Astronomía no CEP Sequelo

O mércores 9 de outubro os alumnos e alumnas de 5º B e as súas familias quedamos para ver o ceo nocturno cun telescopio. O bo tempo acompañounos e a actividade foi un éxito total.

A seguir recollemos as impresións dos nosos alumnos/as:

“O que aprendín con Xosé nestas semanas foi o que é un átomo, o que é a materia e o que é a masa.  Tamén nos ensinou as constelacións;  a osa maior, a osa menor, a estrela polar, o Big Bang... Aprendín que as constelacións do zodíaco estaban iluminadas polo sol cando cada un de nos naceu; que había tipos de estrelas distintas e que eran máis potentes que o sol e que a galaxia máis achegada a nosa, a Vía Láctea, era a de Andrómeda.

Logo e por último explicounos o rápido que ía a luz e díxonos que ía, se non me equivoco, a 300.00 Km/h, moi, pero que moi rápido”

 Carla Vilela Fernández

“Estes días con Xosé foron moi emocionantes. Ensinounos moitas cousas sobre o espazo, os planetas, os satélites, as estrelas... Impresionoume que soubese tanto.

O que máis me impresionou é cando Xosé dixo que a Nave Espacial Internacional medía 100 m. de longo e 30 m. de ancho.  Vimos ademais un vídeo dun astronauta dentro da nave e que xogaba coa auga.  Foi impresionante!!  Se lle daba moi forte estoupaba en 1.000 burbullas!!”

Laura Arribas López

“O mércores 9 de Outubro fomos a unha sesión de astronomía e entre os planetas que vimos estaba Saturno que polo telescopio se vía pequeno, pero inda así se vían os aneis.  Xúpiter tamén se miraba pequeno, pero con todas as súas lúas.  Na nosa Lúa os cráteres e os mares eran moi bonitos e rechamantes.  Inda que foi difícil de atopar miramos as tres.  Grazas a isto dimos o primeiro tema de Ciencias Sociais.

Acabamos esgotados, pero pagou a pena porque o pasamos moi ben e aprendemos moito”

Candela Bermúdez Santiago

“O mércores fomos a un monte á Pardavila facer unha visita de Astronomía co telescopio de Xosé, o orientador.  Foi ás 20:00 da tarde. Eramos moitos rapaces para só un telescopio polo que tivemos que facer quendas. 

Pola noite non había moitas nubes, xa que tiña que verse o ceo para poder ver os planetas e as constelacións.  Xosé enfocaba a lúa e os planetas (Xúpiter e Saturno) e nos mirabamos despois.  Gustoume moito porque nunca vira por un telescopio”

Roi Rodiño Fraguas

“Ás 20:30 todos estabamos impacientes por ver a Estación Espacial Internacional.  Estabamos alucinando pola velocidade á que ía e a moita xente non lle deu tempo a vela, porque como dixen, pasaba a unha velocidade rapidísima.

Collemos logo un papel que Xosé nos mandou traer e todos xuntos localizamos  a Osa Maior, a Osa Menor, Casiopea, a Estrela Polar, etc..”

Rubén Argibay Pidre

“Encantaríame ir outra vez.  Despois de ver Saturno e os seus aneis, estiven xogando cos meus amigos; e, de súpeto, mirei unha estrela fugaz.  Pedinlle un desexo.  Paseino moi ben!!”

Martín Barreiro Touza

“O 9 de Outubro de 2019 fomos ver as estrelas a Pardavila;  tamén vimos os planetas co telescopio.  O mellor foi ver a I.S.S., é dicir, International Space Station.  Mentres non viña estivemos no parquiño que había.  Logo de velo todo, xogamos ao pilla zombie.  Ao final, marchamos para a casa”

Roberto Armada Aneiros

A seguir un resumo do que vimos:

A ESTACIÓN ESPACIAL INTERNACIONAL

Xusto ás 20:30 horas vimos o paso da Estación Espacial Internacional (ISS en inglés), que cruzou o ceo de Oeste a Este en algo máis de 3 minutos e cun brillo superior ao de calquera estrela. A ISS, que ten o tamaño dun campo de fútbol, está habitada por astronautas que fan experimentos en condicións de microgravidade, e xa leva 20 anos funcionando, dando voltas á Terra sen parar, sempre á mesma distancia, uns 400 Km, e a unha velocidade de 7,7 Km cada segundo. Se viaxase máis lenta estrelaríase contra a Terra, e se viaxase máis rápido marcharíase para o espazo.

Canal NASA LIVE STREAM  Imaxes servidas en directo desde a ISS

Pasos visibles da ISS  Nesta web podemos escribir o lugar onde estamos situados e obtemos a información exacta do momento e lugar no que será visible a ISS.

Un día na estación espacial  Vídeo no que vemos como viven os astronautas na estación e como teñen que facer para convivir coa falta de gravidade.

AS CONSTELACIÓNS

As constelacións son grupos de estrelas ás que os antigos gregos (3000 anos antes de Xesucristo) lles deron nomes e formas particulares, gravando no ceo o libro dos seus deuses e a súa mitoloxía. Comezamos buscando a Osa Maior, que ten forma de cazo ou de carro. A partir dela descubrimos a Estrela Polar, que está xusto enriba do pólo norte da Terra, e polo tanto está sempre fixa no ceo no mesmo lugar, e todas as demais estrelas desprázanse pola noite arredor dela segundo vai xirando a Terra. A estrela polar está na constelación da Osa Menor. Prolongando a Osa Maior e a Osa Menor chegamos a Casiopea, con forma de W.

Xusto enriba das nosas cabezas atopamos tres estrelas moi brillantes: Vega, Deneb e Altair, que forman o coñecido Triángulo do Verán, porque son moi visibles durante o verán, pero despois no inverno xa non están no ceo. Estas estrelas están situadas respectivamente nas constelacións de Lira, Cisne e Águia, na dirección do centro da nosa galaxia, a Vía Láctea.

Xa na dirección Sur atópanse as doce constelacións do zodíaco: Saxitario, Escorpión, Capricornio, Aries, Libra, Acuario, etc. pero non as puidemos ver debido ao exceso de luz. Chámanse así porque cada mes o Sol vaise desprazando por diante de cada unha delas, ata completar cada ano un ciclo.

Podemos ampliar información nestes enlaces:

As doce constelacións máis fáciles de ver

Como identificar constelacións no ceo nocturno

Mapa celeste do verán

 

A LÚA

A marabillosa Lúa atopábase na fase a medio camiño entre cuarto crecente e lúa chea. Puidemos vela a uns 135 aumentos no telescopio. Quedamos sorprendidos pola nitidez dos detalles dos seus cráteres e mares, con nomes tan suxestivos como: O mar da tranquilidade, o mar da serenidade, o mar da fecundidade, a bahía do amor, o lago dos soños, etc. A lúa atópase a unha distancia de 385.000 Kms e a luz tarda en chegar ata a Terra un tempo de 1,3 segundos. Por certo, sabes cal é a velocidade da luz?

Mapa da Lúa, con nomes de cráteres e mares, na web AstroyCiencia.

A Lúa explicada para nenos/as (Happy Learning)

 

XÚPITER

 É o máis grande dos planetas do noso sistema solar. Polo telescopio puidémolo ver coma un disco redondo, atravesado por dúas bandas de cor laranxa ou marrón claro, e que tiña ao lado 4 puntos de luz, que eran 4 das súas lúas. Xúpiter é tan grande que dentro del collerían ata mil planetas Terra.

Xúpiter explicado para nenos

SATURNO

De Saturno sorpréndennos os seus aneis, que rodean ao disco central. Sempre emociona velo polo telescopio.

 

Ademais do que vimos, tamén falamos de:

O SISTEMA SOLAR

O sistema solar fórmano o Sol e os oito planetas que xiran arredor del, cos seus respectivos satélites: Mercurio, Venus, a Terra, Marte, Xúpiter, Saturno, Urano e Neptuno. A estrela Sol navega polo espazo a unha velocidade considerable dentro da galaxia Vía Láctea. Os planetas xiran arredor del, abrazados pola forza da gravidade, pero compensada pola súa velocidade de traslación, que evita que acaben estrelados contra o Sol.

Vídeo do movemento do Sol e os planetas

Vídeo que compara o tamaño dos astros: os planetas, as estrelas, as galaxias...

 

O BIG BANG

A teoría do Big-Bang explica como naceu o Universo e como evolucionou ata hoxe. Ao principio só existía enerxía, que estaba concentrada nun punto minúsculo a unha temperatura e densidade case infinitas. Nun determinado momento esa enerxía expandiuse de xeito vertixinoso e formáronse as partículas máis pequenas: quarks, electróns, neutrinos... A partir de aí e só tres minutos máis tarde formáronse os protóns, que foi o xeito en que unha parte da enerxía comezou a transformarse en materia. Tiveron que pasar 300.000 anos para que os protóns captasen electróns e formasen os primeiros átomos de Hidróxeno, que son os máis sinxelos, pois só teñen un protón e un electrón. Nese momento tamén naceu a luz, pois agora os fotóns podían atravesar os átomos.

Unha vez que xa tiñamos suficiente cantidade de materia (masa) comezou a operar a forza da gravidade, e os átomos foron xuntándonse en enormes nubes de pó, que acabarían dando lugar ás primeiras estrelas e ás galaxias. Ao fin as galaxias quedaron separadas unhas das outras por enormes distancias, e hoxe en día son como pequenas illas perdidas na inmensidade do Universo.

Recreación do Big-Bang e a historia do Universo

 

A LEI DA GRAVIDADE

Podemos resumilo dicindo que a materia atrae a materia, ou o que é o mesmo, que a masa atrae a masa ou que aos átomos gústalles estar xuntos. Canto máis grande é un astro (planeta, estrela, etc.) máis átomos e máis masa (cantidade de materia) posúe e en consecuencia ten máis gravidade e atrae con maior forza a outros astros próximos. Esta é a razón da existencia dos sistemas planetarios, pero tamén das galaxias. (E tamén de que nós teñamos sempre os pes na terra e non saiamos disparados cabeza abaixo dereito á inmensidade do espazo).

A gravidade no planeta Terra ten un valor de 9,8 metros por segundo cada segundo. Quere dicir que se soltamos un obxecto a 9,8 metros de altura tarda exactamente un segundo en chegar ao chan. Se o soltamos a 20 metros tarda menos de 2 segundos, pois o obxecto acelérase e cada segundo colle máis velocidade.

Unha persoa que no planeta Terra pesa 36 kg, na Lúa só pesa 6 Kg. Sabes a que se debe?

Todo o que un neno/a debe saber sobre a gravidade.

 

A VELOCIDADE DA LUZ

Os fotóns son as partículas que transportan todas as formas de radiación electromagnética, como os raios gamma, os raios X, a luz ultravioleta, a luz visible, a luz infravermella, as microondas e as ondas de radio. O fotón ten masa cero e viaxa no espazo baleiro cunha velocidade constante de 300.000 Kms cada segundo, e non existe nada no Universo que poida viaxar máis rápido.

A velocidade da luz tamén nos axuda a imaxinar e comprender mellor as distancias. Imaxinemos que podemos construír unha nave espacial que viaxe á velocidade da luz. Iríamos á máxima velocidade posible e sería o medio de transporte máis rápido que poida existir. Pois van unhas cantas preguntas:

Sabes canto tardaríamos en chegar á Lúa?

E canto tardaríamos en chegar ao Sol?

E canto á estrela máis cercana ao Sol?

E canto á galaxia de Andrómeda, que é a que está máis cerca da Vía Láctea?

 

EVOLUCIÓN DAS ESTRELAS

 As estrelas nacen, evolucionan e morren. Son de diferentes tamaños e teñen cores diferentes. Os tamaños oscilan entre unha enana branca, moi pequena, e unha superxigante vermella, que é extraordinariamente grande. A cor pode ser azul, branca, amarela, laranxa ou vermella, dependendo da temperatura da súa superficie, que oscila entre os 30.000 graos centígrados das máis azuis, pasando polos 10.000 graos das brancas, os 5 ou 6 mil graos das amarelas (o Sol) ou os 3000 graos das vermellas.

As estrelas tamén evolucionan dependendo da masa que teñen, é dicir, da cantidade de átomos ou materia que conseguiron xuntar ao formarse. Se teñen pouca masa acabarán convertidas en enanas brancas, e se teñen moita masa acabarán estoupando en supernovas e poden morrer convertidas en estrelas de neutróns ou incluso en buracos negros, tan pequenos e con tanta masa e polo tanto tanta gravidade que non deixarán escapar nin un raio de luz e se tragarán todo astro que se achegue a eles.

Na web de AstroAfición atopamos 4 artigos que explican a evolución das estrelas:

Un vídeo que explica todo o proceso de orixe e evolución das estrelas

 

OS ÁTOMOS

 Os primeiros átomos formáronse uns 300.000 anos despois do Big-Bang, cando os protóns existentes captaron os electróns. O átomo máis sinxelo é o de Hidróxeno, formado por un protón e un electrón. O protón constitúe o seu núcleo e alberga a masa, mentres que o electrón xira arredor del a unha distancia media de cen mil veces o diámetro do núcleo, en resultas do cal a maior parte do espazo está baleiro. En certa maneira é como un sistema solar en miniatura, co protón como se fose o Sol e o electrón un planeta.

O Hidróxeno é o elemento máis abundante no Universo e o principal combustible das estrelas. A partir da fusión do Hidróxeno no corazón das estrelas, a unha temperatura de millóns de graos centígrados, fórmase o Helio, e do Helio o Litio, e así sucesivamente o Berilio, o Boro, o Carbono, o Nitróxeno, o Osíxeno, ou o Ferro. Finalmente, cando toupa unha supernova tamén se desintegra o seu núcleo de ferro e de aí resultan  os demais átomos. Grazas á existencia deses átomos existen os seres vivos no noso planeta.

Cada átomo está formado por protóns e electróns en mesmo número, pero dependendo de como varía ese número atopamos diferentes átomos ou elementos químicos. Así, o Hidróxeno ten un protón e un electrón, o Helio dous, o Carbono seis, o Nitróxeno sete, o Osíxeno oito, etc. (lémbranos outra vez a imaxe dun sistema planetario, pero que tivese tantas estrelas no centro como planetas xirando arredor delas). O tamaño dos átomos tamén varía, o Hidróxeno é o máis pequeno, da orde de 10 elevado a menos 10 metros (1 Amstrong). Os átomos de Carbono, Nitróxeno e Osíxeno, dobran practicamente o tamaño do átomo de Hidróxeno, e son os elementos dos que está formado máis do 95% do corpo humano. O átomo de Cesio é o máis grande coñecido, e é unhas dez veces maior que o Hidróxeno.

Toda a materia que existe está formada por átomos, que se van combinando entre si como se de notas musicais se tratase. Da mesma maneira que coas notas musicais construímos infinidade de melodías, cos diversos átomos (un cento en total) constrúese toda a realidade que existe. Os átomos primeiro xúntanse en moléculas, e despois estas xúntanse entre si ata formar calquera substancia. Podemos imaxinar unha analoxía coa construción dun edificio, que está formado por ladrillos, e estes feitos de barro; da mesma maneira calquera substancia material tamén está formada por ladrillos (moléculas) feitos de barro (átomos). Por exemplo, se se xuntan dous átomos de Hidróxeno e un de Osíxeno obtense unha molécula de auga; ao xuntarse moitas moléculas de auga forman a auga tal e como a coñecemos.

Nun gramo de Hidróxeno hai aproximadamente 6,024 x10 elevado a 23 átomos (600.000 trillóns de átomos). Saberías dicir cantos átomos hai no Universo?

Todos os tipos de átomos que existen ordénanse na táboa periódica dos elementos.

Enviar un comentario novo

PDI 2024-2025: Galicia polo mundo

PLAMBE

Radio na Biblio

Froita na escola

Xadrez


Proxecto "Colexio do Benquerer"

PDI 2023-2024

PDI 2022-2023

"Protexo o meu planeta! Protéxome eu!"  PDI "Protexo o meu planeta! Protéxome eu!" 

PDI 2021-2022: Os inventos

Camiño Portugués

Camiño Portugués

Blog Aprendo Programando 2016/2017

Pais/Nais

Eventos

« Novembro 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
123
45678910
11121314151617
18192021222324
252627282930

Iniciar sesión

Faite socio!

Pincha enriba do Xabarín para aceder á súa páxina

Portas Abertas Virtuais

  Visita guiada ao noso colexio

Punto Laranxa contra o acoso escolar

INFANTIL: Brincando no Sequelo

Visita o Blogue de Infantil cunha enchente de actividades

A mascota Tuxiña

Pincha na mascota da Biblioteca e acede ao Blog externo

Radio Sequelo

O Sequelo na prensa

Liga Fútbol Sala

1) Clasificación. *

2) Xornadas. *

3) Equipos. *

4) Noticias. *

* Fai clic enriba de cada categoría e abrirache unha nova fiestra.