Noa de Capón. Logo de mulleres repentistas.

1. Vamos imaxinar que improvisar en verso é un xogo, un brinquedo de palabras e música. E como tal xogo ten unhas instrucións de uso: hai unha melodía e catro versos oitosílabos con rima no segundo e no cuarto verso.

.

2. Ou sexa, a forma métrica máis común utilizada no repente galego é a copla, que consiste en:

-estrofes de catro versos;

-con rima nos pares (asoante ou consoante) e soltos os impares;

-predominio dos versos oitosílabos;

-a capela, sen acompañamento musical.

.

3. Vamos construír versos oitosílabos!

Unha vez que temos interiorizada unha melodía, eses oito golpes de voz, ese "Lai, la, la, la, la, la, lara lai lo", temos que contruír versos de oito sílabas. Se temos a música na cabeza os oitosílabos van saír cada vez máis facilmente. A nosa inspiración pode ser o que nos rodea:

.

Pásame o Cola-Cao.

Bocadillo de Nocilla.

Santiago de Compostela.

A escola da Semente.

Ven aquí e dame un beixo.

Tes piollos na cabeza.

Botas demasiados peidos...

.

4. E que é o leixaprén?

Pois é un recurso paralelístico, de repetición, un recurso que na regueifa se utiliza de vez en cando con finalidade dinámica:

.

Aquí estamos na casiña

hai tortilla de pataca

e tamén hai pan de Cea

está ben para un bocata

.

Está ben para un bocata

ese pan non che está mal

mais que queres que che diga

eu prefiro o de Carral

.

O leixaprén é a repetición do último verso dunha estrofa no primeiro da seguinte copla. É un recurso tradicional que da moito xogo para enfiar o diálogo, a controversia, entre dous ou máis regueifeir@s.

.

O importante para comezar a regueifar é facer inmersión: procura vídeos en youtube e imita modelos. Xoga e practica e verás como avanzas. 

.

.

.

Agora ben, para completar a túa formación recomendámosche o seguinte texto, de Marina Porto, editado pola Asociación ORAL, sobre a regueifa. É unha publicación con información básica e práctica sobre o repente galego: Metodoloxía didáctica da improvisación oral en verso

Última modificación: domingo, 12 de febreiro de 2017, 8:59 PM