Para acceder as ensinanzas de grao profesional de música será requisito imprescindible superar unha proba específica de acceso.
ACCESO AO 1º CURSO DE GRAO PROFESIONAL
Para acceder ao primeiro curso das ensinanzas profesionais de música cumprirá superar unha proba específica de acceso. Mediante esta proba valorarase a madurez, as aptitudes e os coñecementos para cursar con aproveitamento as ensinanzas profesionais de música.
A proba de acceso consistirá en:
a) Interpretación no instrumento da especialidade á que se opte, de tres obras pertencentes a distintos estilos, das cales, como mínimo, unha deberá interpretarse de memoria. Este exercicio cualificarase de cero a dez puntos e cumprirá unha cualificación mínima de cinco puntos para superalo.
b) Exercicio para avaliar a capacidade auditiva do alumnado e os seus coñecementos teóricos e prácticos da linguaxe musical. Este exercicio cualificarase de cero a dez puntos, e cumprirá unha cualificación mínima de cinco puntos para superalo.
CUALIFICACIÓNS DAS PROBAS DE ACCESO
A puntuación definitiva das probas de acceso será a media ponderada da cualificación obtida en ámbolos dous exercicios. Para estes efectos ponderarase o primeiro apartado, a), nun 70 % e o segundo, b), nun 30 %.
A superación da proba de acceso faculta exclusivamente para matricularse no curso académico en que sexa convocada. A admisión está sometida aos principios de igualdade, mérito e capacidade, e supeditada ás cualificacións obtidas nas probas de acceso.