Responder ó comentario
Samaín: a noite dos Calacús
Enviado por josean o Mér, 26/10/2011 - 17:15Dende a páxina "Vieiros da Escola" chéganos este interesante artigo sobre a festa do Samaín.
Samaín, palabra gaélica, non significa máis que fin do verán, principio do inverno. Na antiga cultura céltica o tempo de Samaín, especialmente a noite do 31 de outubro ao 1 e novembro, era o período máis importante do ano. Eran datas claves para se reunir nos camposantos, comer o ritual e comunal porco de samaín e concelebrar as farradas festeiras dos guerreiros. Era a noite máis perigosa do ano: as portas do outromundo abríanse nesas horas e as ánimas eran quen de vir visitar este mundo e aos seus moradores: tantas veces para render contas inacabadas.
Para afastar dos seus castros as perigosas ánimas defuntas e errantes adoitaban poñer no alto das muradas, ou encastradas nas paredes, as caveiras iluminadas dos inimigos mortos en campaña. De aquí, dos ritos e crenzas célticas ao redor da caveira, vén a tradición europea de facer caliveras na cortiza dos melóns, ou cabazos, ou calabazotes. Tradición que, grazas ás investigacións do profesor galego Lopez Loureiro, sabemos que se estende por toda a antiga xeografía céltica europea e concretamente para o caso de España, por todas as zonas con presencia do elemento céltico ben documentado. En Galiza atopámola en toda a súa xeografía, non faltando esta tradición en ningunha das súas bisbarras e aportando un folclore similar aínda que dándolles nomes diferentes: calacús polas Rías Baixas, caveiras de melón en Cedeira, calabazotes en Ortigueira, colondros en Ourense..etc.
No noso pobo esta tradición nunca tivo nome algún, mais a xente maior lembra saír de noite as corredoiras con calacús tallados cunha candea dentro e espichadas nun pau. Buscaban o agocho dalgún valado ou matogueira e cando pasaba a xente abaneaban o pau para amedoñar aos que por alí pasaban; a pouca luz que había daquela nas nosas rúas e camiños axudaba a amplificar o efecto.