Obxectivos
II Obxectivos
CEP XOSE MARÍA BREA SEGADE
A análise do noso DAFO, e a reflexión sobre a observación na CEIP Plurilingüe de Carballedo, levounos a deseñar uns obxectivos concretos, que suporán un reto para nós nos vindeiros cursos.
O obxectivo fundamental que nos marcamos é a integración de todo o profesorado nos diferentes proxectos activos no centro. Na actualidade, proxectos que ao noso ver teñen un grande valor no ámbito da innovación educativa e as boas prácticas, teñen unha desigual implantación no centro, pola falta de implicación de parte do profesorado. Na observación realizada no CEIP Plurilingüe de Carballedo percibimos o valor do traballo en equipo e da necesidade de que cada proxecto sexa un proxecto de centro.
Este obxectivo principal precisa de abordar obxectivos máis pequenos, estratexias que integren a toda a comunidade, tendo en conta as potencialidades de cada quen. Así, o noso proxecto Mais ca leña, baseado nos recursos que o monte ofrece á comunidade, está a ser ampliado no presente curso escolar, creando unha zona de cultivos e selección de sementes en canteiros de madeira de piñeiro rubio. Esta nova instalación favorece integrar aos mais cativos do colexio, cunha actividade de grande contido formativo, no exterior da aula convencional mais sen grande desprazamento e realizando un traballo colaborador. A observación dos cultivos escolares do CEIP Plurilingüe de Carballedo foi inspirador para nós por canto se trataba dun labor adaptado a cada nivel e con grande autonomía do alumnado.
Relacionado co noso novo horto escolar, tamén recollemos do CEIP Plurilingüe de Carballedo a intención de que a nosa produción repercuta na comunidade. O centro escolar de Cotobade fai un traballo magnífico a través da fórmula de cooperativa. No noso caso, queremos que o noso horto sexa un banco de sementes autóctonas, que procesadas en pequenos sobres poidan chegar ás casas do noso alumnado para seren plantadas nos seus hortos particulares.
Outra dos obxectivos que xurdiron da nosa visita a Carballedo é a recuperación no noso cole dos talleres multidisciplinais. A dinámica dos talleres no cole observado é moi similar á que tíñamos no noso centro, anos atrás. Agora, coa dotación dos polos, cando chegar, e con todos os recursos con que conta o centro -biblioteca, radio escolar, aula de informática, etc.- estamos preparadas para afrontar novos talleres ao longo do curso escolar. Temos que pensar no formato, na temporización, no produto final que queremos lograr, mais os talleres multidisciplinais coinciden totalmente coa idea de escola pública que queremos desenvolver.
CEIP PLURILINGÜE DE CARBALLEDO
Durante a elaboración e posterior revisión do noso DAFO, fixamos unha serie de obxectivos a perseguir durante a realización do programa, que marcarían tamén a folla de ruta nos vindeiros cursos. Porén, a observación e o enriquecedor intercambio de experiencias co profesorado do CEP Xose María Brea Segade, fíxonos revalorar algúns deles, primar a continuidade doutros e establecer novos propósitos:
- Incrementar a colaboración con entidades da contorna, concello, asociacións... Se ben o noso centro prima a participación das familias no ámbito escolar e colabora de varias formas co Concello e algunha asociación, observamos o envexable tecido colaborativo que as nosas compañeiras e compañeiros do Brea Segade teñen establecido coa Comunidade de montes, asociacións culturais, familias... e os beneficios que iso conleva; polo tanto, nos vindeiros cursos estableceremos contacto con grupos culturais e entidades próximas coas que poidamos establecer relacións.
- Facilitar a formación do profesorado en aspectos vinculados estreitamente ó aproveitamento dos recursos naturais e culturais da contorna. En liña co obxectivo anterior, decidimos destinar tempo e recursos en familiarizar ó claustro cos bens materiais e culturais que conforman a contorna do centro, xa que só deste xeito se garante unha transferencia correcta de contidos e o amor do alumnado pola idiosincrasia da súa contorna. Neste senso, o equipo de Taragoña desenvolve iniciativas fantásticas, como a aula museo ou o proxecto Máis ca leña, nos que puidemos apreciar o cariño do profesorado polas iniciaitivas e como iso repercutía no interese e aprendizaxe do seu alumnado.
- Incluír máis propostas para dinamizar os patios. Se ben contamos con recursos e iniciativas para tal fin (semanas de rodas, biblioteca aberta, espazos lectores exteriores...), o noso claustro acordou incrementar ambos aspectos de cara ó novo curso e darlle visibilidade as xa realizadas tras a observación das propostas realizadas no outro centro polas nosas compañeiras/os.
- Consolidar aquelas tendencias educativas que favorecen o noso centro e que se adaptan ás súas características, principalmente, o traballo por proxectos, ambientes, libre circulación e obradoiros internivelares, xa que favorecen moito a atención do alumnado nas aulas mixtas e benefician a inclusión real do alumnado con NEAE.
- Crear unha Escola de pais e nais, non só para a formación e concienciación das familias, senón para darlle visibilidade ós recursos e iniciativas do centro.
- Ampliar o cambio metodolóxico de Ed.Infantil a Ed. Primaria. Reforzados polo feedback das compañeiras e compañeiros do CEP Xose María Brea Segade, incrementaremos as propostas internivel, continuaremos coas asembleas en tódolos cursos e cos círculos de diálogo, extrapolaremos os momentos de libre circulación e fomentaremos os ambientes de aprendizaxe.