Esquema de temas
-
Tema 0: Planeta lume.
Autor: Alberto Abadín Cid
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 3.0 Unported de Creative Commons. -
Tema 1: Sistemas materiais e enerxía.
Esperto. Un raio de luz entra pola fiestra e progresivamente vou sendo consciente do que hai ao meu arredor. Na mesa está o cómic que estou a ler e os cascos cos que escoito música, no estante os libros e as fotos… Érgome e miro pola fiestra. Un varredor recollendo lixo, o dono do bar colocando as mesas da terraza, coches que pasan,… e entre dous edificios asomando o Sol. Ao amencer todo parece cobrar vida grazas á luz do Sol.
Esa bóla de lume que aparece no horizonte aportando a enerxía precisa para a vida é como un reactor de fusión nuclear. A fusión de átomos de hidróxeno, que dá lugar a helio, libera parte da enerxía do núcleo dos átomos (enerxía atómica) en forma de luz e outras radiacións (gamma, X…).
Outro proceso que permite liberar a enerxía atómica é a fisión nuclear, que se produce cando se rompen os núcleos de átomos pesados como o uranio e o plutonio. Isto é o que ocorre nunha central térmica (reactor de fisión) e nas bombas atómicas.
Que curioso, a enerxía que mantén a vida no planeta pode ser a que acabe con ela!
Sabías que…? Os traballos de Marie Salomea Skłodowska (M. Curie) sobre radioactividade e os de Lise Meitner sobre fisión nuclear foron básicos para o desenvolvemento e utilización posterior da enerxía nuclear.
-
Revisamos! A materia no Universo
Se nos preguntan que é a materia seguramente pensaremos en algo do que nos rodea que poidamos ver, tocar ou cheirar. Porén, algunhas substancias non poden ser percibidas directamente cos nosos sentidos. O aire non ten cor polo que non podemos velo; o aire non cheira se non está mesturado con outras substancias e tampouco o podemos percibir co tacto. É o aire unha substancia material? É materia? Seguro que se che ocorre algún experimento para demostrar se é materia ou non.
O que acabamos de describir é un exemplo sinxelo do método científico. Iníciase cunha observación dun feito que nos fai preguntarnos sobre algún aspecto da súa natureza ou orixe. Respondemos a esa pregunta cunha hipótese que nace do noso coñecemento ou de estudar o que outros saben. Ás veces con isto chéganos e damos por válida a hipótese; pero iso non é Ciencia. O método científico debe proseguir co deseño dun experimento que permita comprobar se a hipótese é válida ou non. O experimento debe ser reproducible por outros para confirmar as conclusións ás que chegamos e así a hipótese pode chegar a ser unha teoría ou incluso unha lei.
Ilustración 0. Esquema sinxelo do método científico.
Modificado de imaginario-nopensar
http://imaginario-nopensar.blogspot.com.es/