AVALIACIÓN DOS PROXECTOS
"Aprenderon a ler grazas aos dinosauros"
Ester Ojea
Menuda sesión a que adicamos á avaliación!
Cantas ideas e reflexións interesantes xurdiron na conversa que compartimos con Mónica (a nosa profe xa habitual) e con Asun Carballo (que nos achegou un pouco á "
Quinta dos Libros" e aos proxectos nos que están traballando. Verei se son quen de traer todas as ideas que tratamos a este espazo para así írmos xa achegando as derradeiras pezas deste mosaico que está a dar como resultado esta actividade. Un patchwork de reflexións que, entre todos/as, foi medrando e coido que xa vai estando preparado para se converter nun documento útil para nós e máis para todas aquelas persoas que, coma nós, buscan outras opcións, outra mirada para a escola. A aprendizaxe a través de proxectos e, en particular, o motor de innovación que supón a posta en marcha de proxectos de investigación documental desde as bibliotecas escolares.
Recordemos:
Nos grupos de discusión traballamos sobre as dificultades, os aspectos que resultaron problemáticos na vosa experiencia. Que vos pre/ocupa? E compartimos posibles solucións:
PROBLEMAS
- Como relacionar os proxectos coas áreas/materias? Como axudar aos compañeiros e compañeiras a ver estas relacións?
- Como conseguir a participación do resto do claustro? De todos?
- Como facer para seleccionar todos os recursos precisos para diferentes áreas?
SOLUCIÓNS
- Resulta clave a reflexión sobre "que queremos conseguir". Para que facemos proxectos? Que pretendemos que o alumnado aprenda a través destes proxectos? Que competencias queremos desenvolver? Este é o camiño máis axeitado de atopar eses vencellos entre as diferentes áreas e materias e os proxectos. Falamos moito sobre o esquema que compartimos no último foro. A diferencia entre facer proxectos ou aprender a través de proxectos. É unha cuestión CLAVE.
- Conseguir a participación de todos? Pois pensamos que non é preciso. Se non participan todos, pois que sexan os máis posibles e, en calquera caso, os que participen, que disfruten, e que sirvan de exemplo interesante para o resto.
- Comentamos tamén que, ás veces, hai persoas que precisan que lles explicitemos moito a participación. Resulta ben solicitar cousas moi concretas, para axudar a quen quizais non sabe como achegarse.
Nos pareceron evidentes algúns aspectos que poden axudar:
- O apoio do equipo directivo
- Compartir as decisións co claustro (en xuntanzas do propio claustro, da CCP, no propio equipo - cando é ben representativo - da biblioteca) e mellor se o facemos a finais de cada curso (proposta do tema para o curso seguinte).
- Para a selección de recursos propuxemos solicitar o apoio dos compañeiros, incorporalos a esta tarefa para enriquecer as propostas.
En fin, moitos aspectos interesantes e abofé que difíciles. Pero houbo moitos máis:
Asunción nos presentou a súa reflexión sobre os
dous planos nos que podemos falar dos proxectos.
O que facemos, e o que "hai detrás". Foi unha reflexión ben proveitosa. Non era outra que a proposta de reflexión que nos propoñía Cristina no foro, isto é:
Que facemos? (Tema, aspectos, nivel de participación, organización, pasos...)
Para que o facemos? (que queremos conseguir? que queremos aprender a través dos proxectos?)
Daquela ampliamos as nosas observacións con máis criterios. Falamos do
QUE? e tamén do
COMO?, pero despois destas reflexións falamos tamén do
PARA QUE? e chegamos a outra reflexión importante:
QUEN? É dicir: quen ten que avaliar estes proxectos, nós? somentes nós, os/as profes? Ou tamén o resto de interesados? Que hai dos alumnos? Das familias? Asunción e Mónica incorporan na avaliación dos seus proxectos a ambos, incluso mediante instrumentos (enquisas, cuestionarios...).
Polo tanto, demos un bo paseo por todos os criterios posibles para avaliar. Todos as caras que podemos mirar e valorar, para mellorar, para perfeccionar o que facemos. Utilizamos un magnífico esquema que nos achegou Mónica e dúas infografías de proba (para ir medindo a ferramenta).
E chegamos a algunhas
conclusións moi, moi claras:
Resulta imprescindible avaliar os nosos proxectos. Para saber como funcionan, para non caer nos mesmos erros ano tras ano, para aprender e mellorar, para procurar a participación cada vez de máis persoas... en definitiva, para que funcionen, e que o fagan cada vez mellor.
Escoitamos boa música, algún conto... en fin...
Adxuntamos aquí todos estes documentos (incluso as ligazóns da banda sonora)