CEP Xose María Brea Segade

O impacto que a visita de Carballedo tivo na nosa escola, pode ser descrito en tres fases atendendo a súa implantación no día a día da vida escolar.

a) Inmediatez

Na mesma semana que visitamos Carballedo, instalamos un burro para colgar a roupa perdida do noso alumnado. Pode parecer unha pequena cousa, mais a hoxe son, non só as familias, tamén as propias crianzas as que se achegan ao burro para recuperar as súas prendas.

              

b) A curto prazo

Levábamos tempo traballado o tema do horto escolar, mais de forma pouco organizada e sen a implicación de todo o cole. Visitar o centro de Carballedo deunos o impulso definitivo para deseñar un formato que integrara o horto escolar no noso proxecto Mais ca leña. Ademais, co formato escollido daremos integrado a todo o profesorado e alumnado do centro.

A nosa proposta consiste en construír tres canteiros de madeira de piñeiro, no que cada ciclo teña a súa plantación, os seus cultivos segundo o seu propio programa de sementeira, rego, coidados e recolección.

No momento de escribir esta memoria xa temos construído un dos canteiros, que nos servirá de prototipo para a elaboración dos dous restantes.

               

c) Para o vindeiro curso

Comezamos a deseñar os talleres para o vindeiro curso, tendo en conta as nosas características como centro, os materiais con que contamos, as ratios de cada clase, etc. A idea é sacar o maior rendemento aos recursos propios, sempre co obxectivo de obter un produto final avaliable e consonte cos proxectos de cole, os centros de interese marcados para ese curso, etc.

Máis alá dos pequenos ou grandes exemplos recollidos na observación en Carballedo, quixemos que a súa comunidade deixara unha pegada permanente na paisaxe recuperada do noso centro. Así, no souto creado polos nosos escolares, as profesoras de Carballedo plantaron un castiñeiro, que xa está a abrollar as súas primeiras follas verdes.

           


CEIP Plurilingüe de Carballedo

Despois de recibir o feedback das nosas compañeiras/os de Taragoña durante a súa visita ó noso centro e de, posteriormente, visitar o CEP Xose María Brea Segade descubrindo de primeira man as súas instalacións, recursos e iniciativas, describimos un impacto que se traduciu na posta en marcha de iniciativas en tres tempos:
A curto prazo:
  • Creación dun espazo, accesible dende a entrada do centro, para gardar e xestionar os materiais empregados para o tempo de xogo no patio de forma cómoda, onde, ademais, se instalou un panel para dar visibilidade ás propostas de fomento da vida activa e deportiva que impulsa o centro.
  • Se ben en Carballedo estaba xa proxectada a idea de crear novos espazos de lectura polo centro, extraendo a idea da nosa visita a Taragoña comezamos a modificar a entrada do centro para ampliar o uso dos libros e materiais da biblioteca a este espazo. Deste modo, non só dinamizamos ditos recursos, senón que convidamos ó alumnado a entrar na biblioteca ó tempo que xeramos un lugar de acollida e recibimento agradable para nenas e nenos, familias e todos aqueles membros da comunidade educativa que nos visitan.
  • Incrementar os materiais e espazos para dinamizar os tempos de lecer; por exemplo, despois da nosa visita ó Brea Segade mercamos materiais para o patio e comezamos a construción dunha cabana de vimbios vivos.


A medio prazo:

  • Continuaremos coa transformación do patio para dinamizar o mesmo.
  • Inspirados tamén polo espazo de biblioteca do CEP Xose María Brea Segade, entre xuño deste mesmo curso e outubro transformaremos a biblioteca, creando non só novos espazos de lectura, senón de traballo, investigación, experimentación... Neste senso, está formulada a proposta para o vindeiro Consello da Infancia (crearemos un croquis e faremos modificacións) e o alumnado de 3º xa comezou a medir o espazo para mercar a pintura e comezar coa obra.
  • Durante o vindeiro curso, comezaremos a implantar obradoiros de formación para as familias nas que, tal e como nos deron a coñecer as compañeiras/os de Taragoña, as familiaricemos cos recursos que tamén empregan as súas fillas e fillos no centro.
  • Por último, temos planificado contactar co concello e distintas asociacións culturais para participar conxuntamente na creación de programas de radio ou podcast que poñan en valor a súa actividade e os recursos próximos ó tempo que lle brindamos ó alumnado a oportunidade de coñecelos e aprender deles.
A longo prazo:
  • Inspirados polo aproveitamento dos recursos naturais da contorna que envolven o CEP Xose María Brea Segade, pensamos en crear, coa participación activa dos nenos, un roteiro con marcaxe permanente polas marxes do río que temos preto do centro. Deste xeito, non só servirá para as nosas Carbarutas, senón que tamén poñeremos en valor este espazo entre o alumnado, crearemos oportunidades únicas de aprendizaxe e lle daremos visibilidade.


  • Por último, a observación directa da rede colaborativa que o Brea Segade estableceu cos membros e entidades da súa comunidade animounos a facer unha labor de indagación sobre aquelas asociacións, particulares, empresas... que desenvolven a súa actividade na contorna próxima do centro e coas que podemos iniciar proxectos e impulsar iniciativas que beneficien tanto ó alumnado e os seus procesos de aprendizaxe como á propia comunidade.

En resumo: O IMPACTO A NIVEL AULA, CENTRO E COMUNIDADE EDUCATIVA
O impacto e as sinerxias que establecemos en 3 tempos para cada un dos centros tamén poden lerse en función do seu marco de influencia; deste xeito e en resumo do anterior, pode describirse un impacto:
  • A nivel aula

No tocante á planificación e estruturación das sesións, no incremento de obxectivos vinculados á investigación dos recursos naturais e culturais da contorna e, por último, en relación ó mantemento de sesións de observación entre o profesorado de cada centro dentro das aulas do mesmo (para seguir nutríndonos da práctica das compañeiras e compañeiros).

  • A nivel centro

Citáronse diversas propostas; por exemplo, En Taragoña: a instalación dun "burro" para colgar a roupa extraviada polo alumnado visible na entrada do centro, a creación dun horto escolar en canteiros para facilitar o proceso de plantación, coidado e recolección, a recuperación para o vindeiro curso de talleres internivelares que faciliten a atención á diversidade e a explotación dos recursos do centro...

En Carballedo: a creación dun espazo para gardar e xestionar o material do patio, a colocación dun panel para darlle visibilidade ás propostas de vida activa e deportiva, a modificación da entrada do centro para ampliar o uso dos recursos da biblioteca a este espazo, a transformación da biblioteca, o incremento de materiais e espazos para os tempos de lecer...

  • Na comunidade educativa

Neste senso, No CEP Xose María Brea Segade traduciuse na ampliación do seu souto, ademais de afianzar os vínculos coa comunidade de montes e a colaboración con diversos organismos e asociacións.

No CEIP Plurilingüe de Carballedo, mencionouse neste ámbito a creación dese espazo de acollida na entrada do centro con material de lectura que convide a entrar e facilite a unha entrada relaxada, a planificación para o vindeiro curso de obradoiros de formación para as familias na que daremos a coñecer recursos e espazos do centro, a creación dun roteiro de marcase permanente próximo ó centro e, por último, o establecemento de conexións co concello e asociacións culturais coas que formar un tecido colaborativo.


Última modificación: xoves, 9 de maio de 2024, 6:30 PM