Skip to Content

Respostas sobre o Samaín

 

 

Samaín, Defuntos, 'Halloween' ou Todos os Santos. Celebracións todas arredor dos dous primeiros días de novembro, cunha mesma orixe e ben antiga. Desde hai anos, en Galicia triunfa o Samaín, unha denominación novidosa para recuper a vella tradición de apañar e tallar cabazas, alumealas con candeas e colocalas nas corredorias ou nas casas. Halloween, Samaín, Defuntos ou Todos os Santos. Son todas celebracións arredor dos dous primeiros días de novembro e que veñen de moi lonxe. A súa orixe, ben sexa na súa versión máis profana ou cristianizada, está nas culturas indoeuropeas que celebraban o inicio dun novo ciclo agrícola, dun novo ano e da fin do verán. A crenza de que os espíritos dos mortos andaban eses días entre os vivos é da que se derivan moitos ritos que, en moitos casos, mantivéronse ata a actualidade máis ou menos modernizados e adapatados pola Igrexa, tal e como explica neste artigo a RAG. Como con todo, hai polémica. 

A festa de orixe indoeuropea foi cambiando, mesturándose con outras culturas e tradicións e adaptada pola Igrexa para venerar así todos os santos e os defuntos. Os costumes iniciais perdéronse en boa parte de Europa pero mantivéronse en moitos países do espazo celta ou atlántico, especialmente en Irlanda. A emigración de milleiros e milleiros de irlandeses a Norteamérica durante o século XIX provocou que aquela festa se espallase polos EUA e Canadá coa denominación de Halloween, derivada da expresión escocesa All Hallows’ Eve (véspera de Todos os Santos). O vello costume de baleirar nabos en Irlanda (e posteriormente cabazas) para poñerlles dentro candeas e escorrentar os espíritos trasladouse aos Estados Unidos, que co paso do tempo engadiu os disfraces como outro elemento máis contemporáneo e propio. 

Samhain. É a orixe de todo. A festividade de orixe celta máis importante no período pagán de Europa ata que foi convertida e adaptada polo cristianismo. Celebrábase a fin da temporada de colleitas, o Ano Novo celta e a chegada do inverno e da estación escura. A palabra é gaélica é significa fin do verán. Os celtas dividían o ano en dúas metades: a parte da luz, que comezaba con Beltaine e a parte da escuridade, que comezaba con Samhain. O termo Samaín foi a adaptación ao galego da palabra irlandesa.

Foi Rafael López Loureiro, mestre de escola de Cedeira, o responsable de redescubrir a tradición da talla de cabazas por Defuntos e comprobar que existía por todo o país ata hai menos de trinta anos. Foi cando a filla chegou de clase cun melón tallado por unha "festa de Halloween" cando decidiu impulsar "unha tradición que aprendera de neno". "Eu facía iso mesmo trinta anos antes cos meus amigos e aprendéranolo miña bisavoa; non tiña sentido que agora se aprendese a través do Halloween", lembra nesta entrevista da TVG. Investigou, escribiu un libro (Samaín, a festa das caliveras) e descubriu como moitas noutras comarcas a tradición era a mesma ou moi semellante. E impulsou unha festa en Cedeira que se foi espallando por todo o país. "O Samaín naceu para que non aparecesen bruxas nin disfraces, algo que non é tradicional", explica. Non o conseguiu de todo.  Máis información en www.praza.gal

 

 

 

 

     

 

 

 

 



blog | by Dr. Radut