar a presenza da comunicación nas aulas, e esta área parece un ámbito adecuado para o facer, polo que máis que a simple exposición do traballado se busca tamén a presentación dun discurso. Por outra banda, neste bloque inclúense aspectos relacionados co emprego de soportes audiovisuais e informáticos que serven de apoio.
Desta maneira, a través da realización de proxectos significativos e da resolución colaborativa de problemas, oriéntase o alumnado para comprender a realidade social, resolver conflitos de forma reflexiva, dialogar para mellorar, respectar os valores universais, crear un sistema de valores propios e participar activamente na vida cívica de forma pacífica e democrática.

Os convidados non poden acceder a este curso, tente acceder.