Información xeral de admisión. Curso 2019/2020

 

As ensinanzas de formación profesional conducentes á obtención dos títulos de técnico e de técnico superior están organizadas en ciclos formativos de grao medio e de grao superior, respectivamente

Para realizar estudos nos centros docentes sostidos con fondos públicos é necesario, ademais de cumprir os requisitos de acceso, participar nun proceso de admisión.

Este proceso establece un sistema de prioridades na adxudicación de prazas para cada centro educativo e para cada ciclo formativo (e, de ser o caso, de cada módulo profesional), así como os prazos de presentación de solicitudes e de formalización da matrícula.

Pasos a seguir para participar no proceso de admisión a ciclos:

  1. Si se cumpren os requisitos de acceso, utilizar o asistente informático para xerar unha solicitude web.
  2. No caso de ser necesario, levar dentro do período establecido, a solicitude web xerada co asistente informático a validar a un centro con oferta de FP sostida con fondos públicos.
  3. Consultar as listaxes de solicitudes (provisional e definitiva) e as de adxudicación nas datas sinaladas no calendario de admisión.
  4. No caso de ter adxudicación, durante o periodo establecido matricularse ou renunciar (a renuncia so é necesaria no caso do réxime ordinario).

Información sobre a reserva, matrícula e renuncia vía web

A aplicación informática “Ciclosadmision” permite o acceso a usuarios externos autentificados nos sistemas da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Deste xeito aquelas persoas participantes no proceso de admisión a ciclos formativos de Formación Profesional que facilitaron un enderezo de correo electrónico válido na súa solicitude poden ser usuarios externos da aplicación informática e acceder a determinados servizos en liña relacionados co proceso de admisión.

Estes servizos soamente estarán dispoñibles nos momentos que corresponda en función das fases do proceso de admisión. Antes de acceder á aplicación informática consulte a información. 

Réxime ordinario

Este réxime está organizado en dous cursos en quendas de mañá e tarde, segundo o horario establecido polo centro educativo

A asistencia ás clases é obrigatoria.

O alumnado que estea en condicións de pasar ao segundo curso ou teña que repetir o curso deberá realizar unha solicitude de admisión. Terá a praza garantida sempre que o curse no ano seguinte e por primeira vez no mesmo centro e ciclo. 

Réxime para as persoas adultas na modalidade presencial

Este réxime está organizado en módulos que se imparten ao longo dos tres trimestres do curso.

A xornada lectiva desenvólvese polo xeral en quenda de tarde-noite.

A asistencia ás clases é obrigatoria.

Nos módulos de ciclos LOE asociados a unidades de competencia o alumnado pode matricularse sen cumprir requisitos de acceso sempre que acredite dous anos de experiencia laboral no ámbito da familia profesional do ciclo formativo.

Para a obtención do título será preciso ter os requisitos de acceso e superar todos os módulos do ciclo formativo.

Cada curso haberá que facer unha nova solicitude de admisión. Aínda que a praza non está garantida, cada módulo superado incrementa a puntuación de participación no proceso de admisión. 

Réxime para as persoas adultas na modalidade semipresencial ou a distancia

Este réxime está organizado en módulos que se imparten ao longo dos tres trimestres do curso.

A asistencia ás titorías e outros eventos formativos presenciais é recomendable, pero non obrigatoria. Si é obrigatoria a asistencia as actividades de avaliación de cada trimestre. Para a realización das actividades a distancia seguiranse as instrucións do titor/a do curso.

Para a obtención do título será preciso ter os requisitos de acceso e superar todos os módulos do ciclo formativo.

Nos módulos de ciclos LOE asociados a unidades de competencia o alumnado pode matricularse sen cumprir requisitos de acceso sempre que acredite dous anos de experiencia laboral no ámbito da familia profesional do ciclo formativo e existan prazas vacantes ao final do proceso.

Cada curso haberá que facer unha nova solicitude de admisión. A praza non está garantida, aínda que cada módulo superado incrementa a puntuación de participación no proceso de admisión.