Colaboracións de futuro

No transcurso das sesións de reflexión, así como nos intercambios comunicativos posteriores, os equipos de ambos centros revisamos as ideas esbozadas no proxecto de colaboración, chegando á conclusión de que seguen a ser factibles e pertinentes (tan só invertemos a orde de realización entre a proposta a medio e longo prazo, dado que consideramos positivo que o alumnado se coñeza antes); propuxéronse 3 iniciativas:

  1. Colaboración a curto prazo: trátase da realización dun programa de radio en formato podcast conxunto que, como se puido ver no apartado de "difusión" desta memoria, xa realizamos e presentamos como produto final. Ademais, é de acceso libre na rede, polo que contribuímos á difusión do programa Observa_Acción entre as nosas comunidades educativas.
  2. Colaboración a medio prazo: consiste na realización de roteiros intercentros. Tanto o equipo do CEP Xose María Brea Segade como o do CEIP Plurilingüe de Carballedo consideramos que o paso natural a dar no futuro próximo é que o noso alumnado se coñeza. Así, barallamos a posibilidade de que durante o próximo curso poidamos viaxar e realizar actividades conxuntas; procurando elementos en común, estas actividades versarán sobre o respecto pola natureza e o medio ambiente, como participar das visitas ao proxecto Máis ca leña (Taragoña) ou nas Carbarutas (roteiros de sendeirismo; Carballedo). 
  3. Colaboración a longo prazo: unha vez que as e os discentes se coñezan, temos previsto desenvolver propostas conxuntas; a primeira delas será unha colaboración musical, coordinada polos especialistas de ambos centros e apoiadas polos equipos docentes.


Última modificación: mércores, 1 de maio de 2024, 9:16 PM