O xadrez é un xogo de mesa, considerado deporte. Practícase cun taboleiro de 8x8 escaques alternados negros e brancos e 16 pezas por cada un dos dous xogadores. As pezas, por cada xogador son: 1 rei, 1 raíña ou dama, 2 bispos ou alfís, 2 cabalos, 2 torres e 8 peóns.
Historia
O xadrez é un xogo moi antigo, como pode deducirse da etimoloxía de moitos vocábulos empregados: enroque procede de roque, unha palabra sinónima de torre que xa non se usa; bispo en castelán alfil que procede do árabe, onde 'al-fil significaba "o elefante". Tamén as relacións de valor e movemento entre as pezas amosan claramente unha transposición da estrutura medieval feudal: a peza máis importante, a que hai que derrotar é o rei; a raíña ten os movementos máis ilimitados; os cabalos e os "elefantes" eran daquela elementos de ataque e a torre é un trasunto do castelo defensivo; os peóns son a infantería. A súa importación a Europa veu da man dos árabes antes da expulsión da Península, pero o interesante deste xogo é a capacidade que ten de sublimar toda esta enerxía bélica nun deporte que estimula a intelixencia. Este potencial foi explotado no século XX polos países do Pacto de Varsovia, que o utilizaron intensivamente nos seus sistemas educativos como método tanto de ensino e incentivación como logo para a propaganda política dos éxitos acadados no xadrez. O certo é que os rusos crearon escola, e son ben coñecidos personaxes coma os campións mundiais Garry Kasparov e Anatoli Karpov. A Federación Galega de Xadrez (FeGaXa) naceu na primeira década do século XX, ainda que a actual Federación naceu tras o proceso descentralizador en 1984. A Asociación Galega de Axedrecistas naceu en 1989.
Regras de xogo
O xadrez é un xogo cunha orixe milenaria e polo tanto é un deporte moi establecido, cunhas regras claras, definidas e marcadas, que mesmo ten os seus propios rituais. De tódolos xeitos, para comezar a iniciarse no xadrez, debe ser a un nivel máis afeccionado. Neste caso é habitual obviar algunhas das regras máis complexas ó principio para ilas aprendendo ós poucos. Isto provoca a miúdo discusións pola diferenza de criterio, co cal é un moi bo consello aclarar e establecer cales son as regras propias que se van aplicar nesa partida ou entre determinados participantes (isto é moi habitual cando se lles ensina ós cativos, dependendo do nivel ó que se xogue).