Entrevista a unha ENFERMEIRA
María José Portabales traballa no Centro de Saúde de Marín e posto en contacto con ela, Breixo Sanjorge Boullosa de 5º B, fíxolle a seguinte entrevista:
1- Bos días, María José, en que centro sanitario traballas?
Dende esta semana traballo no centro de saúde de Marín.
2-Dende que xurdiu esta crise sanitaria que equipos de protección individual utilizas para non contaxiarte?
Dende que xurdiu a crise sanitaria os equipos de protección individual que utilizo son: bata desbotable, mascarilla desbotable e luvas.
3-Fáltavos material de protección para traballar con seguridade?
O material que utilizamos é desbotable, pero dende o primeiro día de alerta temos que reutilizalo, xa que hai escaseza del.
4-Tes medo de contaxiarte? Vas tranquila ao traballo?
Naturalmente que os primeiros días, debido á desinformación, que tiñamos medo de contaxiarnos, sen embargo agora vou moito máis tranquila ao traballo, xa que estou comprobando que o meu labor é moi importante e útil para axudar nesta situación crítica.
5-Fixeches o test para saber se tes ou non a enfermidade?
Non, non fixen o test, porque nin tiven síntomas, nin estiven nun centro sanitario onde se declararan casos da enfermidade entre o persoal, como puido ser o centro de saúde de San Roque en Vilagarcía de Arousa.
6-Nesta situación ségueche a gustar o teu traballo?
Ségueme gustando cada vez máis, sobre todo cando penso que podo axudar á xente que está enferma ou a que se prevé que poida estalo.
7-Cres que o noso sistema sanitario está preparado para afrontar esta pandemia?
Creo que nunca imos estar preparados para afrontar unha pandemia deste tipo, porque só estamos afeitas a un número reducido de enfermos, porén nesta situación excepcional loxicamente nin temos medios suficientes, nin estamos preparadas, porque non houbo unha previsión, nin se estaban adicando os recursos económicos suficientes nos últimos anos.
8-Son importantes para vós as mostras de apoio recibidas cada día por toda a cidadanía?
Claro que son moi importantes as mostras de apoio por parte da cidadanía, xa que nós temos medo máis que nada pola nosa familia e si que nestes intres de tensión e descoñecemento, onde non sabemos o que poida pasar e cal vai ser a forma máis correcta de actuar, ter o apoio é moi importante tanto para nós como para a xente que está traballando para que non nos falte de nada a ningunha persoa da poboación.
Moitas grazas María José por todo o voso esforzo e moitísimo ánimo nesta situación.
Moi boa entrevista
Moi boa entrevista, Breixo.
Xosé
Interesantísimo
Qué grande profesionalidade...!!! Tanto a de María José como a de Breixo... ¿vocación periodística?
Grazas por todo...!!!
Ramón Alfonso
Grazas
Moitas grazas a todos, pero a verdadeira protagonista é ela co seu traballo coidando da nosa saúde.
Breixo Sanjorge
Boa entrevista
Moi boa entrevista, Breixo.
Xoel 5ºB
Enviar un comentario novo