Plan Anual de Formación
O pasado 3 de xullo de 2024 presentouse o Plan anual de formación do profesorado 2024/25. O obxectivo deste plan é facilitar o traballo dos docentes, como piar do sistema educativo, ofrecéndolles formación gratuíta que lles permita facer fronte aos novos retos do ensino do século XXI.
A oferta está organizada en seis liñas formativas prioritarias: dixital, didáctica, innovación, convivencia e inclusión e comunicación e plurilingüismo. Estas liñas concrétanse en 23 itinerarios, con tres niveles de desenvolvemento cada un: básico, medio e avanzado.
Entre as novidades cómpre salientar o deseño dun novo itinerario de fomento da competencia matemática dirixida ao ao profesorado de Infantil, Primaria e Secundaria cun marcado enfoque práctico e baseado na resolución de problemas que acheguen os sentidos matemáticos á realidade do alumnado. Incorpórase tamén un itinerario específico para o proxecto E-Dixgal, con actividades dirixidas a toda a comunidade educativa como as de manexo da plataforma para o profesorado, coordinación e dinamización para os coordinadores de centro, liderado dixital para as direccións e xornadas de achegamento ao programa para as familias. Así mesmo, créase un itinerario para os funcionarios en prácticas, que se suma ao incorporado no actual curso para a formación integral dos docentes que entraban por primeira vez no sistema, e que adoitan facelo como interinos e substitutos. A maiores, actualízanse os itinerarios formativos de equipos directivos e novos docentes a partir de detección de necesidades. Tamén se redeseña o itinerario centrado nos polos creativos para potenciar a superación de retos, a creatividade e a experimentación nos centros educativos.