A conciencia emocional é unha competencia intrapersoal que consiste en tomar conciencia do propio estado emocional e manifestalo de forma verbal e non verbal, ademais de ser capaces de recoñecer sentimentos e emocións nas demais persoas.

As emocións son estados afectivos que experimentamos. Reaccións subxectivas ao ambiente que veñen acompañadas de cambios orgánicos -fisiolóxicos e endocrinos- de orixe innata.

Existen seis categorías básicas de emocións:

  • MEDO. Anticipación dunha ameaza ou perigo que produce ansiedade, incerteza, inseguridade.
  • SORPRESA. Sobresalto, asombro, desconcerto. É moi transitoria. Pode dar unha aproximación cognitiva para saber o que pasa.
  • ASCO OU AVERSIÓN. Desgusto, asco, acostumamos a fuxir do obxecto que nos produce aversión.
  • IRA. Rabia, enfado, resentimento, furia, irritabilidade.
  • ALEGRÍA. Diversión, euforia, gratificación, contentos, da unha sensación de benestar, de seguridade.
  • TRISTEZA. Pena, soidade, pesimismo.

As emocións teñen unha forma de expresarse. En certa medida son controlables, grazas á aprendizaxe familiar e cultural de cada grupo: 

  • Accións e xestos.
  • Expresións faciais.
  • Distancia entre persoas.
  • Compoñentes non lingüísticos da expresión verbal (comunicación non verbal).

Existen outras compoñentes fisiolóxicas e involuntarias, iguais para todos:

  • Tremor.
  • Rubor
  • Sudoración
  • Respiración axitada
  • Dilatación pupilar
  • Aumento do ritmo cardíaco

A Intelixencia Emocional é o conxunto de habilidades que serven para expresar e controlar as emocións e os sentimentos da maneira máis axeitada no terreo persoal e social. Inclúe un bo manexo dos sentimentos, motivación, perseverancia, empatía ou axilidade mental. Xusto as cualidades que configuran un carácter cunha boa adaptación social.

   Aprenderemos a  identificar as nosas emocións, nomealas, comprendelas e manifestalas; tanto en nós  como nas persoas do noso arredor.

Última modificación: venres, 16 de outubro de 2020, 13:45