O proxecto “Maletas Viaxeiras” é unha das medidas recollidas no I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020, elaborado pola Secretaría Xeral da Igualdade e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e que recolla a medida concreta de configurar e xestionar maletas viaxeiras para ensinanza obrigatoria sobre igualdade de xénero, violencia de xénero, educación afectiva e sexual, diversidade e inclusión. A persistencia destes roles, estereotipos e actitudes sexistas e/ou de rexeitamento, aínda presentes na nosa sociedade, perpetúan as desigualdades, polo que se fai preciso abordar un cambio máis profundo dos nosos valores e ideas.
O sistema educativo é o ámbito privilexiado para estimular estas transformacións, cambios que deben implicar o conxunto da comunidade educativa no seu sentido máis amplo dende a administración educativa, profesorado, alumnado, familias ou o sector editorial. Así, nesta maleta se recollen libros, folletos dípticos e trípticos, unidades didácticas, cadernos, e guías. Todos eles relacionados coa Igualdade de xénero, a sensibilización e prevención da violencia de xénero e o tratamento da diversidade e a inclusión.