O corpo respirado

No dia de onte comezou o obradoiro "O corpo respirado", impartido pola profesora Teresa Rodríguez.

A actividade, dirixida ao alumnado da especialidade de Danza Contemporánea, desenvolverase durante esta semana e con ela se pretende "abrir espazos no corpo para que o movemento orgánico e fluído poida emerxer espontaneamente, sen esforzo, con técnicas de Qigong e Danza Contemporánea".

Según manifesta a profesora Rodríguez, "A miña proposta é aprender a bailar con aire, creando espazos de liberdade e espontaneidade que nos permitan sacar o máximo rendemento das situacións que se crean. Utilizamos a respiración e a voz asociada ao movemento para abrir novas vías de percepción e expresión corporal, libres de xuízos, apoiándonos na consciencia do esqueleto e nas raíces que sosteñen a danza. Servímonos da gravidade da Terra, respirando o peso, a redondez, o apoio que nos ofrece. Estudamos como seguir a liña de menor esforzo e resistencia para crear un corpo dispoñible. Nesta aproximación cara á investigación creativa busco tonificar suavemente o corpo, enraizalo, reforzalo e nutrilo na danza, gañando presenza escénica. Creamos unha partitura que realizaremos ao final de clase, sós, por parellas ou en grupo."

Durante o obradoiro, preténdese tamén que o alumnado sexa quen de previr lesións e gañar fluidez corporal, e para iso bailarán con máis gozo e desenvolverán de forma máis relaxada o natural potencial creativo.