Sesións de Reflexión

Por común acordo de ambos os centros, decidimos que as sesións de reflexións terían lugar no mesmo día en que efectuáramos sendas visitas. Con tal motivo, e en presenza das coordinadoras CAFI, reunimonos na tarde do 20 de marzo e do 3 de abril, como fica sinalado no noso cronograma. 

20 de Marzo. Lugar: Sala de mestres/as do CEIP Plurilingüe de Carballedo.

A proposta da coordinadora de Observa_Acción do CEIP Plurilingüe de Carballedo, pediuse aos compañeiros/as do CEP Brea Segade que expuxeran as súas primeiras impresións sobre a xornada de convivencia.  Despois de agradecer a impecable organización por parte do centro acolledor, o profesorado de Taragoña destacou nunha reflexión crítica os seguintes aspectos relevantes de entre todo o observado esa mañá:

  • A implicación de todo o centro nas actividades propostas. Non nos parece fácil conseguir que todos os proxectos do colexio sexan asumidos pola totalidade do profesorado, logrando un consenso no deseño pedagóxico do centro. Na mañá que pasamos en Carballedo, vimos unha comunidade escolar perfectamente coordinada, onde cada elemento, sexa profesorado, coidadoras, alumnado ou traballadores/as de limpeza ou comedor, sabían en cada momento cal era o espazo que debían ocupar e a actividade a realizar. Con todo, e apesares do elevado nivel de organización, as actividades non resultaron en absoluto ríxidas ou fechadas, mais ben fomentaban a creatividade e a iniciativa do alumnado.
  • Destacouse tamén o traballo interclase, onde grupos de crianzas de infantil a sexto realizaban unha mesma actividade, sen que ninguén ficase descolgado pola dificultade ou simpleza da tarefa ou mesmo polas diferentes velocidades á hora de realizar o traballo. Non observamos ningún conflito entre as crianzas, e si unha predisposición a colaborar entre eles para que o produto final saíse satisfactoriamente.
  • Ao profesorado de Taragoña resultoulle moi interesante tamén o aproveitamento dos diferentes espazos do cole, con todo o necesario para realizar as tarefas concretas dos obradoiros, como o taller de cerámica, o de cociña, a zona dos Polos Creativos, a radio, etc. Organizar e dotar estes espazos require dunha planificación que combine a xestión do orzamento, a participación en proxectos da Consellería, a negociación, non sempre fácil, co Concello e moitas outras tarefas que non sempre son recoñecidas cando se ve a obra acabada.
  • Da observación no interior dunha aula, neste caso a de Coñecemento 5º e 6º, destacouse o dinamismo da clase, afastado do estilo de aula maxistral, do silencio reverencial e da permanencia no pupitre. Toda a aula era un espazo accesible en cada momento, o alumnado mantiña unha constante conversa motivados na actividade que estaban a realizar e, finalmente, expuxeron con claridade e fundamento as conclusións ao aprendido anteriormente.

O CEP Xosé María Brea Segade manifestou tamén o seu interese por algúns pequenos detalles da organización do centro como a existencia dun burro para colgar a roupa esquecida polo alumnado, sistema que foi copiado de inmediato. Igualmente fixéronse preguntas sobre a xestión do horto escolar, ante a inminente posta en marcha do seu propio horto no colexio de Taragoña.

Desde o CEIP Plurilingüe de Carballedo pediuse igualmente que se indicaran aspectos a mellorar. O colexio de Taragoña manifestou que lles resulta moi complicado realizar unha crítica negativa, en primeiro lugar pola calidade das actividades observadas, mais tamén porque un modelo como o de Carballedo só pode ser valorado vendo os resultados ao longo tempo. Ora que, o CEP Xosé María Brea Segade pode achegar ao de Carballedo a súa experiencia no traballo coa comunidade a través da recollida e recuperación de manifestacións do folclore local, o traballo coa Comunidade de Montes, o servizo á comunidade producindo podcast, aulas virtuais abertas con contidos de interese para a súa veciñanza, etc. Para o profesorado de Taragoña, talvez este sexa unha posibilidade de mellora para o colexio de Carballedo.


3 de Abril. Lugar: sala de profesorado do CEP Xose María Brea Segade

Comezamos a sesión de reflexión crítica intercambiando as nosas sensacións e primeiras impresións despois da xornada de observación; neste senso, as mestras do CEIP Plurilingüe de Carballedo agradecemos a marabillosa benvida e acollida que nos deron as compañeiras/os de Taragoña, a excelente organización da xornada e, por suposto, o agasallo que nos brindaron ó poder plantar a nosa árbore. Alén, resaltamos o nivel de traballo que imprimen no coidado do centro e na realización dos proxectos que levan a cabo.

Ó longo da nosa conversa resaltamos os seguintes aspectos:

  • De novo, o cariño e implicación do profesorado observado na recuperación e explotación dos recursos do centro e da contorna, que sen dúbida lle transmiten ás súas alumnas e alumnos.
  • A existencia de proxectos magníficos como o Máis ca leña, a creación dunha aula museo ou a produción de podcast, entre outros. Non só os apreciamos pertinentes e adaptados ás idades e características do alumnado, senón que os consideranmos excelentes ferramentas para conectar ós discentes coa idiosincrasia da contorna, poñer en valor os recursos próximos e crear oportunidades de inclusión real das e dos escolares. Sen dúbida, fixéronnos reflexionar e pensar novas formas de aproveitamento dos espazos naturais e recursos culturais que rodean o noso propio centro.
  • A utilización do método Sintaxe tamén nos chamou a atención, polo que consideramos firmemente introducilo en Carballedo.
  • Resaltamos tamén a variedade de espazos no patio e a xestión dos recursos empregados nos momentos de lecer (cun sistema moi ben pensado e organizado en función das súas necesidades). Así mesmo, apreciamos a recuperación de aulas en desuso para novos fins.
  • Do aproveitamento e dotación da biblioteca tamén extraemos varias ideas que destacamos nesta sesión de reflexión, como a configuración e utilización do espazo, a posta en marcha de obradoiros de formación coas familias (nos que se poñan en uso e se dean a coñecer os recursos da mesma) e a posibilidade de extendela á entrada do centro (pois a localización da biblioteca en ambos centros é moi similar e permítenos copiarlles esta idea facilmente).
  • O envexable tecido colaborativo que o CEP Xose María Brea Segade estableceu, non só coa comunidade de Montes, senón coas familias, asociacións, antigos alumnos... que indubidablemente nos impulsará a establecer novas redes de apoio e relación na nosa contorna.

Finalizamos a sesión de reflexión formulando algunhas propostas de mellora; deste xeito, animamos ó equipo do Brea Segade a recuperar os obradoiros internivelares, a implementar o proxecto Máis ca Leña en tódolos cursos (xa que nos parece unha iniciativa fantástica) e a continuar a recuperación e posta en valor do folclore popular da zona e dos seus recursos naturais e culturais.


Propostas de colaboración

Ademais da reflexión crítica, onde se sinalaron os aspectos máis relevantes e as áreas de mellora vencelladas ós obxectivos, establecéronse en ambos encontros unha serie de propostas concretas de colaboración:

  • A creación dun programa de radio en formato podcast.
  • A realización de roteiros intercentros.
  • Colaboración musical entre o alumnado.
  • Actividades vencelladas á recuperación e posta en valor do folclore popular de cada zona.
  • Creación de recursos e proxectos para o aproveitamento dos espazos naturais que rodean ós centros.
  • Intercambio de experiencias e recursos entre o profesorado.

Ditas propostas recompílanse e detállanse polo miúdo no apartado VII "Colaboracións de futuro".


Última modificación: sábado, 11 de maio de 2024, 8:23 PM